Agregador de novas

Dispárase o custo das cabinas telefónicas

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 19:00

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia leva tempo criticando a consideración das cabinas telefónicas como servizo universal, por ser un servizo innecesario e caro, e para ilustrar o tema publicaron hoxe no seu blog oficial un artigo no que desvelan que durante 2015 o custo de manter as cabinas foi de 2,07 millóns de euros, cantidade que non parou de medrar nos últimos 4 anos (nos anos anteriores custaba 1,33, 1,20 e 0,40 millóns de euros).
O Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital convocou un concurso para o mantemento das cabinas como servizo universal, que quedou deserto, polo que tiveron que forzar a Telefónica a facerse cargo até o 31 de decembro de 2018. Queda agora por ver se durante o ano que vén modifican a normativa para reformular o servizo universal e eliminar as cabinas, como pretende a CNMC, o que tamén poderían aproveitar para dicir adeus a outro produto obsoleto, como serían as guías telefónicas en papel.

Categorías: Ciencia

O Concello de Brión aposta pola información e a participación veciñal na súa nova app

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 19:00

O Concello de Brión vén de poñer en marcha unha aplicación móbil de balde para mellorar ao máximo a comunicación entre a Administración local e a veciñanza, fomentando a participación, a cidadanía activa e a interacción. Trátase da app Brión Informa, que, como seu nome indica, foi desenvolvida para botar abaixo atrancos comunicativos tirando proveito das tecnoloxías, neste caso concreto as ferramentas móbiles. Segundo puidemos saber, Brión Informa permitirá aos usuarios recibir información municipal de interese e transmitir ao Concello información sobre incidencias, consultas e mesmo propostas. “Unha comunicación rápida e sinxela a través de mensaxes de texto que poden ir complementadas por imaxes e xeolocalización”, engade o Goberno local.
A app pode descargarse totalmente de balde na tenda de aplicacións de Google Play para os usuarios da plataforma Android ou na App Store para os dispositivos con iOS de Apple. Tamén se pode acceder dende a páxina web do Concello de Brión: www.concellodebrion.gal.
A aplicación, explica o Concello, inclúe un menú estruturado en catro categorías diferentes que o usuario poderá configurar e utilizar segundo as súas necesidades. A primeira é a sección que dá nome á aplicación, Brión Informa, e a través de notificacións emerxentes e instantáneas nos seus terminais móbiles, a veciñanza estará informada de todas as actividades que se realicen no municipio (culturais, deportivas e formativas), así como todos os bandos e convocatorias dos distintos departamentos municipais. Por certo que esta información complementarase cunha axenda e unha listaxe telefónica.
A derradeira sección, Comunica, permitirá que sexa o veciño ou veciña quen teña a opción de comunicarse co Concello, enviando consultas, facendo propostas ou mesmo trasladando incidencias xeolocalizadas e con fotografías, o que axilizará “a resposta e pronta solución por parte do Concello de Brión”, informou o equipo local de Goberno, engadindo que coa app tamén se lles abre aos veciños a posibilidade de faceren seguimento do estado das súas comunicacións en tempo real.
Esta nova ferramenta tecnolóxica súmase á outra aplicación municipal de promoción turística xa existente, tamén dispoñible nos devanditos acubillos en liña baixo a denominación "Concello de Brión".

Categorías: Ciencia

O sector TIC galego rexistra o maior volume de negocio desde 2011

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 14:38

O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.437, fronte ás 2.331 do ano anterior, o que representa un crecemento do 4,5% segundo datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2017, que tamén indica que o sector TIC galego deu emprego a 16.098 traballadores en 2016, o que supón un incremento do 2,6% no último ano.
O crecemento no volume de empresas TIC prodúcese, especialmente, nas empresas máis pequenas, o que pon de manifesto á tendencia ao emprendemento neste sector. Así, o 83,6% das empresas TIC galegas ten un máximo de dous empregados, 89 empresas máis que o ano anterior neste segmento empresarial.
O volume de negocio das empresas TIC galegas acadou os 2.522 millóns de euros no ano 2016, cun aumento do 2,8% con respecto ao ano 2015, e a cifra máis alta rexistrada desde 2011. En relación ao peso do sector na economía galega, o estudo do OSIMGA indica que o valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego en 2014 superou os 1.015 millóns de euros, o 1,8% do PIB total de Galicia.
Por outra banda, a porcentaxe de empresas do sector TIC galego que realizaron actividades de I+D+i durante os últimos 3 anos incrementouse en 4,1 puntos respecto ao dato do ano anterior, pasando dun 25,9% a un 31%. Entre as empresas TIC que realizaron actividades I+D+i, un 72,2% obtivo resultados comercializables. Cabe salientar que que o 18,4% das empresas TIC galegas colaboraron con outras empresas para realizar actividades de innovación.
O estudo pon de manifesto as dificultades que as empresas TIC galegas experimentan á hora de contratar profesionais TIC cos coñecementos e experiencia de interese para a súa organización. Máis da metade das empresas TIC (51%) sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en TIC, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa.
Novamente increméntase a velocidade de conexión a Internet que teñen contratadas as empresas TIC galegas, de xeito que máis da metade (51%) posúe xa velocidades superiores a 100 Mbps fronte ao 38,3% no ano 2016.
Séguese a reafirmar o uso de servizos de tecnoloxías Cloud, acadando o 43,9% e aumentando respecto ao ano 2016 en 1,7 puntos. O crecemento total no período 2013-2017 foi de 10,9 puntos porcentuais. O software entendido como Servizo (SaaS), tales como Google Apps Bussiness, Office 365, SalesForce.com, Dropbox, etc é o que máis empregan as empresas TIC galegas.
Outra tendencia que se extrae do estudo do OSIMGA é o desenvolvemento de software para plataformas móbiles: Un 28,9% das empresas TIC ofreceron desenvolvementos específicos de software para plataformas móbiles. Entre estas empresas TIC aumenta a cifra de negocio xerada por estes desenvolvementos, acadando o 22,8% do volume de negocio total destas empresas, 3,7 puntos máis que no ano anterior.
A presenza en redes sociais segue a incrementarse nas empresas TIC galegas, situándose no 40,1%, cun incremento de 9,5 puntos porcentuais no período 2013-2017.

Categorías: Ciencia

Os nosos enxeñeiros de Telecomunicación pechan fileiras arredor do gran reto TIC do noso tempo: a ciberseguridade

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 14:30
Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG

Este ano están a acontecer, na nosa terra, moitas cousas TIC. Unha parte importante delas teñen estreita relación co Colexio Oficial e coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). Por exemplo a celebración recente da Noite Galega das Telecomunicacións. Para afondarmos no alcance deste acontecemento e nas outras accións que están a organizar as ditas entidades para conmemorar cadanseus aniversarios (os 25 anos da asociación e os 50 do colexio), falamos con Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG e presidente da AETG. Asemade, tivemos ocasión de charlar arredor dun dos grandes retos do noso tempo, a ciberseguridade, e do papel que deben xogar nel os profesionais que representan estas entidades.

-Que representa para vostede a Noite Galega das Telecomunicacións?
-A Noite Galega das Telecomunicacións é o evento de referencia do sector TIC en Galicia a día de hoxe. Levamos xa 22 edicións celebradas e ano tras ano a nosa gala foi gañando visibilidade de forma que, tanto para os nosos colexiados e asociados como para o empresariado e a administración pública, este acto converteuse nunha cita obrigada para todos os axentes involucrados no desenvolvemento do sector TIC galego.

-Que tivo esta Noite, a 22 edición, que non tiveran as anteriores edicións, de por si significativas e importantes?
-Este ano dedicamos a Noite á ciberseguridade, tema do que aínda queda moito por falar e por facer. Quixemos dedicar esta edición do evento á ciberseguridade porque pensamos que os enxeñeiros de Telecomunicación somos os profesionais que temos que abordar este novo desafío e quixemos realizar un chamamento aos compañeiros sobre a importancia da seguridade no mundo dixital, como un dos piares básicos da economía do futuro e sobre as oportunidades profesionais que ofrece esta área de traballo para o noso colectivo.

-Na Noite Galega das Telecomunicacións falouse moito de ciberseguridade. Por que se elixiu esta cuestión? Vostede tamén comparte a opinión de que a seguridade TIC, ou mellor dito a inseguridade nas TIC, pode comprometer o futuro da revolución tecnolóxica e informativa que estamos comezando a vivir? Que podemos facer dende Galicia para cambiar o rumbo da situación?
-A facturación mundial por ciberseguridade ascendeu en 2015 a 62.540 millóns de euros e prevese que chegue a 79.292 millóns en 2018. O Observatorio Nacional de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (ONTSI) taxou esta cantidade en España en case 600 millóns en 2014. Este organismo contabilizou máis de 530 empresas que se dedican a esta actividade ou outras semellantes ou complementarias. Este colectivo, que investiu uns 80 millóns de euros fai un par de exercicios, dá traballo a practicamente 6.000 persoas, segundo apunta o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
En Galicia xa están en marcha iniciativas para formar aos nosos enxeñeiros como a da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación en Vigo ou a da escola de negocios dixitais, HUB, na Coruña, que preparan senllos Máster en Ciberseguridade para preparar aos nosos profesionais.

-Que destacaría dos profesionais, das entidades e das empresas premiadas nesta edición? Que é iso que teñen en común e que lles valeu o recoñecemento dos nosos profesionais da Telecomunicación?
-Os premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información constitúen, por unha banda, unha excelente plataforma para a promoción e proxección de empresas e profesionais así como para os produtos e servizos que desenvolven e por outra banda, supoñen o recoñecemento a aquelas persoas ou entidades que, ao longo da súa traxectoria profesional ou segundo os seus programas, contribuíron de forma significativa ao desenvolvemento do sector TIC galego.
Bo exemplo disto é o enxeñeiro de telecomunicación galardoado co premio Enxeñeiro do Ano 2017, Paulino González Pan, cunha exemplar traxectoria profesional e do que salientamos ademais o seu compromiso co Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia ao longo de todos estes anos.
Este ano quixemos salientar tamén o labor da administración pública na contribución á aceleración da economía dixital galega, outorgándolle a Mar Pereira, directora da AMTEGA, o título de Socia de Honra 2017 da AETG.
Empresas como Situm Technologies galardoada co premio da Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos ou Balidea Consulting & Programing galardoada co Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado en colaboración coa AMTEGA, desenvolveron produtos tecnolóxicos de gran calidade e cun forte potencial. Tamén tivo cabida nos nosos recoñecementos o excelente traballo de Alejandro Ramos Soto coa súa tese doutoral, premio Gradiant. Ou o enxeñeiro de telecomunicación Víctor Manuel Segura Sieiro co premio ao Mellor Expediente Académico. A madeireira FINSA foi outra das empresas protagonistas, galardoada co premio Acuntia.

Participantes na edición 2017 da Noite das Telecomunicacións de Galicia

-Cónstanos nova equipa do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, que vostede dirixe e que comezou a súa andaina en primavera deste ano, xa está plenamente consolidada e, como se adoita dicir, co maquinaria ben engraxada. Proba diso son as actividades que están a xurdir, sen pausa, do Colexio. Que podemos ir agardando, a curto, medio e longo prazo, desta nova directiva que vostede representa?
-Os retos de cara a esta nova etapa do Colexio e da Asociación están xa moi definidos na axenda dos vindeiros meses. Temos por diante unha tarefa moi importante de consolidación do noso colectivo ante a sociedade como punto de referencia no que a servizos á cidadanía se refire.
Tamén temos xa en axenda actuacións específicas de cara a conseguir que os enxeñeiros de telecomunicación galegos estean en permanente contacto co Colexio e coa Asociación e fagan uso dos servizos que lles ofrecemos como colexiados e asociados. Canto máis unido e forte sexa o noso colectivo, de mellor forma poderemos contribuír ao progreso da sociedade dixital.

-Dicía vostede que un dos desafíos principais do Colexio é atraer novas colexiadas e colexiados. Como pensan facelo?
-Afrontaremos este reto con actuacións específicas como por exemplo a que celebramos o día 1 de decembro con motivo do 25 aniversario da AETG. Actuacións como esta, pensamos que poden servir para dar a coñecer aos telecos, o papel que xogan organizacións coma a nosa en beneficio do colectivo propio e en consecuencia de toda sociedade.

-25 anos da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e tamén 50 anos do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación. Que representa esta entidade para a sociedade?
-O Colexio, igual que a Asociación, desempeña un intenso labor de colaboración con universidades, coa administración local, autonómica e estatal, así como de empresas e axentes do sector co principal obxectivo de ser útiles e achegar os nosos coñecementos profesionais e a nosa experiencia ao conxunto da sociedade.

-Hai actividades previstas para conmemorar este fito?
-Celebramos estes 50 anos de historia, cun programa de actos e actividades entre os que destacamos a exposición itinerante da experiencia de realidade virtual inmersiva. Esta iniciativa percorre diferentes puntos da xeografía española amosando a historia das telecomunicacións e o rol fundamental dos enxeñeiros de Telecomunicación na transformación da sociedade. En Galicia realizouse concretamente no Museo Interactivo Domus da Coruña, no Museo de Pontevedra e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo.

-O COETG forma parte do Consello Galego de Enxeñerías dende a súa fundación. Pode dicirnos para que foi creada esta entidade e cales son os seus obxectivos?
-O CGES constituíuse a principios do 2016 como organización de natureza asociativa da que forman parte os colexios profesionais de enxeñeiros presentes en Galicia correspondentes ás enxeñerías superiores que, ao igual que o COETG, están reguladas e posúen atribucións profesionais.
Os obxectivos fundamentais do CGES buscan potenciar o traballo interdisciplinar no marco da enxeñería promovendo a coordinación entre as diferentes especialidades e fomentar o desenvolvemento tecnolóxico e a súa aplicabilidade á sociedade. Complementa en certo modo os obxectivos do COETG, así como do resto de colexios profesionais que forman parte da entidade na procura de trasladar á sociedade o alcance e as achegas da enxeñería galega para o mellor desenvolvemento presente o futuro da humanidade.

Categorías: Ciencia

Investigadores do CITIC presentan o día 15 as súas memorias anuais de seguimento

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 13:03

O vindeiro 15 de decembro, ás 11:30 horas, o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá nas súas instalacións unha xornada na que investigadores pre-doutorais e post-doutorais do propio Centro presentarán as memorias anuais de seguimento dos traballos de investigación desenvolvidos desde a súa contratación o pasado mes de xuño. Os procesos de selección destes investigadores foron financiados pola Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con cargo á axuda de Centros Singulares de Investigación para o período 2016-2019.
A vicecoordinadora e responsable científica do CITIC, Bertha Guijarro, será a encargada de inaugurar a xornada e clausúraa correrá a cargo de Manuel F. González Penedo, coordinador do Centro. Quen queira máis información sobre as actividades da xornada (o programa) pode consultalo xa na ligazón específica habilitada polo CITIC (formato PDF).

Categorías: Ciencia

A Coruña, a cidade que estaría máis favor do coche autónomo no ámbito estatal

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 12:23

A semana pasada publicouse un estudo (a cuarta Radiografía dos Hábitos de Mobilidade dos Españois realizada polo Foro de Mobilidade de Alphabet) que sitúa a cidadanía da Coruña como a máis proclive ao emprego do automóbil autónomo. De feito, case a metade dos coruñeses estarían a favor do emprego e espallamento do coche smart (o 46%, oito puntos por riba da media estatal, que é do 38%) e arredor dun terzo considera que o vehículo eléctrico é “a solución ideal de mobilidade persoal na cidade”, o que representa a cifra máis alta de España, cun 67%. Practicamente a totalidade dos habitantes do concello recoñeceu estar disposto a empregar o vehículo autónomo de contado.
Por outra banda, e como complemento doutras medidas análogas a prol da sustentabilidade e o medio ambiente, máis da metade da poboación da Coruña estaría a favor de restrinxir o acceso ao centro dalgunha maneira. Outras das medidas con maior respaldo serían crear zonas peonís en rúas céntricas (39%) ou aumentar os carrís bici (48%).
O estudo tamén revela datos interesantes sobre o uso de novas tecnoloxías en mobilidade, mostrando a faciana máis positiva (navegadores para tránsitos seguros e sustentábeis, aplicacións que nos axudan atopar destinos e a aparcar) e, tamén, a máis negativa da cuestión (uso de servizos de mensaxes instantáneas durante o desprazamento). Segundo se desprende da investigación, o emprego de móbil ou smartphone ao volante, a nivel estatal, subiu de maneira considerábel respecto de 2016, pasando do 30% ao 42%. No caso dos coruñeses, o 42% recoñece facelo fronte ao 28% que afirmaba ter este hábito o ano pasado. No lado negativo, o 8% recoñece utilizalo sen mans libres, por exemplo para escribir mensaxes instantáneas (WhatsApp) ou consultar e responder correos electrónicos. Por outra banda, o 67% dos condutores da cidade galega utilizan aplicacións móbiles para evitar atoamentos, aforrar combustíbel ou aumentar a súa seguridade).
Pero as aplicacións móbiles tamén son útiles para xestionar a mobilidade, así o confirma o 44% dos coruñeses que os utilizan, máis alto que a media nacional cun 32%. A do autobús é a máis utilizada polos habitantes da cidade galega, cun 86,5%.
Se falamos de compartir coche, un 45% afirma facelo nalgunha ocasión, un dato máis elevado con respecto ao ano pasado, que obtivo un 41%. De feito, as modalidades máis populares son compartir coche entre amigos e familiares, seguido de opcións como BlaBlaCar cun 29%.

Categorías: Ciencia

A FIC introducirá á rapazada na programación informática o día 16

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 12:20

O vindeiro sábado a Facultade de Informática da Coruña celebra A Hora do Código UDC 2017, un evento de balde que busca promover as Ciencias da Computación entre a rapazada (está aberto a público de entre 8 e 14 anos), con especial atención a incrementar o número de mulleres e estudantes de colectivos minoritarios que aprendan a programar.
A xornada pretende instruír en conceptos fundamentais de programación, dispoñendo para iso de bloques lóxicos que, amoreándose nunha orde axeitada, realicen unha acción concreta, como mover un personaxe nunha escena ou debuxar unha forma.
Os cativos que queiran participar nesta actividade teñen que reservar a súa praza, vir acompañados por un adulto responsable e traer un ordenador ou tableta (aínda que tamén se emprestarán dispositivos para quen non poida levar un). Distribuiranse por idades e niveis en grupos de 10-18 e contarán cun monitor que os dirixirá e orientará nas actividades.
Para esta introdución á programación realizaranse actividades deseñadas para a ocasión, que empregan programación visual para facilitar a aprendizaxe dos conceptos e, para facer máis atractivos os distintos desafíos a superar, estarán ambientados en escenarios de franquías populares como Vaiana, Frozen, Minecraft, Angry Birds ou Star Wars.

Categorías: Ciencia

VESA aproba unha norma para o HDR en monitores de ordenador

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 11:55

Aínda que é frecuente que a porta de entrada de moitas innovacións tecnolóxicas no fogar sexa a informática, hai tecnoloxías que tardan en chegar, e nun momento no que os televisores 4K con HDR son a norma no mercado de consumo, vemos como nos ordenadores persoais nin sequera tiñamos normas para conducir estas interesantes melloras visuais, para o que a Video Electronics Stardards Association (VESA) anuncia a primeira especificación estándar aberta para o HDR.
As novas especificacións para monitores informáticos chámase DisplayHDR e diríxese inicialmente a pantallas LCD para portátiles e ordenadores de sobremesa (a tecnoloxía OLED estará soportada por futuras versións do estándar). O DisplayHDR v1.0 establece 3 niveis distintos de HDR para facilitar a adopción desta tecnoloxía en función da gama dos distintos equipos (indo dende equipos de entrada até monitores profesionais).
Este estándar busca principalmente evitar a confusión entre os distintos tipos de HDR, de xeito que en equipos informáticos haxa unhas especificacións claras para os fabricantes de hardware, que agora poderán lucir o logotipo de DisplayHDR 400 nos seus monitores básicos con HDR, DisplayHDR 600 nos de gama media e DisplayHDR 1000 nos de alta gama (o número que acompaña a cada norma e a luminancia máxima dos paneis medida en candeas por metro cadrado).
Para facernos unha idea da luminosidade dos monitores con certificación VESA para o HDR podemos comentar que as pantallas con DisplayHDR 400 teñen unha luminosidade un 50% maior que a meirande parte das pantallas de portátil, á vez que tamén soportarán imaxes de 8 bits (normalmente os portátiles procesan só 6 bits emulando os 8), polo que estas novas especificacións poden ser un impulso para a mellora da calidade das pantallas dos nosos equipos informáticos.

Categorías: Ciencia

Preocupación pola emerxencia de falso porno creado coa axuda da intelixencia artificial

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 11:30
Imaxe dunha película pornográfica na que inseriron a cara da actriz Gal Gadot (protagonista de Wonder Woman)

No filme de Arnold Schwarzenegger de 1987 Perseguido (The Running Man) podiamos ver como simulábase a morte do protagonista de xeito dixital substituíndo a súa cara pola dun actor, efecto visual que naquel momento era pura ficción científica, pero que agora podería considerarse unha realidade arrepiante, polas consecuencias que ten, como vén de demostrar un usuario de Reddit co alcume de deepfakes, quen produciu vídeos pornográficos de celebridades como Scarlett Johansson, Maisie Williams, Taylor Swift, Aubrey Plaza e Gal Gadot valéndose de tecnoloxía de substitución facial.
Nos últimos anos afixémonos a filtros que permiten aplicar efectos nas nosas caras en aplicacións como Snapchat, que nalgúns casos incluso poden substituír un rostro por outro dun xeito un tanto cómico, pero a demostración práctica de que partindo dun bo número de imaxes do rostro dunha persoa pode chegar a implantarse a súa cara nun vídeo, conservando as expresións faciais, e sen precisar de pericia técnica, é algo sobre o que habería que preocuparse, xa que a falsificación de vídeos é agora extraordinariamente doado.
Os vídeos de mostra compartidos por deepfakes son secuencias pornográficas ás que aplicouse un algoritmo de machine learning (partindo de código aberto) que, aínda que non está totalmente depurado, fai un achegamento ao que permite actualmente a tecnoloxía de intercambio de caras baseada en intelixencia artificial que pode o falso porno a un novo nivel, podendo incluso aproveitarse para producir vídeos inculpando a persoas de cousas que nunca fixeron.
Os exemplos publicados na Rede terían como material gráfico de referencia fotografías atopadas en Google, imaxes de arquivo e vídeos de YouTube, ou sexa, material doado de conseguir para adestrar ao sistema para recoñecer a unha persoa e así poder inserir a súa cara nun vídeo, dando a entender que, de ter acceso a material de mellor calidade sería posible unha suplantación facial de grande realismo.
En vista do rápido que está a avanzar esta tecnoloxía, xorde agora un grande reto: poder identificar os vídeos manipulados mediante este tipo de algoritmos.

Categorías: Ciencia

O Concello de Ponteareas quere dotar aos seus bombeiros cun dron

códigocero - Mar, 12/12/2017 - 09:38

Os días pasados o Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Seguridade Cidadá, informou da posíbel incorporación dun vehículo aéreo non tripulado (dron ou UAV polas súas siglas en inglés) aos equipamentos cos que contan os bombeiros locais. O aparello serviría para complementar o traballo dos efectivos en situacións emerxencia coma as vividas o pasado mes de outubro (coa vaga de lumes forestais) ou esta mesma semana cos efectos do temporal. Asemade, sería unha ferramenta de utilidade para o desenvolvemento diario das tarefas dos bombeiros de Ponteareas.
Vanesa Fernández, concelleira de Seguridade Cidadá, explicou de incorporarse este dron “para mellorar a calidade do servizo dos bombeiros e axilizar nas súas actuacións”, os integrantes do servizo terán que formarse nun curso básico de cincuenta horas de duración e nun curso avanzado de 70 horas teórico-práctico que lle permita obter a titulación de piloto de RPAS (Remote Pilot Authorized System) homologado por AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aerea) a través de ATO.

Categorías: Ciencia

Nanotubos de carbono y cáncer ¿Hay riesgos?

Investigación y Ciencia - Mar, 12/12/2017 - 00:00
Demuestran que algunas nanofibras largas podrían tener el mismo efecto que el amianto y favorecer la formación de mesoteliomas.
Categorías: Ciencia

¿Criterio científico o incumplimiento de la ley?

Investigación y Ciencia - Mar, 12/12/2017 - 00:00
El investigador argentino Ricardo Villalba ha sido acusado de no haber respetado la ley por la forma en que realizó un inventario de los glaciares de Argentina (lo que, alega un grupo ambientalista, podría haber beneficiado a una compañía minera).
Categorías: Ciencia

Novo número da nosa edición impresa

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 23:55

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco dixital Magzter.
Nesta nova entrega salientamos os 10 anos de vida do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. Tamén abordamos temas como os seguintes:
- O Consello da Cultura Galega presenta A Máquina do Tempo
- YouTube, fonte de posibilidades para reforzar a educación nas aulas
- O CITIC acolleu a edición das novas xornadas de seguridade e defensa
- A Deputación de Lugo impulsa a visualización de tecnoloxías enerxéticas intelixentes
- Acudimos á presentación da iniciativa Identidade Dixital
- O Clúster Turismo de Galicia impulsa a dixitalización das empresas do sector
- Falamos con Fernando Suárez das cousas TIC que pasaron nestes dez anos
- Avanzamos as liñas principais das xornadas JAI, evento fundamental da Industria 4.0
- Volve o certame Youtubeir@s para encher a Rede de vídeos en galego
- O Goberno galego porá en marcha un servizo único para axudarnos co libro electrónico
- A Xunta tirará partido das infraestruturas de RETEGAL para avanzar na loita contra o lume
- Entrevistamos a Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG e presidente da AETG
- Gradiant e a USC dan a coñecer un importante proxecto de colaboración
- Loitamos con tecnoloxía e creatividade contra a proliferación das velutinas

Categorías: Ciencia

A Fundación TIC avanza no seu proceso de integración na Deputación de Lugo

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 22:59

O pasado 22 de novembro dimos conta en Código Cero do inicio do proceso para a integración da Fundación TIC (persoal, actividades) no seo da Deputación de Lugo. Hoxe, a entidade provincial deu un novo chanzo neste traballo de integración, trala aprobación da modificación dos estatutos. A resolución foi adoptada na xuntanza extraordinaria do Padroado da Fundación TIC, convocada para este luns e coa participación do presidente das dúas entidades, Darío Campos, quen presentou a súa proposta de modificación. Finalmente foi aprobada e sentáronse os alicerces para avanzar no proceso de disolución.
Trátase dun novo paso neste proceso, tras a decisión do presidente o pasado 22 de novembro. Nesta data, Campos Conde propuxo ao padroado iniciar a disolución e integración da TIC na Deputación. Os seguintes pasos son: agora, correspóndelle á Xunta de Galicia aceptar a modificación nos Estatutos e, por último, a Corporación Provincial tamén terá que aprobar no pleno a subrogación, por parte da Deputación, tanto do persoal como da actividade da TIC.

Categorías: Ciencia

Apple merca Shazam

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 22:00

Tras unha ponte festiva chega de rumores sobre a posible compra de Shazam por parte de Apple, finalmente a compañía de Cupertino confirmou a adquisición da empresa célebre polo seu sistema de recoñecemento musical que evolucionou para identificar tamén películas, series de televisión e anuncios partindo de pequenos fragmentos sonoros.
A operación podería terse pechado nuns 400 millóns de dólares, lonxe dos 1.000 millóns polo que valoraban a compañía no pasado, pero que claramente era unha cantidade desorbitada se atendemos ao feito de que durante 2016 só conseguiu facturar 54 millóns de dólares.
Queda por ver cal será o futuro de Shazam como aplicación independente e dispoñible para Android, e como aproveitará a tecnoloxía de Shazam Apple, parecendo previsible a súa integración con Siri (Google Now xa integra o recoñecemento de cancións) e o seu aproveitamento de cara a potenciar o servizo Apple Music, aínda que cómpre lembrar que Shazam tamén ten funcionalidades de recoñecemento visual e realidade aumentada que poderían ser de grande utilidade para desenvolvementos futuros.

Categorías: Ciencia

Apple estaría a forzar que os vellos iPhone 6s vaian máis lento

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 21:04

Durante a pasada fin de semana desvelouse en Reddit un problema que está a xurdir entre usuarios de iPhone 6s, que detectan como o seu dispositivo vai excesivamente lento, o que parece solucionarse dun xeito bastante drástico: substituíndo a súa batería.
Ao parecer, durante o último ano disparouse o número de usuarios de smartphones iPhone 6s que padecían apagados aleatorios dos seus dispositivos, levando a Apple a lanzar un programa de reparación para usuarios afectados pero, tras o lanzamento de iOS 10.2.1, parece que o número de afectados caeu drasticamente, o que sería consecuencia dunha práctica que Apple debería ter anunciando, porque ten un impacto directo no rendemento dos seus móbiles: os dispositivos reducen a súa velocidade de funcionamento para aforrar batería.

Comprobación do rendemento dun iPhone 6s antes e despois da substitución da súa batería

O secretismo co que operou Apple fai que algúns sospeiten que o volume de baterías problemáticas é moi elevado, e optaron por empregar un parche de software para que moitos usuarios non fosen conscientes do problema, pero o que si está confirmado é que tras substituír a batería dos smartphones lentos os dispositivos recuperan a súa velocidade orixinal.
As probas realizadas por distintos usuarios de terminais iPhone 6s de certa antigüidade detectaron que o seu móbil, en vez de funcionar a unha velocidade de reloxo de 1.800 MHz, oscila entre os 1.500 MHz e os 600 MHz en función do seu nivel de carga, o que parece constatar as sospeitas. É precisamente cando o terminal vai a velocidades inferiores a 1.200 MHz cando os usuarios son plenamente conscientes de que algo vai mal co seu dispositivo, xa que o smartphone responde a tiróns para poder manter a súa autonomía.
Estamos ante un problema que afecta a terminais con varios anos de uso, e que non se presentaría no iPhone 7 e seguintes (con procesadores moi diferentes), do que o máis criticable sería a falta de información oficial, xa que a súa solución é sinxela e relativamente económica (especialmente se o terminal fabricouse entre setembro e outubro de 2015, xa que podería ser elixible para o programa de substitución de Apple).

Categorías: Ciencia

A Deputación de Ourense ficha ao presidente do CPEIG para avanzar en transparencia

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 20:14

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe o decreto de nomeamento de Fernando Suárez Lorenzo como director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, que terá entre outras funcións a xestión e desenvolvemento do ámbito da Transparencia na institución provincial e a execución do programa Provincia Intelixente, así como as labores de actualización, documentación e implementación de novos procesos de innovación nos ámbitos da Transparencia que abrangue a Deputación provincia de Ourense.
Fernando Suárez (Ferrol, 1973), licenciado en Informática pola Universidade da Coruña, é un dos impulsores do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Conta cunha destacada experiencia na implementación da e-Administración e da innovación na Administración Local, sendo responsable de proxectos como o Smart iAGo, e ocupando postos como o de xefe de sección de Sistemas, Comunicación e Innovación. Conta asemade cunha ampla formación en campos como a administración electrónica, smart cities, transparencia, certificado dixital, Big Data, materias das que ten impartido e dirixido numerosos cursos.
Entre os cargos que ten ocupado destacan a Presidencia do Colexio Profesional da Enxeñería Informática de Galicia (dez anos), a Vicepresidencia da Comisión de acreditación Euroinf da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade; a vogalía da Comisión de avaliación de enxeñería e informática da Axencia para a calidade do sistema universitario de Galicia, e o de xefe de Sistemas da Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia. Ademais, é membro do Foro nacional de confianza dixital da Secretaría de Estado de Telecomunicacións, e ten oito libros publicados en distintas materias no ámbito da Enxeñería Informática.

Categorías: Ciencia

A nosa comunidade desenvolvedora xúntase esta finde co gallo do DevFestGalicia

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 18:00

Este vindeiro sábado celebrarase a conferencia informática DevFestGalicia, organizada polos Google Developer Groups de Galicia (CDG Ourense, CDG Santiago e CDG Vigo) na Facultade das Ciencias Sociais e Comunicación no Campus de Pontevedra. A xornada, que conta coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra e a propia empresa Google, está patrocinada por Optare Solutions e o Centro Tecnolóxico Gradiant. A previsión é a de xuntar máis de dez expertos en tecnoloxía, co fin de compartir coñecementos arredor de cuestións tan candentes como a Intelixencia Artificial, o posicionamento en buscadores, a marca persoal, o desenvolvemento web, a linguaxe Scala, a nube de Google, ou o desenvolvemento móbil.
A cita xa conta con conta con máis de 150 persoas inscritas e con capacidade para 300 asistentes. A entrada será de balde e o público, segundo informan os grupos organizadores, gozará de conferencias, obradoiros, xantar e espazos para traballo en rede.
A xuntanza, amais dos devanditos temas, acollerá charlas sobre a importancia da diversidade no sector tecnolóxico, e as últimas tendencias en desenvolvemento para tecnoloxías web e móbil. “O obxectivo deste evento é reunir aos integrantes da comunidade galega para proxectar o talento local a nivel nacional”, sinalan os organizadores do evento.
Entre os relatores cómpre salientar figuras referenciais no ámbito tecnolóxico galego, estatal e mundial, como Carlos Azaustre, developer relations en Google; Paola García, directora executiva e co-fundadora de Chefly; Antón M. Rodríguez, director técnico en Optare Solutions; ou Ana Cidre, desenvolvedora independente e fundadora de GalsTech, grupo de mulleres galegas en tecnoloxía.
Ademais, as conferencias contan coa participación de Google Developer Experts, expertos recoñecidos por Google polo seu labor no desenvolvemento e difusión da tecnoloxía, como Abdón Rodríguez, desenvolvedor vigués de IBM Research.
O evento, ademais, ten un marcado compromiso a prol da visibilidade do papel da muller no ámbito da programación e o desenvolvemento informático, tal e como se mostra ao contar coa presenza de importantes expertas en tecnoloxías como Paola García, Ana Cidre ou Noelia Luaces, entre outras. O obxectivo é “romper cos mitos que perpetúan o feito de que menos dun 15% de mozas se matriculen en Informática na nosa comunidade”, afirman os organizadores do DevFest Galicia.

Categorías: Ciencia

Situm levará a hospitais de Turquía a súa tecnoloxía de navegación en interiores

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 16:37

A empresa galega Situm, que dá nome á innovadora plataforma de localización e navegación en interiores da que temos falado en Código Cero en múltiples ocasións (co gallo da súa participación no South Summit 2017 ou a conto do premio entregado polo CPEIG), vai estender a Turquía a súa tecnoloxía. Este proceso de espallamento de Situm, que xa funciona en diversos hospitais españois, será posíbel grazas á colaboración con Medrics, desenvolvedor referente de aplicacións para sanidade no devandito país. A alianza abrangue a construción de novas solucións para máis de 100 hospitais turcos.
Segundo informa Situm, o obxectivo deste acordo é “o de mellorar a experiencia de usuario dos pacientes e a eficiencia operacional para os provedores de servizos médicos”. O proceso, engaden fontes da empresa galega, “implicará a implantación en Turquía da mesma tecnoloxía que xa demostrou os seus beneficios en 25 hospitais e centros médicos españois”.
A respecto do alcance presente e futuro do dito acordo, Altug Ozdamar, director xeral de Medrics, comenta que xa se despregaron servizos combinados en dous hospitais urbanos e dous centros médicos privados, chegando a cincuenta centros antes do verán de 2018 e outros cen para finais de 2019, cun potencial de máis de mil hospitais en toda Turquía. Para Gregory Botanes, director xeral de Situm, esta alianza “permitirá guiar a pacientes e visitantes no interior das infraestruturas sanitarias, mellorando a experiencia de usuario e facilitando unha relación máis próxima e eficiente entre os cidadáns e o sistema sanitario”.
Os primeiros dous hospitais que se beneficiarán dos servizos de Situm e MEDRICS serán os Campus Hospitalarios de Mersin e Bilkent. Segundo engade Situm, o de Mersin é o primeiro hospital urbano da rexión e o máis grande da zona en termos dun único edificio monobloque.

Boa parte do equipo de Situm Technologies nunha imaxe recente

Por certo que, recentemente, Altug Ozdamar realizou unha demostración da funcionalidade de navegación en interiores no hospital de Medrics acompañado de persoal de HIMMS (Sociedade de Sistemas de Información e Xestión da Saúde), unha organización internacional que traballa na dixitalización de servizos sanitarios para mellorar tanto a calidade de vida dos pacientes como a efectividade en procesos e custos, o acceso e o valor da sanidade.
O hospital de Bilkent será o segundo centro médico en recibir a tecnoloxía de localización en interiores de Situm e Medrics. A respecto da súa relevancia, a firma galega explica que o hospital de Bilkent é o maior proxecto público/privado de Turquía en cuestión de sanidade, “e será o hospital máis grande de Europa e o maior centro médico do mundo construído nun único bloque”. Ademais, abrangue unha área de máis dun millón de metros cadrados e unha capacidade para preto de catro mil camas.

Categorías: Ciencia

A ESEI de Ourense e Expourense convocan nova edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

códigocero - Lun, 12/11/2017 - 14:03

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e Expourense veñen de pór en marcha unha nova convocatoria do seu certame conxunto dirixido a recoñecer a excelencia e o bo facer dos estudantes de ambas beiras da raia galego-portuguesa. Estamos a falar do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, edición 17, que ten por obxectivo “premiar os mellores traballos fin de estudos en informática e telecomunicación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. A iniciativa, unha ponte firme entre os campus e as empresas (levando potencial tecnolóxico dunha beira a outra), busca tamén “estimular a capacidade innovadora do alumnado para desenvolver proxectos cunha visión empresarial”. Nesta edición entregarase un total de 1.400 euros en galardóns.
Segundo informa a Universidade de Vigo (Campus de Ourense), o certame vén con dúas modalidades. A Modalidade A é para títulos en Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de mestrados oficiais relacionados co eido das TIC. A Modalidade B é para títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación.
En cada categoría concederase un primeiro e un segundo premio, entregándose un total de 1.000 euros. Ademais, haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente dotado con 400 euros no que poderá participar alumnado das dúas modalidades. Por último, haberá un Premio do Público, consistente nunha estancia termal/turismo rural ou nun e-reader para o proxecto que consiga máis seguidores para a súa páxina informativa en Facebook.
Un xurado designado para a ocasión concederá os premios tendo en conta a calidade do proxecto (orixinalidade, dificultade e aplicabilidade social), se existe desenvolvemento de software libre e a súa aplicabilidade no eido da administración pública na súa relación cos cidadáns. O xurado reunirase o 13 de decembro de 2017 na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense nunha sesión na que os seleccionados nunha primeira valoración terán a oportunidade de expor os seus traballos. Tras esa exposición, coñeceranse os traballos gañadores desta edición e realizarase a entrega de premios e diplomas.

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA lector de novas