Agregador de novas

A Revista Galega de Educación presenta na Coruña o seu monográfico sobre videoxogos

códigocero - Lun, 08/07/2017 - 14:33

No marco da Feira do Libro da Coruña presentouse esta mañá o monográfico Aprendendo con Videoxogos da Revista Galega de Educación promovida pola Nova Escola Galega, publicación pedagóxica en lingua galega que cada catro meses diríxese aos educadores para achegar ferramentas e fomentar un clima e unha mentalidade pedagóxica propicia para acadar «un sistema educativo público, galego, renovado e democrático».
Esta última entrega da Revista Galega de Educación contou coa pedagoga e especialista en materiais didácticos dixitais Silvia López Gómez como coordinadora, e entre os artigos que compoñen este monográfico especial hai referentes actuais do sector do videoxogo e tamén experiencias relatadas polo profesorado que utiliza os videoxogos nas aulas, como ben detallou esta mañá na Coruña acompañada polo director da publicación, Jesús Rodríguez, quen salientou que a revista contribúe a desbotar numerosos mitos sobre os videoxogos que están moi asentados entre o público.
A revista comeza introducindo ao fenómeno dos videoxogos, para achegar un punto de vista histórico, dando conta dos seus efectos nas persoas segundo investigacións relacionadas e incluso analizando as súas oportunidades e desafíos na súa inclusión nas aulas e no fogar. Colaboran nesta sección Marcus Fernández (Código Cero), Xurxo Mariño (UDC), Silvia López Gómez (DIMElab), Carlos González Tardón (People & VIDEOGAMES) e Mª Esther del Moral Pérez (Universidade de Oviedo).
Tamén preséntanse proxectos de centro e experiencias de aula relacionadas coa análise e reflexión crítica sobre os videoxogos, así como coa creación de contidos e xogos dixitais por parte do alumnado de educación primaria, secundaria e bacharelato nas que se empregan ferramentas como Minecraft, e-adventura e Scratch. Achegan as súas experiencias María Begoña Codesal Patiño (CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo), María Loureiro González (IES Primeiro de Marzo de Baiona), Agapito Muñiz Llanos e Sonia Vivero Nogueiras (IES de Sabón en Arteixo) e Miguel Vázquez Freire (IES Eduardo Pondal de Santiago).
Ademais no monográfico inclúense achegas relacionadas con outros espazos diferentes ás aulas e aos fogares onde os videoxogos teñen cabida. Amósase a presenza dos videoxogos nas bibliotecas escolares e afóndase na importancia destes medios nos museos, ademais de presentarse un videoxogo xurdido dende o ámbito sanitario.
Completan o tema deste monográfico o apartado Para sabermos algo máis... no que Silvia López e Aitor Barbosa (Imagames) inclúen recursos de interese sobre xogos dixitais, e a entrevista realizada á Dra. Begoña Gros Salvat (Facultade de Educación da Universidade de Barcelona). Na sección A lingua Santiago García Sanz (Universidade de Vigo) reflexiona arredor do estado actual do galego nos videoxogos.
Jesús Rodríguez lembrou que este monográfico pode adquirirse en librarías de toda Galicia ou contactando por correo electrónico coa Nova Escola Galega.

Categorías: Ciencia

A directora de GAIN felicita a Gato Salvaje polo seu pulo innovador

códigocero - Lun, 08/07/2017 - 14:03

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou hoxe as instalacións dunha empresa referencial galega en materia de desenvolvemento e deseño de videoxogos: a firma Gato Salvaje. Durante a estadía de Argerey no centro de operacións na Coruña de Gato Salvaje (responsábel de fitos tecnolóxicos como a exitosa aventura gráfica AR-K ou o xogo de acción Bullshot, que é o primeiro xogo publicado en galego na plataforma Steam), a directora de GAIN salientou “as oportunidades que abre o mercado dos videoxogos”, que medra máis dun 8% ao ano.
Argerey, ademais, felicitou á empresa polo seu esforzo por internacionalizarse e pola súa aposta pola formación como “xeito de diversificarse e crear emprego de calidade, cunha elevada cualificación a través da aposta pola innovación”.
Tamén lembrou, ao fío do exemplo de creatividade e pulo empresarial de Gato Salvaje, que “a innovación non é só para as grandes empresas, senón tamén para que as pequenas firmas poidan aumentar a súa competitividade grazas a apostar pola innovación e, deste xeito, impulsar o crecemento económico da nosa Comunidade”. Tamén lembrou “o esforzo que a Xunta está a facer por apoiar os proxectos de innovación de PEME e microPEME galegas a través de convocatorias como Innova PEME”, que está activada até o 25 de setembro cun orzamento de 5 millóns de euros e que “permitirá mobilizar 10 millóns, beneficiando arredor de 60 compañías da Comunidade”.

Categorías: Ciencia

Alpify consolídase como unha das aplicacións preferidas de viaxeiros e excursionistas

códigocero - Lun, 08/07/2017 - 12:57

Se hai algunha época do ano especialmente axeitada para “camiñar” Galicia, esta época é o verán. Dispáranse os servizos para viaxeiros, dispárase o número de xente que se bota ao camiño e dispáranse as horas nas que poden estar ao aire libre sen ser vítimas das inclemencias do clima. Dun tempo a esta parte estanse a consolidar ferramentas que manteñen informados aos excursionistas dos principais puntos turísticos das contornas nas que se moven. De maneira paralela, dispárase o uso de ferramentas para a súa seguridade. Unha das máis empregadas é Alpify, aplicación destinada a facilitar a localización de persoas que se atopen en situacións de emerxencia. A ferramenta, para que non o saiba, está integrada dende 2015 no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, tanto para teléfonos Android como iOS.
A app Alpify salienta por botar man das novas tecnoloxías de localización e información para facer o máis efectiva posíbel a tarefa de busca dunha persoa que estea extraviada, entre outras funcións relacionadas co salvamento e coas emerxencias. En 2016, a comunidade galega de usuarios desta aplicación era de 24.821 persoas. Entre as accións recentes nas que tivo protagonismo atópase o achado dun motorista accidentado na Pobra do Caramiñal, nun vieiro de montaña da serra do Barbanza.
Respecto da súa operatividade, é de doado manexo e para empregala abonda que premamos o botón vermello de emerxencia para que o sistema unha alerta ao 112. A continuación, os traballadores do servizo reciben o aviso ao tempo que os datos sobre o emprazamento exacto dende o que foi subministrado aquel, “sexa en zonas urbanas ou de montaña”.
Alpify funciona coma unha radiobaliza e permite ao usuario estar emprazado xeograficamente en todo intre polo 112 ou polo servizo de emerxencia que estea conectado á aplicación, comentan dende Barcelona os creadores da app: os integrantes da firma Grup Basera. Alpify opera con cobertura a Internet, pero se non se dispoñemos dela é quen de enviar un sinal por SMS. Así, no caso de perder a cobertura do móbil, a aplicación envía unha mensaxe de texto ao 112 e ao mesmo tempo sitúa a emerxencia para o centro coordinador cun rango de erro de entre 3 e 10 metros.

Categorías: Ciencia

Vigo e ABANCA presentan novo cartón para o pago de transporte e servizos

códigocero - Lun, 08/07/2017 - 11:18

A semana pasada o Concello de Vigo deu un paso adiante no uso de novas tecnoloxías para facerlles a vida máis doada e cómoda aos cidadáns, no caso concreto do que imos informar aos cidadáns usuarios de transporte público. Estamos a falar do convenio asinado o venres con ABANCA e VITRASA para a implantación dun novo cartón que funciona sen contacto e que substituirá aos actuais para o transporte urbano. Ou sexa, que non é preciso que insiramos a tarxeta en lectores nin en caixeiros, abonda con achegala. A Tarxeta Vigo foi dada a coñecer polo alcalde Abel Caballero, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, e o director de VITRASA, Juan Carlos Villarino.
Segundo informaron, o servizo forma parte de varias liñas de traballo máis amplas. En primeiro lugar, a Tarxeta Vigo é un proxecto tecnolóxico para implantar na cidade un innovador sistema de pago e utilización de servizos públicos municipais. Funcionará no transporte público e, de maneira progresiva, irá engadindo as prestacións de acceso, uso e pago dos servizos municipais. Ademais, insírese na iniciativa Vigo cidade intelixente, que o Goberno local destina a fomentar o uso das novas tecnoloxías por parte da cidadanía. Nestes momentos, apuntou o rexedor, “o 65% das operacións que se realizan co Concello fanse por vía telemática”.
Segundo fixo saber o alcalde, entre as vantaxes do novo dispositivo intelixente figura “o alto grao de seguridade e a multifuncionalidade” que permitirá realizar operacións de moedeiro electrónico e pago, control de acceso e identificación persoal e corporativa, “cubrindo todas as facetas que precisa o ámbito comercial e institucional”.
Ao abeiro do proxecto ABANCA comprometeuse a poñer a disposición do mesmo a súa rede de máis de 50 caixeiros caixeiros na área de Vigo, dotados da tecnoloxía de comunicación sen contacto e, amais, achega 121.000 euros ao desenvolvemento do proxecto.

Categorías: Ciencia

A plataforma dos Orzamentos Participativos de Santiago acada os 2.785 participantes

códigocero - Lun, 08/07/2017 - 11:17

O Concello de Santiago fixo reconto do acadado en materia de convocatoria cidadá arredor dos seus Orzamentos Participativos (OP), materializada arredor da plataforma decide.santiagodecompostela.gal. Os datos foron dados a coñecer pola concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, e referíronse á segunda fase do proceso dos orzamentos de 2018, na que a cidadanía compostelá puido apoiar as propostas presentadas na fase previa. Segundo fixo saber, o número total de participantes na dita web sitúase en 2.785, dos cales 1.057 son novas altas na plataforma e 1.728 son do ano anterior, que participan tamén do proceso deste ano. “Isto supón un incremento na participación superior ao 60%”, explicou.
Ademais, engadiu que dende o 6 de xuño e até o mes de xullo manifestáronse 4.767 apoios, a dividir entre as 279 propostas presentadas durante a primeira fase. Tamén sinalou que os investimentos recibiron 3.500 apoios, mentres que as actividades, tanto das festas do Apóstolo como de mocidade, recibiron un total de 1.267 apoios (848 festas e 419 mocidade).
Respecto dos factores “protección” e “verificación” que debera incluír o proceso de achega de propostas e apoios, a edil manifestou que ao abeiro do sistema de seguridade na votación dos orzamentos participativos “existe un procedemento para altas que garante, sen acceso aos datos totais do padrón, confirmar o empadroamento da persoa”. O sistema engadiu, “asegura que no caso de darse circunstancias anómalas, entre en funcionamento o protocolo de comprobación da identidade que, de non realizarse con éxito, suporía a anulación dos votos”. Porén, a tecnoloxía posta en xogo non detectou polo de agora ningunha tentativa de suplantación nin ningún fraude.
As orixes da web
Como lembraremos, a páxina web decide.santiagodecompostela.gal (baixo o lema de Compostela Decide) foi posta en marcha hai algo máis dun ano polo Concello de Santiago. O seu cometido foi, dende o comezo, acadar a máxima concorrencia da cidadanía na acción pública do Concello. Nun plano máis específico, no seu arrinque fíxose saber que o seu obxectivo era recoller tanto as propostas que se fagan e debatan nos encontros e asembleas das asociacións e nos locais socioculturais como as que se rexistren no apartado en liña de propostas. A plataforma Compostela Decide abrangue entre outras cousas un rexistro en liña (para propoñer investimentos e, máis adiante, “dar prioridade ás iniciativas que a cidadanía considere máis oportunas”) e mailo regulamento que artella o funcionamento dos OP propostos polo actual Goberno local e o equipo técnico. Ademais, decide.santiagodecompostela.gal permite acceder ás propostas que a persoa usuaria seleccione, polo que pode facer un seguimento das mesmas. Por outra banda, cando unha persoa emite a súa escolla xérase un código QR.

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA lector de novas