códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 28 seg

Policías e gardas civís galegos reciben formación en delitos informáticos

fai 1 hora 22 min

Hoxe da comezo na Estrada a Xornada sobre cibercrime e delitos informáticos na Academia Galega de Seguridade Pública coa asistencia de máis de 200 policías nacionais, gardas civís e policía local, participando na inauguración o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, quen indicou que con esta xornada arranca a formación deste ano na Academia, centro de referencia e encontro de todo o persoal da seguridade pública e das emerxencias que traballan en Galicia.
A xornada de hoxe pon en releve a importancia crecente desta materia consonte a realidade social actual, na que a tecnoloxía forma parte do día a día e da que non somos conscientes dos perigos que entraña. Este curso inscríbese no convenio asinado e entre o Ministerio do Interior e a Vicepresidencia da Xunta para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinados en Galicia.
Os plans de formación continua para os profesionais da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica supoñen 485 horas de formación e capacidade para 835 prazas. A policía local, este semestre conta cunha oferta de mais de 1.715 horas lectivas en mais de 150 cursos, e case 2.000 prazas.

Imaxe da xornada de hoxe na sede da AGASP
Categorías: Ciencia

Lowi mellora as súas tarifas

fai 1 hora 30 min

O operador de baixo custo de Vodafone, Lowi, mellora hoxe as súas tarifas móbiles e converxentes, permitindo así gozar con maiores capacidades de datos, comezando o cambio de tarifas polos clientes actuais, que manterán condicións cando teñen contratados até 4 GB de datos ao mes. Por exemplo, os clientes con 5 GB/mes e chamadas a 0 céntimos/minutos pasarán a gozar de 6 GB/mes na súa liña móbil por 1 euro menos; os que teñan 5 GB e 120 minutos ou chamadas sen límites pasarán a gozar de 12 GB polo mesmo prezo; e os clientes con 8 GB e chamadas sen límite pasarán a gozar de 20 GB/mes. Mantense a mesma estrutura flexible na que os usuarios deciden o volume de voz e datos que queren contratar.
O servizo converxente de fibra e móbil tamén mantén a súa estrutura, pero mellora os datos no móbil asociado, de xeito que os usuarios que gozaban de 8 GB/mes pasarán a ter 20 GB/mes en mobilidade.

Táboas coas novas tarifas de Lowi
Categorías: Ciencia

Xiaomi fai fronte a unha fianza de 200.000 euros para estar presente no MWC

fai 1 hora 47 min

As medidas cautelares tras demandas xudiciais están de máxima actualidade en España, pero non só por mor do secuestro do libro Fariña, senón que tamén afecta ao Mobile World Congress (MWC) de Barcelona, no que este ano ía ter grande presenza por primeira vez a chinesa Xiaomi, pero unha empresa española, Tot Power Control, tentou frustrar os plans da compañía asiática acusándoa de infrinxir unha das súas patentes europeas cos seus terminais Redmi Note 5A, Mi A1 e Mi MIX 2.
Tot Power Control recorreu aos Xulgados do Mercantil de Barcelona, solicitando que Xiaomi non puidese comercializar os mencionados terminais, entregando informes periciais nos que constatan que Xiaomi podería dispor da tecnoloxía infractora, polo que o Xulgado aceptou a aplicación de medidas cautelares, para o que Tot tivo que aboar 150.000 euros e Xiaomi tivo que aboar unha fianza de 200.000 euros para poder estar presente na feira tecnolóxica de Barcelona.
Dende Xiaomi ven mala fe nesta demanda, presentada xunto antes do Mobile World Congress, e sen dar tempo para reaccionar (a coincidencia co Aninovo Chinés fixo que a compañía non puidese aínda revisar a patente de Tot para avaliar a súa validez e alcance).
Cómpre destacar que Tot Power Control non só está a enfrontarse nos xulgados contra Xiaomi, senón que tamén ten causas abertas contra Xiaomi e Vodafone, compañías ás que esixe un mínimo de 508,9 millóns de euros (podendo chegar a demanda até os mil millóns de euros).

Categorías: Ciencia

O satélite español Paz xa está en órbita

fai 2 horas 29 min

Tras varios adiamentos, o despegue do Falcon 9 conseguiu onte realizarse con éxito, conseguindo pór en órbita o satélite español Paz, que captará imaxes de altísima resolución da Terra, e que foi acompañado por un par de microsatélites que servirán de proba da futura constelación de satélites Starlink, que pretende achegar acceso á Internet de banda larga a todo o planeta a vindeira década (de conseguir permiso das autoridades competentes).
O lanzamento realizouse dende a base da Forza Aérea en Vandenberg (Santa Bárbara) e curiosamente foi captado pola cámara dun usuario de Reddit dende a fiestra dun avión, o que permite contemplar un punto de vista diferente e bastante curioso da posta dun lanzamento que é tan relevante tanto para España como para o resto do mundo.
O satélite Paz captará un cento de imaxes diarias nas que cubrirá a totalidade do planeta. Este satélite de 1.400 quilogramos de peso, 5 metros de altura e 2,4 metros de diámetro moverase a 7 quilómetros por segundo e o seu radar captará imaxes de grande precisión (nun dos seus modos de funcionamento podería chegar a unha precisión de 25 centímetros), o que levou a que o dotasen cunha memoria para imaxes de 256 GB, que transmitiranse a terra a 300 Mbps mediante conexións en banda X.
Os datos achegados por Paz empregaranse para control fronteirizo, intelixencia, control medioambiental, protección de recursos naturais, operacións militares, verificación de tratados internacionais, vixilancia de superficie terrestre, urbanismo, planificación de infraestruturas, avaliación de catástrofes naturais e cartografía de alta resolución, entre outras aplicacións.

Vídeo co lanzamento do Falcon 9

Categorías: Ciencia

Comeza en Oleiros e Carballo a proba piloto do proxecto Geria-TIC, no que traballa o CITIC

fai 3 horas 51 min

A proba piloto do proxecto Geria-TIC da Universidade da Coruña xa está en marcha. Concretamente, nas dependencias de DomusVi Geriatros Oleiros e DomusVi Geriatros Carballo . Segundo informa o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, un total de 10 pacientes do centro de Oleiros e 6 do de Carballo xa fan uso de pulseiras portábeis (wearables) e a plataforma ClepIO que, entre outras vantaxes, posibilitan o seguimento da actividade física, do sono e das ocupacións diarias dos usuarios, de face a estudar a problemática das caídas e a calidade do descanso dos participantes.
O proxecto está impulsado por un consorcio formado polas empresas Geriatros, Aldaba e a Clínica Cobián, xunto con investigadores da área de Percepción, Cognición e Interacción do Centro de Investigación TIC da UDC e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). O obxectivo, segundo explican é “desenvolver un modelo de medicamento participativo con persoas maiores mediante o uso de dispositivos wearables: pulseiras de medición de actividade e acelerómetros”. Polo tanto, o que se procura é acadar melloras relevantes na prevención de caídas e calidade do sono dos usuarios dos centros. No proxecto tamén se aborda a problemática da incontinencia urinaria, cuxa proba piloto iniciarase no centro DomusVi Geriatros da Cidade na Coruña.
Os investigadores do CITIC que participan no proxecto, liderados profesores Alejandro Pazos e Javier Pereira, deron forma aos aspectos tecnolóxicos e de investigación da iniciativa, aspectos que permitan realizar un seguimento dos parámetros. Este labor de monitoraxe levará a cabo a través da plataforma ClepIO e, ademais de xerar métricas de utilidade para aplicar melloras en cada aspecto, ten como obxectivo crear “un novo modelo de prestación de servizos sociosanitarios, no que os residentes tomen conciencia do autocoidado e a responsabilidade na propia saúde, facéndoos partícipes do seu benestar”. Ademais, permite “que os familiares poidan estar informados en tempo real do estado e as melloras na saúde dos seus maiores”.
O proxecto Geria-TIC, orzado en 765.191 euros, está co-financiado por GAIN (Axencia Galega de Innovación) a través do Programa Conecta PEME 2016 e conta con fondos FEDER da Unión Europea. Na súa avaliación alcanzou a segunda mellor cualificación, de todos os da nosa Comunidade, entre as case 200 solicitudes presentadas.

Categorías: Ciencia

Salientan en Compostela as posibilidades da dixitalización da industria e da computación de altas prestacións

Xov, 02/22/2018 - 23:00

Durante a clausura da xornada Casos de aplicación da Computación de alto rendemento na industria galega, unha iniciativa organizada en Santiago polo CESGA, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo en valor os servizos e as novas posibilidades que ofrece a dixitalización da industria e a computación de altas prestacións. Sinalou que a dixitalización e a formación son os retos do novo modelo económico marcado pola Industria 4.0, un escenario no que a computación de altas prestacións revélase como un instrumento indispensable unido á aposta pola I+D+i.
Neste senso, puxo como exemplo algúns dos servizos que ofrece, como o coñecemento dos custos derivados do transporte marítimo de mercadorías; o deseño de sistemas para xerar biogás a partir de abono natural; estudo do comportamento do eucalipto para a madeira de construción; ou a predición de incidentes de mantemento que poidan xurdir en equipos de climatización instalados en puntos xeográficos distintos.
Son todos eles proxectos que participan no programa europeo Fortíssimo para reforzar a competitividade das PEME axudándoas a incorporar as tecnoloxías de cálculo de altas prestacións, o Big Data ou técnicas de intelixencia artificial. Galicia presentou 60 proxectos, ás diferentes convocatorias deste programa, dos que foron seleccionados 15, o que significa que o 25% do total de plans aprobados para toda Europa. En concreto, están participando neste programa, xunto a centros de coñecementos galegos, 29 empresas.
Neste senso, destacou a importancia de acompañar ás empresas galegas no proceso da transición tecnolóxica e a necesidade de que empresas e centros sigan colaborando para que as compañías identifiquen os seus retos tecnolóxicos e os centros de coñecemento poidan darlles unha resposta.
A Xunta, neste campo, conta con axudas dirixidas tanto á innovación, dixitalización e formación. Para a dixitalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria convocou axudas por valor de 6 millóns de euros para a posta en marcha de novos sistemas informáticos e plans de formación no eido da Industria 4.0, como a robótica, o Big Data ou a loxística.
No eido da formación, o Goberno galego ten en marcha diversos programas para evitar que se produza unha fenda dixital no sector industrial, como son as Unidades Formativas na Empresa tanto para traballadores en activo como desempregados a través das que se financian cursos á carta. Tamén se apoian desde a Administración autonómica accións formativas en centros homologados. Conde avogou por seguir traballando en coordinación coas empresas para deseñar itinerarios formativos adecuados á nova realidade laboral.
Por último, referiuse ao Plan Galicia Innova 2020 que mobilizará un investimento público-privado de 1775 millóns de euros para sincronizar o labor de investigación coas necesidades do tecido industrial e reforzar o perfil innovador das PEME. Puxo en valor os Hubs de innovación e a súa importancia para que o coñecemento se transfira ao tecido produtivo galego.

Categorías: Ciencia

A viguesa Netun Solutions, recoñecida polas autoescolas estatais

Xov, 02/22/2018 - 22:53
José Blas, presidente do xurado da Fundación CNAE, entregando o premio a Jorge Costa, CEO de Netun Solutions

A empresa viguesa Netun Solutions, responsábel dun revolucionario dispositivo tecnolóxico destinado a rematar cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías, o dispositivo Help-Flash, vén de gañar o Premio en Innovación á Seguridade Viaria que concede a Fundación CNAE da Confederación Nacional de Autoescolas. Co dito galardón, a entidade quixo enxalzar as importantes funcionalidades de seguridade e utilidade que pon en xogo a baliza luminosa de sinalización de emerxencia Help-Flash, cuxa principal vantaxe, á hora de colocar os obrigatorios triángulos de sinalización de avarías, reside na redución do tempo da manobra de advertencia, que pasa de ser de 8 minutos, aproximadamente, a ser de 30 segundos.
O premio (que ten unha contía de 3.000 euros) foi entregado por José Blas Valero, presidente do xurado da Fundación CNAE e foi recollido polo director executivo (CEO) da empresa galega, Jorge Costas. Na recollida do recoñecemento, Costas rememorou as orixes do proxecto e remontouse a hai uns tres anos, cando “o meu compañeiro Juan Torre e eu, que eramos membros da Garda Civil, démonos conta do problema que había cos atropelos nas estradas, e decidimos dar o salto, deixar o Corpo e fundar unha empresa para innovar en seguridade viaria”. E engadiu: “Hai persoas que aínda morren despois de sufrir un accidente leve ou de ter unha avaría, porque baixan dos seus vehículos e os demais condutores non os ven e atropélanos. Este premio é un orgullo e confirma que o esforzo merece a pena”.
Netun Solutions é unha startup viguesa fundada en 2016, co ánimo de xerar innovación na seguridade das estradas mediante novas tecnoloxías que conectan asfalto, persoas e máquinas. Froito deste compromiso abrollou Help Flash, un equipo de sinalización luminoso que advirte dunha emerxencia na estrada sen necesidade de saír do vehículo.
Para o desenvolvemento do dispositivo, do que xa se venderon máis de 40.000 unidades e ten presenza nunha manchea de países (Francia, Alemaña, Reino Unido, Portugal e Estados Unidos), o equipo de Netun Solutions contou coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e de asociacións de vítimas de accidentes de tráfico. Así mesmo, foi un dos proxectos impulsados na 4ª edición de VíaGalicia, a aceleradora de empresas da Zona Franca de Vigo.
Help Flash é un dispositivo de sinalización compatíbel coa normativa de seguridade viaria vixente, que fai visíbel un vehículo en menos de 30 segundos e até 1 quilómetro de distancia en condicións de baixa luminosidade. Grazas a un reflector parabólico, que emite un triplo escintileo ámbar en todas as direccións, o vehículo avariado ou accidentado pode ser detectado polo resto de condutores. Netun Solutions ideou Help Flash “co fin de evitar o risco de atropelos derivados da escasa visibilidade á que fan fronte os condutores cando se dispoñen a colocar os triángulos para sinalizar a súa situación de emerxencia”. De aí a súa lema: Unha luz para salvar vidas.
A versión conectada, en 2018
Netun Solutions traballa nunha versión conectada de Help Flash, para convertelo nun dispositivo intelixente, que permitirá emitir avisos aos servizos de emerxencia ou á compañía de seguros. A nova tecnoloxía, que se presentará o vindeiro ano, terá capacidade para realizar unha chamada de emerxencia ao 112, se fose preciso, ou contactar coa compañía de seguros e facilitar datos como a localización do automóbil ou a matrícula, entre outros.

Categorías: Ciencia

A Fundación TIC recibe o Trofeo Espírito Barista

Xov, 02/22/2018 - 15:55

A Fundación TIC da Deputación de Lugo recibiu esta quinta feira (xoves) o Trofeo Espírito Barista polos dez anos de colaboración cos Campionatos Internacionais de Baristas de Foz, unha distinción acordada por unanimidade polo comité organizador dos eventos do IES focense. O patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, foi o encargado de recoller o recoñecemento. E fíxoo “en nome de todos os alumnos e alumnas da Escola de Imaxe de Son que participaron desde 2008 neste acontecemento”. Ao fío disto, lembrou que os estudantes de segundo de realización encárganse nesta edición, precisamente, de emitir en directo as tres competicións desenvolvidas, a través de Internet e en streaming.
Santos estivo na entrega de galardóns acompañado do deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a xerente da TIC, Margarita Soilán. Segundo anunciaron, haberá apoio da fundación para longo: “A nosa intención é manter a colaboración da TIC co IES de Foz, xa que é moi positiva para ambas partes, tanto para a formación práctica dos nosos alumnos como a promoción da Escola de Hostalería de Foz e o gran traballo que está a facer, ademais de contribuír a dar a coñecer o Concello focense a nivel nacional e internacional”.
A entrega tivo lugar ao remate da final do XI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, na que participaron 18 Escolas de Galicia, Cantabria, País Vasco Castela León e París.
Eduardo Vidal foi o encargado de entregar o terceiro premio a Alberto Castedo, do IES Sanxillao. A primeira clasificada foi a ourensá María Vila, do IES Vilamarín, e a segunda, Silvia García, do CIFP Compostela.
Santos, amais de todo o devandito, tamén lembrou que o alumnado de segundo de realización da Escola de Imaxe e Son tamén se encargará mañá da retransmisión en streaming do VI Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que poderá verse a través das redes sociais Facebook e YouTube. Ao igual que no caso dos Campionatos de Escolas de Hostalería e de Catas de Café, ademais da emisión en directo, os estudantes editarán vídeos de cada un dos participantes para compartilos nas redes.
O streaming das tres xornadas realízanse con cinco cámaras. Os alumnos rotan por todos os postos: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización, realización e edición de vídeos. Santos lembrou que este “é un exemplo do modelo educativo da TIC, baseado nas prácticas en escenarios reais”.

Categorías: Ciencia

O Concello de Dodro lanza aplicación móbil de información á veciñanza

Xov, 02/22/2018 - 13:59

O Concello de Dodro (A Coruña) vén de dar un relevante paso en materia de comunicación dixital coa súa veciñanza. E faino co lanzamento dunha nova aplicación móbil, chamada Dodro Informa. A ferramenta, que comezou a funcionar este 21 de febreiro, responde a unha das liñas de traballo principais do Goberno local: achegarse á cidadanía a través das novas tecnoloxías, ao tempo que contribúe ao afianzamento dos recursos dixitais. De feito, a través dela e unha vez descargada nos móbiles dos veciños, estes recibirán rapidamente e de maneira actualizada e continuada toda a información do Concello.
A aplicación está dispoñíbel para usuarios con Android nos seus dispositivos (Dodro Informa), e tamén para quen dispoña de sistema iOS (a través da app Bandomovil). Unha vez descargada, os veciños terán que seleccionar “Concello de Dodro” e desde ese intre comezarán a recibir toda a información que se vaia publicando. Segundo explica o Goberno local, trátase dunha ferramenta “moi intuitiva e doada de manexar coa que os veciños e veciñas recibirán rápida e puntualmente toda a información do concello en tempo real”.

Categorías: Ciencia

Pilz mostrará nas JAI de Vigo os seus últimos achados en Industria 4.0

Xov, 02/22/2018 - 13:52

Entre as empresas que van ter presenza nas Xornadas de Automatización Industrial da Universidade de Vigo (JAI 2018), entre o 12 e o 16 de marzo, atópase a compañía xermana Pilz que, para que non o saiba, é unha firma adicada á automatización segura con presenza en España e en Portugal, e que salienta no mercado internacional polo compoñente innovador dos seus sistemas e servizos para simplificar e facer máis segura a introdución da Industria 4.0 en máquinas e instalacións de todo o mundo. A empresa participará no conxunto de exposicións orais con dous relatorios, que presentarán os logros da compañía e os seus achados no eido da seguridade na automatización.
O martes 13 de marzo de 17:00 a 18:10 horas, Nuno Güedes, country manager Portugal, achegará o relatorio Estándar e Seguridade, todo nun; PSS4000 o teu mellor aliado; PAS VISU, Visualización óptima dos teus proxectos en automatización. O mércores 14 de marzo de 17:05 a 18:10 horas, Toni Guasch, experto en desenvolvemento de robots, centrará a súa intervención na Seguridade aplicada en Robótica Colaborativa. Todas as exposicións realizaranse no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.
Pilz, amais de informarnos dos contidos das súas intervencións, aproveita para destacar as boas oportunidades de promoción e colaboración que se abren coas JAI: “Esta cidade galega será a capital durante eses días da Industria 4.0 e a robótica, cun amplo programa de relatorios das empresas líderes no sector, nunha cita estudantil xa tradicional que se converteu nun encontro empresarial da industria española”.
As xornadas, como lembraremos, están organizadas pola Universidade de Vigo (sendo o seu principal impulsor o profesor Ignacio Armesto) e oriéntanse á difusión formativa e informativa das máis innovadoras tecnoloxías de automatización industrial. Cun programa de 38 horas de conferencias por parte de 32 empresas, o evento ofrecerá un repaso por varias disciplinas clave da enxeñaría: a robótica, nos seus eidos colaborativo e sensitiva, móbil e social; a fabricación aditiva; as realidades virtual e aumentada; e a Industrial Internet of Things (IIoT).

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo recibiu 6.000 solicitudes para optar aos postos de traballo de Ben Empregado 4

Xov, 02/22/2018 - 13:50
A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo

A Deputación de Lugo anunciou hoxe a cifra de solicitudes recibidas para optar aos novos postos de traballo (186 postos, entre os cales intégrase unha cifra significativa de postos tecnolóxico-dixitais) que se ofrecen ao abeiro da edición cuarta de Ben Empregado, o programa de impulso laboral da entidade que preside Darío Campos. Segundo fixo saber a Deputación, recibíronse finalmente 6.000 solicitudes.
A entidade tamén recorda que esta cuarta edición do Ben Empregado está dotada con 2,1 millóns de euros. Con eles, a institución provincial asume todos os custos laborais durante un ano para a contratación de parados lucenses en empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral).
Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers ou os técnicos en informática.
En concreto, o Executivo provincial recibiu 5.933 solicitudes de veciños da provincia no paro para concorrer aos postos de traballo do Ben Empregado 4, máis social, das cales 5.887 tramitáronse a través da Axencia de Colocación da Deputación (5.788 de xeito telemático e 99 presencial), o que supón o 99% do total; e 46 nos rexistros provinciais, sendo o 1% restante das solicitudes recibidas.
Nas vindeiras semanas abrirase un prazo para solucionar posibles requirimentos. Durante o mes de marzo publicaranse en www.deputacionlugo.gal a listaxe de admitidos e excluídos. Transcorridos 10 días hábiles comezará o proceso de selección dos solicitantes aos 186 postos de traballo.

Categorías: Ciencia

Handytronic presenta a súa revolucionaria cadeira de rodas smart en Silicon Valley

Xov, 02/22/2018 - 12:18

A cadeira de rodas intelixente do proxecto galego Handytronic, do que temos falado en Código Cero salientando o acordo entre a empresa Telecon e a UDC que lle serve de impulso, vai estar presente no congreso de neurotecnoloxía da Universidade de Stanford, en Silicon Valley, onde o dispositivo terá ocasión de mostrar todo o seu potencial para persoas con mobilidade reducida, xa que lles permite moverse coas súas ondas cerebrais. A presentación complementarase cunha plataforma que fai posíbel o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva e de diversas doenzas mentais. Handytronic, amais dunha cadeira de rodas, é o nome da empresa responsábel do seu desenvolvemento, unha startup posta en marcha polo grupo galego Telecon e que conta coa colaboración dunha equipa da Universidade da Coruña dirixida por Javier Pereira, do CITIC.
O congreso que se celebra en Silicon Valley (California) leva celébrase baixo o epígrafe Wearable Tech + Dixital Health + Neurotech Silicon Valley. Trátase, segundo nos contan dende Handytronic, dun dos eventos de referencia internacional nos ámbitos da neurociencia e as novas tecnoloxías para a saúde. En edicións anteriores celebrouse no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), a Universidade de California en San Francisco e a New York Academy of Sciences.

Jacobo Penide, director xeral de Handytronic

En palabras de Jacobo Penide, director xeral da startup galega, “o evento é un auténtico epicentro da innovación tecnolóxica”. Handytronic presentarase o martes 27 de febreiro nun relatorio no que se debullará o desenvolvemento da cadeira de rodas intelixente, baseada nunha plataforma de electroencefalografía que permite ler os impulsos cerebrais e traducilos en movemento, aprendendo das pautas neuronais de cada usuario. Xunto a este proxecto, Penide exporá tamén unha evolución desta solución igualmente fundamentada na neurociencia e a Intelixencia Artificial. Trátase, como dixemos, dunha plataforma para o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva e as enfermidades mentais, proxecto no que Handytronic colabora con dous centros hospitalarios da provincia da Coruña.
A plataforma que a firma galega desenvolve xunto a equipos médicos especializados en doenzas mentais do Hospital Marítimo de Oza (A Coruña) e da área de saúde mental do Complexo Hospitalario de Ferrol permite definir biomarcadores clave no diagnóstico precoz da deterioración cognitiva. O equipo formado pola startup galega recolle os impulsos eléctricos do cerebro do paciente e unha serie de parámetros biomédicos seleccionados e, a través de algoritmos de Intelixencia Artificial, establece correlacións entre os patróns de actividade neurolóxica detectada, a partir das cales é posíbel realizar o diagnóstico. O proxecto prevé a próxima realización dun ensaio clínico cun centenar de pacientes afectados en diferentes graos por declive cognitivo, depresión ou demencia.
O que se vai presentar en Estados Unidos
Segundo informa Penide, a innovadora solución de mobilidade para persoas con diversidade funcional que Handytronic presentará en Silicon Valley está integrada por unha cadeira de rodas motorizada, un casco con 14 eléctrodos, unha tableta cun software específico, e un hardware de integración. “A conexión entre o casco e o computador é sen fíos, a través do protocolo Bluetooth”, explica, engadindo que en virtude de todas estas tecnoloxías, o capacete é “quen de rexistrar os impulsos eléctricos que xera a actividade cerebral e o software transfórmaos en ordes que permiten guiar a cadeira co pensamento”. Ademais, a entrada en xogo da Intelixencia Artificial capacita ao sistema para aprender das rutinas mentais do usuario, adaptándose a el e reducindo o tempo de adestramento necesario para o manexo da cadeira. Igualmente, fai posíbel que o sistema poida recoñecer distintos usuarios, afacéndose a cada un deles.
O proxecto conta coa colaboración da Universidade da Coruña (UDC), a través do Máster de Informática Biomédica. A recente posta en marcha da Cátedra Handytronic sobre Bioinformática para Ciencias da Saúde permitirá completar o proxecto de I+D nas súas próximas fases. A equipa de UDC está dirixida polo investigador da área de Percepción, Cognición e Interacción do Centro de Investigación TIC (CITIC), Javier Pereira.

Categorías: Ciencia

Twitter anuncia novas medidas contra o spam

Xov, 02/22/2018 - 11:58
TweetDeck xa se adaptou ás novas normas de Twitter

O spam non é só un problema para o correo electrónico, senón que tamén afecta moi seriamente a plataformas como Twitter, que está agora a implantar novas medidas para loitar contra estra lacra, para o que agora van pór cancelas á automatización de mensaxes e ao uso de múltiples contas de usuario. Deste xeito Twitter está a mudar as súas normas para prohibir a publicación de contidos idénticos ou moi semellantes a través de múltiples contas para gañar visibilidade, o que aplicarase tanto a publicacións en tempo real ou a mensaxes programadas para publicacións futuras, de xeito que se alguén quere mandar a mesma mensaxe dende varias contas sen que tal actuación se considerase spam tería que recorrer aos rechouchíos.
Tamén prohiben accións simultáneas a través de varias contas como rechouchiar, seguir ou dar a gústame (dificultando os seguimentos masivos de contas por parte de sistemas automatizados).
As novas normas afectan principalmente a quen desenvolve aplicacións ou ferramentas que fan de clientes de Twitter, e para dar exemplo a primeira en actualizarse é TweetDeck, que xa desactivou a posibilidade de realizar accións simultáneas con varias contas. O resto de aplicacións e servizos teñen até o 23 de marzo para cumprir coas novas normas.

Categorías: Ciencia

Orange poderá continuar a empregar a rede de fibra óptica de Movistar

Xov, 02/22/2018 - 11:35

Aínda que a cobertura da fibra óptica até o fogar (FTTH) non progresa á velocidade que gustaría a moitos, os acordos entre os distintos operadores está a paliar a situación, e ao igual que Vodafone pode ofrecer servizos de fibra alí onde haxa cobertura de Movistar, Telefónica confirma hoxe que acadou un acordo comercial equivalente con Orange, de xeito que o operador laranxa poderá gozar do acceso maiorista á rede de fibra óptica de Telefónica incluso nas zonas onde non hai obriga dos reguladores. Este novo acordo e a ampliación do subscrito entre ambas compañías en 2016.
Deste xeito, as zonas nas que Orange non ten previsto instalar fibra óptica a curto-medio prazo poderán contratar os seus servizos de telecomunicacións, o que tamén garante a Telefónica uns ingresos maioristas a longo prazo.
A quen si beneficia claramente este acordo é aos consumidores que poderán ter máis alternativas de contratación de fibra óptica, de xeito que onde haxa cobertura de Telefónica poderá gozar do servizo tamén dos seus principais competidores.

Categorías: Ciencia

Un dos fundadores de WhatsApp crea unha fundación para garantir o futuro de Signal

Xov, 02/22/2018 - 11:19

Hai un par de anos WhatsApp contratou os servizos de Open Whisper Systems para integrar o protocolo Signal nas comunicacións da súa plataforma de mensaxería, garantindo a seguridade do cifrado de extremo a extremo, e agora parece que o compromiso de WhatsApp ía máis aló do comercial, segundo pode reflectirse do feito de que Brian Acton, cofundador de WhatsApp (aínda que actualmente fóra de Facebook), achegou 50 millóns de dólares para lanzar a Signal Foundation, entidade que fará sustentable Signal e a súa misión de facer posible comunicacións privadas accesibles e ubicuas.
Esta inxección económica será claramente unha axuda para Signal, que poderá establecer obxectivos a longo prazo sen ter que preocuparse pola súa rendibilidade económica, podendo manter así o seu espírito libre e de contribución ao ben común.
Acton quixo unir forzas con Moxie Marlinspike (fundador de Open Whisper Systems) para responder á necesidade global de protexer a información en liña, o que aseguran que non é un problema só de cidadáns de certos países, senón que afectaría a calquera persoa que desexe manter a súa intimidade e os seus datos protexidos cando se comunique por canles electrónicas. Marlinspike será o director xeral da nova entidade sen ánimo de lucro, mentres que Acton ocupará a dirección executiva.

Categorías: Ciencia

O Deza mostra a súa riqueza nun blogtrip organizado pola Deputación de Pontevedra

Xov, 02/22/2018 - 09:20

A Deputación de Pontevedra organizou os días pasados un itinerario turístico-bitacoreiro para reivindicar, visualizar e enxalzar os múltiples atractivos da comarca do Deza. A actividade, celebrada ao abeiro da campaña Somos historias, consistiu nun blogtrip pola devandita bisbarra no que participaron algúns dos máis destacados blogueiros do noso panorama dixital. O cancelo que acompañou e vertebrou o percorrido a través do Twitter, #RutaDeza, acadou en soamente 24 horas, máis dun millón de impresións trala publicación de 40 chíos na dita rede social.
Ao longo da xornada, as/os blogueiras/os puideron coñecer o Mosteiro de San Salvador de Camanzo, visitar as adegas Castro Brey, degustar cocido con motivo do mes que lle rende homenaxe a este prato, visualizar os Xenerais da Ulla no campo da festa de Vila de Cruces, percorrera Fraga de Catasós e coñecer o Pazo de Liñares.
Como dixemos, a Deputación de Pontevedra promoveu esta actividade no marco da súa campaña de promoción turística Somos historias, posta en marcha neste 2018, Ano Cultural do Patrimonio Europeo. A acción, centrada na promoción do destino a través das redes sociais, tiña por obxectivo “pór en valor os recursos existentes no interior da provincia, impulsar unha imaxe de provincia vencellada ao turismo sustentábel e desestacionalizar a demanda”.
A través deste percorrido polo interior de Pontevedra, as persoas participantes puideron coñecer o patrimonio natural, gastronómico, enoturístico e cultural da comarca do Deza, por exemplo a Festa do Cocido de Lalín, que este ano celebrou as súas vodas de ouro, e os Xenerais da Ulla, con máis dun século de historia; ambos representantes do patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra.

Categorías: Ciencia

Vitae Consultores introdúcenos nas metodoloxías para conseguir programas transparentes e de utilidade

Mér, 02/21/2018 - 22:48

Non chega con programar e conseguir ferramentas innovadoras nunca antes empregadas, hai que conseguir que se entendan e que sexan, como nas correntes políticos-sociais actuais, transparentes. De facelo así, estaremos contribuíndo ao progreso da Sociedade do Coñecemento (achegando ferramentas para estenderse e seren melloradas logo pola comunidade) e, por suposto, ao noso progreso profesional persoal. Que seguimos teimando en escribir programas que só comprendemos nós ou a nosa equipa, ou nin tan sequera? Pois estaremos incumprindo unha norma básica da tecnoloxía, das ciencias e da creatividade cultural ao longo da historia: a norma do menos é máis. Para axudarnos a facer as cousas ben, sinxelas e nidias, Vitae vén de convocar a terceira edición do seu curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas. O obxectivo: achegarnos os recursos precisos para garantir que da nosa man só saen programas transparentes.
A nova convocatoria do obradoiro, novamente de dez horas de duración, celebrarase os días 23 e 24 de marzo no Hotel Attica 21 da Coruña.
Igual que nas anteriores entregas, o curso achegará aos asistentes metodoloxías e capacidades en técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode. A actividade formativa terá unha duración de 10 horas e cun enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, ABANCA, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

Categorías: Ciencia

O CCG mostra como mudaron os nosos hábitos de compartir contidos no novo contexto TIC

Mér, 02/21/2018 - 22:20

As canles dixitais, para ben e ás veces tamén para mal, mudaron para sempre o noso acceso á cultura. Por unha banda, consumimos máis música, máis series e máis obras literarias ca nunca, pero por outra banda, tamén é certo que se estendeu o costume de facelo saltándonos en ocasións o respecto polos dereitos de autoría das creadoras e creadores. Reflexionar sobre isto e botar luz sobre os principais prexudicados (artistas, selos, produtoras, editoriais), os regulamentos existentes, o papel xogado polas novas tecnoloxías e as opinións dos consumidores son os obxectivos da xornada Dereitos de autor, lei aplicábel e percepción social que organiza esta quinta feira, 22 de febreiro, o Consello da Cultura Galega.
O foro tamén quere ser unha proclama para afondar nas múltiples transformacións radicais que afectaron, da man da chamada Sociedade Rede, os xeitos de crear e difundir contidos, así como de compartilos, “en relación coas contornas analóxicas do século pasado.
A cita, que se celebra a partir das 10.00 horas na sede do CCG no Pazo de Raxoi (xeira de mañá) contará coa presenza de José Ignacio Aguaded, da Universidade de Huelva, quen falará sobre as sobrecargas de información, a propiedade intelectual e a chamada edu-comunicación. Asemade, tamén intervirá Javier Díaz Noci, da Universitat Pompeu i Fabra de Barcelona, co relatorio Dereitos de autor e propiedade intelectual. O programa completarase coa presenza de Raquel Xalabarder Plantada, da Universitat Oberta de Catalunya, que afondará nos regulamentos sobre dereitos de auor e na xurisdición competente na era dixital.
O obxectivo desta xornada é “contribuír a difundir as cuestións básicas de dereitos de autor que cómpre ter en conta na Sociedade Rede segundo o novo marco normativo e coñecer aqueles aspectos sometidos a análise e revisión”. Trátase, segundo engade o CCG, de “debuxar desafíos e fixar pasos para as actuacións no traballo diario”, achegando formación en edu-comunicación e coñecemento sobre o marco que rexe no escenario actual. Estes ingredientes, sinala o Consello, resultan “básicos para intervir con eficiencia na Sociedade da Información e o Coñecemento”.

Categorías: Ciencia

Google crea un selo para os mellores móbiles con Android para a empresa

Mér, 02/21/2018 - 21:46

Para facilitar a adopción de dispositivos Android nas empresas dende Google decidiron lanzar un programa de Android Enterprise Recommended que destaca a unha serie de dispositivos recomendables para o seu uso profesional polas súas especificacións de hardware, as súas actualizacións de seguridade frecuentes, a súa dispoñibilidade libres, a súa experiencia en aplicacións consistente e as facilitades para a súa xestión en frota.
A listaxe de smartphones recomendados por Google para o seu uso na empresa aínda é bastante limitada, pero irá medrando nos vindeiros meses. Os primeiros móbiles no programa son: BlackBerry KEYone e Motion; Google Pixel, Pixel XL, Pixel 2 e Pixel 2 XL; Huawei Mate 10, Mate 10 Pro, P10, P10 Plus, P10 Lite e P smart; LG V30 e G6; Motorola X4 e Z2; Nokia 8; e Sony Xperia XZ1, XZ1 Compact, XZ Premium, XA2 e XA2 Ultra.
O programa espallarase ao longo do ano a dispositivos reforzados, operadores móbiles, sistemas de administración de frotas de dispositivos e integradores de sistemas.

Vídeo de presentación do novo programa de Google

Categorías: Ciencia

Qualcomm presenta a solución para integrar a vindeira xeración de Wi-Fi en dispositivos móbiles e portátiles

Mér, 02/21/2018 - 21:33

A vindeira xeración de redes Wi-Fi está preto de facerse unha realidade, e Qualcomm anunciou hoxe o que sería a primeira solución integrada preparada para o estándar 2x2 802.11ax para smartphones, tabletas e ordenadores portátiles, adiantándose á súa estandarización e certificación. Esta solución coñecida como WCN3998 supón unha grande mellora na seguridade ao soportar o protocolo WPA3, sendo Qualcomm a primeira compañía en integrar tal nivel de seguridade nunha solución 11ax. O uso deste novo protocolo de comunicacións sen fíos tamén reduciría o consumo até un 67% fronte a solucións 802.11ac.
O estándar 802.11ax busca mellorar a experiencia do usuario aproveitando mellor o espazo radioeléctrico dispoñible (cada vez máis conxestionado) e optimizando o consumo (para mellorar a autonomía de dispositivos móbiles). Pero aínda tardaremos en poder gozar desta tecnoloxía, pois os puntos de acceso que soportan tal tecnoloxía non verán a luz até finais do presente ano ou primeiros do que vén, de xeito que o que estamos a ver agora é simplemente a preparación dos fabricantes a unha vindeira xeración de redes Wi-Fi máis seguras e fiables.

Categorías: Ciencia

Páxinas