códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 3 horas 1 min

Sanxenxo prepara nova páxina web, máis dinámica e operativa en galego

Mar, 01/09/2018 - 12:46

O Concello de Sanxenxo vén de anunciar que está a preparar unha nova web municipal, máis dinámica cá actual, máis adaptada ás necesidades actuais de usabilidade e, sobre todo, con versión en galego á que poidamos acceder por defecto. Segundo lembra o Goberno local, o sitio actual foi creado en 2007 co obxectivo de afianzar a comunicación coa cidadanía e, tamén, como canle de promoción turística. Porén, o Concello recoñece que é precisa unha renovación, entre outros motivos porque a información “só está en castelán e non permite a publicación de determinados contidos debido á súa antigüidade”. A nova páxina web, engade o Goberno local, será “máis accesíbel, máis clara e de doado manexo”. Ademais, será plenamente operativa no que se refire á publicación dos contidos en varios idiomas.
Ao tempo que se avanzaron estes detalles sobre o vindeiro espazo web de Sanxenxo, o Executivo que preside Telmo Martín achegou un balance sobre a actividade xerada en 2017 pola páxina aínda vixente, accesíbel en www.sanxenxo.es. Segundo fixo saber, a web foi quen de pechar ano con máis de 600.000 visitas, o que representa unha cifra histórica no que se refire a seguimento do sitio en liña e que mostra ás claras o importante potencial de Sanxenxo como canle de promoción turística de seu e, tamén, da nosa terra.
Asemade, o Concello informou que se conseguiron máis de 51.000 visitas mensuais. O mes máis salientábel foi agosto, cun total de 85.540 accesos, seguido de xullo con 81.390. Os meses de menor afluencia foron xaneiro e febreiro, que roldaron as 30.000 visitas. Os portais máis visitados da web municipal foron a sección de novas, o apartado de descargas, os anuncios e o formulario de contacto. O arquivo máis descargado durante o ano 2017 foi o boletín de emprego, que se publica cada 15 días.
Polo que atinxe á forma de acceso máis usada, foi o buscador de Google en computador, seguido das visitas directas desde smartphones. Por orde de acceso, durante 2017 recibíronse visitas de numerosos países entre os que destacan España, Portugal, Alemaña, Rusia, Francia, Suecia, Italia ou China.

Categorías: Ciencia

Coruña lánzase a democratizar as TIC botando man do poder de convocatoria das bibliotecas

Mar, 01/09/2018 - 12:08

O Concello da Coruña presentou onte un ambicioso programa de alfabetización dixital que bota man das posibilidades de interacción cidadá das bibliotecas municipais para tentar reducir a fenda que separa das novas tecnoloxías ás persoas non usuarias das mesmas. Dito doutro xeito: trátase dun programa que reduce ao mínimo os atrancos para a democratización do acceso ás TIC, grazas ao “papel activo das bibliotecas coruñesas”, sinalou na presentación o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande. Segundo engadiu, a iniciativa abranguerá 54 cursos e a posta en marcha dun Servizo de Atención Tecnolóxica personalizado, que se dirixe a resolver as dúbidas e consultas dos usuarios das bibliotecas. Sobre a cuestión de porqué centralizar este compromiso a prol da alfabetización dixital nos ditos centros, Sande explicou que “son o centro de referencia na vida dos barrios”, polo que se sitúan como o axente idóneo para favorecer este tipo de transmisión do coñecemento.
Segundo dixo, os cursos do Programa de Inclusión Dixital comezarán este mesmo mes de xaneiro. As actividades, puntualizou, diríxense sobre todo “a aqueles colectivos que, por diversas motivacións xeracionais, laborais ou formativas, fan un uso nulo ou primario das ferramentas”.
En total, até finais de outubro, ofreceranse 54 cursos dentro desta nova liña formativa, dirixidos a diversas tipoloxías de persoas usuarias, desde aquelas que non dispoñen de coñecementos neste ámbito até as que queiran adquirir habilidades necesarias para o uso seguro da Rede.
Serán seis as propostas que se impartan: Iniciación á informática e Internet e correo electrónico (dirixidas a persoas cun descoñecemento absoluto do manexo dun computador e Internet), Empregabilidade (para persoas interesadas na busca e mellora de emprego), Procesamento de textos (para o deseño, elaboración e impresión de documentos con procesadores de textos), Configuración de teléfono móbil (para persoas sen coñecementos sobre as posibilidades de personalizar o seu dispositivo), Marca persoal en Internet (para aquelas persoas con presenza activa na Rede, especialmente en redes sociais), Seguridade en internet (para pais, nais, educadoras e persoas usuarias preocupadas polas implicacións non visíbeis do ámbito dixital) e, finalmente, Libro electrónico (para o uso e manexo deste tipo de libros impulsando o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actualizados).
Todos os cursos desenvolveranse nas bibliotecas do Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosais e Sagrada Familia. Nesta última terá lugar o primeiro dos obradoiros deste ano, Iniciación á informatica, Internet e correo electrónico, que se celebrará do 22 de xaneiro ao 2 de febreiro, en 10 sesións, e cuxa inscrición estará aberta a partires do vindeiro día 15. Esta poderá formalizarse de xeito presencial na propia biblioteca da Sagrada Familia. Todos os cursos, datas de realización e de inscrición poderanse consultar tanto na páxina web municipal, coruna.gal, coma en calquera dos centros da rede municipal.
Amais de todo o devandito o programa de obradoiros acompáñase da posta en marcha do novo Servizo de Atención Tecnolóxica, unha proposta mediante a cal, unha persoa educadora ou monitoria atenderá, na aula de informática da biblioteca correspondente ou noutro espazo habilitado, as consultas e demandas puntuais de axuda de calquera usuaria das bibliotecas. Este servizo, que se atopará no Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosais e Sagrada Familia (os mesmos centros nos que se ofertarán os cursos formativos), atenderá cuestións básicas, pero concretas, relacionadas coa configuración de dispositivos móbiles, con ferramentas e plataformas de redes sociais e de Internet en xeral, ou con trámites concretos que necesiten asesoramento puramente tecnolóxico.
O servizo está dispoñíbel desde xa na Biblioteca de Monte Alto (odos os luns, agás os festivos, en horario de 10.00 a 13.00 horas) e desde o vindeiro 15 de xaneiro na Biblioteca do Castrillón.

Categorías: Ciencia

COGAMI e a Fundación Vodafone lograron a inserción laboral de máis dun centenar de persoas

Mar, 01/09/2018 - 12:07

COGAMI, a confederación galega de persoas con diversidades funcionais e cognitivas, vén de facer balance da actividade de impulso laboral despregada en colaboración coa Fundación Vodafone España. Segundo fai saber a entidade, un total de 104 membros da mesma conseguiron inserirse no mercado de traballo tras participar no programa Participa coa Dis-Capacidade, proxecto de COGAMI e a dita fundación dirixido (entre outras cousas) a tirar proveito das novas tecnoloxías para potenciar os importantes e variados talentos das persoas que están á procura dun emprego.
O programa, que se desenvolveu ao longo de 2017 e rematou en decembro, saldouse, en palabras de COGAMI, “cuns resultados que superaron todas as expectativas marcadas pola área de emprego da confederación con respecto ao número de insercións”, unhas expectativas que tiña como obxectivo acadar un 49% de ocupación laboral das 150 persoas participantes. Ao cabo, o resultado final foi amplamente superado, xa que o 69% dos asistentes ás actividades están traballando arestora: 22 en A Coruña, 11 en Ferrol, 9 en Lugo, 12 en Ourense, 10 en Pontevedra, 18 en Santiago e 22 en Vigo.
Segundo o lugar de procedencia, 24 dos participantes procedían de A Coruña, outras 24 de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 estaban en Vigo.
O programa contou co importante labor de sete orientadores laborais, cada un deles despregando tarefas de formación, asesoramento e motivación nas sedes de COGAMI nas principais cidades galegas. A iniciativa, amais de asesoramento, tamén ofreceu información, formación e capacitación en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) baseadas en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co “propósito de facilitar a súa comprensión e poder darlles uso para a busca de emprego e, finalmente, poder acceder ao mercado laboral”.
Dende o servizo e mediación laboral de COGAMI, tras analizar as necesidades máis demandadas polas persoas participantes, impartiron 8 cursos sobre competencias informáticas nos que participaron 65 persoas e desenvolveron 7 obradoiros sobre redes sociais que contaron coa asistencia de 70 persoas. Tamén se realizaron 15 círculos de emprego para compartir experiencias e impartiuse formación sobre as ferramentas informáticas (aplicacións móbiles) dirixidas a facilitar a procura dun posto de traballo.
Outra das xestións realizadas polos orientadores laborais foi a posibilidade de realizar prácticas en empresas ás que asistiron 35 persoas e asesoraron na elaboración dun currículo 2.0 ou audiovisual dende a preparación do guión ata a presentación da súa gravación. Entre os piares fundamentais do programa tamén se incluíron visitas a diferentes empresas para levar a cabo labores de sensibilización cara á diversidade, informando sobre as bonificacións e os incentivos que hai na contratación dunha persoa destas características e para xestionar ofertas de emprego. Visitáronse 259 empresas novas, fíxose seguimento a 455 empresas coas que xa se mantén o contacto. Tras realizar estas xestións co empresariado galego, finalmente abríronse un total 620 ofertas de emprego.

Categorías: Ciencia

Novo número da nosa edición impresa

Lun, 01/08/2018 - 23:59

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco dixital Magzter.
Nesta nova entrega salientamos os 10 anos de vida do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia. Tamén abordamos temas como os seguintes:
- Arousa Norte achega unha avanzada aplicación para mellorar os servizos aos turistas
- Investigadores do CITIC presentan a súa memoria de actividades
- Un total de 51 polígonos da nosa terra xa teñen Internet de alta velocidade
- O Pacto Dixital de Galicia impulsará o noso talento innovador
- Ourense crea a primeira unidade estatal de drons para situacións de emerxencia
- Balidea celebra o seu 15 aniversario
- A Deputación de Lugo e a Fundación TIC implícanse co novo proxecto de Oliver Laxe
- A Deputación de Lugo achega a súa colaboración ao Museo do Pobo Galego en materia dixital
- O CPETIG encara o cambio de ano movendo novamente ficha na defensa da profesión
- Entrevistamos a Marcos Mata, presidente do CPETIG
- Mostramos a colleita do remate do ano en materia de innovación galega empresarial
- O Consello da Cultura presenta o Mapa Sonoro de Galicia
- Divulgacción ilústranos sobre o ocaso dos Austrias e as orixes da xenética
- Os nosos Concellos encararon o cambio de ano cunha chea de aplicacións e novas web
- O Concello de Ribeira avanza en número de servizos de eAdministración
- Galicia desenvolve unha tecnoloxía para incrementar a seguridade no mar

Categorías: Ciencia

A Deputación de Pontevedra instalará paneis con códigos QR en sete vilas termais

Lun, 01/08/2018 - 23:17

A Deputación de Pontevedra vai estreitar dous ámbitos que, na súa confluencia, poden achegar melloras importantes no servizo do oso sector turístico: o eido das novas tecnoloxías e o eido do turismo termal da provincia. Máis polo miúdo, a entidade que preside Carmela Silva anunciou hoxe que instalará en media ducia de vilas termais paneis con códigos QR. O obxectivo? Incrementar ao máximo a experiencia informativa.
As vilas beneficiadas serán Mondariz Balneario, Catoira, Ponte Caldelas, Cuntis, Caldas de Reis, O Grove e Vila de Cruces. A iniciativa é unha das actividades previstas no Plan Estratéxico de Turismo. En detalle, a través dela instalaranse nas ditas localidades paneis en tamaño A3 con códigos QR con información descargábel en smartphones e tabletas, incluíndo texto e audios en galego, castelán e inglés.
A actuación nace dun encontro mantido entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os concellos termais no pasado mes de decembro, para avanzar na promoción dos seus recursos. Nesta xuntanza abordouse a promoción dende unha perspectiva integral, contemplando tamén a importancia dos espazos históricos, naturais, culturais e paisaxísticos vinculados ao termalismo.
Cos novos paneis, que se instalarán a petición dos propios concellos nos espazos que consideren máis axeitados para a súa consulta, a intención é “mellorar os contidos que se achegan ás persoas turistas e visitantes de cada unha destas sete localidades, brindándoselles a posibilidade de obter información sobre todo o potencial histórico, cultural, natural, gastronómico e paisaxístico destes municipios e das súas respectivas contornas”.
Xunto aos paneis informativos, que se instalarán esta semana poranse en marcha, tamén, accións de promoción online marcadas dentro do Plan estratéxico de turismo Rías Baixas.

Categorías: Ciencia

GoPro deixa o mercado dos drons

Lun, 01/08/2018 - 21:30

A semana pasada filtrouse que GoPro estaba a preparar o despedimento de entre 200 e 300 traballadores, concentrados especialmente da súa división de drons, considerada un rotundo fracaso por numerosos motivos como o saír ao mercado practicamente á vez que un produto máis atractivo (o DJI Mavic Pro) e por ter que retirar as primeiras unidades do seu GoPro Karma do mercado por problemas de seguridade.
Agora a compañía, ao presentar os seus resultados preliminares para o cuarto trimestre de 2017 non só confirma os despedimentos (estimados nuns 254 traballadores, ou sexa o 20% do cadro de persoal), senón que tamén confirma que abandonan o mercado dos drons de consumo ante o seu nivel de competencia e as restricións normativas en EE.UU. e Europa.
Temos así a unha empresa que unha vez máis busca mudar o seu rumbo, ante a imposibilidade de manter un crecemento a longo prazo só con cámaras deportivas e, de feito, a CNBC desvelou que a compañía contratou a J.P. Morgan Chase hai uns meses para contribuír á súa posible venda. Polo momento non hai confirmación de ningunha negociación de adquisición, pero dende a dirección de GoPro si admiten o seu interese en asociarse ou verse absorbidos por outra compañía, para facilitar o seu progreso.

Categorías: Ciencia

Intel integra gráficas de AMD nos seus novos procesadores

Lun, 01/08/2018 - 18:50

Hai un par de meses Intel adiantaba que estaba a traballar con AMD para integrar as súas gráficas discretas nos seus procesadores, e hoxe anuncian o lanzamento da 8ª xeración de procesadores Intel Core con gráficas Radeon RX Vega M, ou sexa, que agora será posible gozar desta solución integrada para afeccionados aos videoxogos, creadores de contidos e seareiros da realidade virtual e mixta, o que facilitará poder gozar de grande potencia gráfica especialmente en equipos de reducidas dimensións, como ordenadores portátiles ou os novos mini ordenadores da familia NUC.
Estes procesadores ofreceran en dúas configuracións: unha con procesadores Intel Core de 8ª xeración e gráfica Radeon RX Vega M GL, cunha potencia total de 65 watts, e outra máis potente, con gráfica Radeon RX Vega M GH, con 100 watts de potencia e configuración desbloqueada. Os procesadores de Intel teñen 4 núcleos, mentres que as gráficas veñen equipadas con 4 GB de memoria HBM2.
Intel asegura que, por exemplo, para a creación de contidos con Adobe Premiere Pro un equipo coa nova solución integrada funcionaría un 42% que un equipos de hai 3 anos cunha gráfica discreta, de xeito que temos tecnoloxía que mellora prestacións á vez que reduce tamaño e consumo, reducindo tamén a barreira para a realidade virtual (especialmente en equipos de pouco tamaño).

Categorías: Ciencia

O dicionario en liña da RAG pechou ano cun 42% máis de procuras

Lun, 01/08/2018 - 18:30

Sen dúbida o ano 2017 pasará á historia para a Real Academia Galega e a súa actividade en liña. Foi, de feito, o ano en que rexistrou un meirande número de procuras ao abeiro do seu dicionario online, até 20,5 millóns de consultas, amais do ano en que foi quen de consolidarse (definitivamente) unha palabra que toca de preto a todas as persoas e entidades que loitan cada día por preservar o galego na Rede: a palabra afouteza. Respecto da salientábel cifra das 20,5 millóns de procuras, a máis alta dende a posta en marcha da versión dixital do dicionario en 2013, significa un medre do 42% con respecto aos números acadados en 2016, e unha cifra diaria de consultas de 56.000.
aplicación móbil oficial para Android (a versión para iOS está pendente de aprobación para a súa publicación na App Store)" title="O dicionario da RAG tamén estrea aplicación móbil oficial para Android (a versión para iOS está pendente de aprobación para a súa publicación na App Store)" />En palabras da RAG, estes fitos confirman o afianzamento do dicionario “como unha ferramenta cotiá imprescindíbel da lingua galega para un crecente número de persoas, en constante actualización co apoio da Fundación Barrié”.
Amais de todo o devandito, a ferramenta lingüística galega alcanzou os 1.059.472 usuarios únicos, case 192.000 máis cós 867.555 de 2016.
Para quen non o saiba a estas alturas, as persoas que acotío fan uso deste servizo poden acceder aos significados de máis de 56.000 termos tanto a través da web da institución (academia.gal) como do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal). A RAG tamén lembra que ás máis de 20,5 millóns de consultas rexistradas desde ambas as webs en 2017 cómpre engadir os 2 millóns de visualizacións que sumaron as aplicacións para o dicionario para Android e iOS, cunhas 70.000 descargas.

Categorías: Ciencia

A carga sen fíos Qi queda sen competencia

Lun, 01/08/2018 - 18:05

Durante os últimos anos vimos como chegaban distintas tecnoloxías de carga sen fíos baseadas en indución, das que a tecnoloxía Qi parecía ser a máis forte, mentres que as plataformas competidores, Alliance for Wireless Power e Power Matters Alliance, tiveron que unir forzas, o que non resultou dabondo e agora o principal representante desta alianza, Powermat, anuncia que dá o brazo a torcer e sumarase ao Wireless Power Consortium (WPC) para contribuír ao ecosistema de Qi.
Lembremos que a tecnoloxía Qi leva presente en móbiles como os Nokia Lumia ou distintos Samsung Galaxy dende hai bastantes anos, converténdose practicamente no estándar a seguir (e que incluso adoptou Apple hai poucos meses), resultando moi complicado ás tecnoloxías competidoras facerse un oco no mercado. O feito de que agora todos os axentes traballen baixo o mesmo paraugas facilitará a evolución da tecnoloxía de carga por indución, o que poderá ser moi positivo para os consumidores, xa que será máis doado adquirir produtos con esta tecnoloxía e máis probable que en lugares públicos se instalen puntos de carga.
O director xeral de Powermat, Elad Dubzinski, recoñece que a adopción de Qi por parte de Apple evidenciou o éxito desta tecnoloxía, polo que non tiña sentido fuxir dun estándar que actualmente está amparado por máis de 360 compañías.

Categorías: Ciencia

Valga acolle en xaneiro media ducia de obradoiros de alfabetización dixital

Lun, 01/08/2018 - 16:43

O concello de Valga vai acoller este mes de xaneiro media ducia de actividades para introducir á veciñanza nos principais usos e vantaxes das novas tecnoloxías da información. Os obradoiros do programa formativo, centrado na aula CeMIT local (emprazada no auditorio municipal), teñen o nexo de facer fincapé na alfabetización dixital da cidadanía, como por exemplo as actividades para as que aínda hai prazas libres: o curso Crea o teu email, que se desenvolverá entre os días 15 e 17, e o curso Fai a túa compra online, que se celebrará entre os días 22 e 31 de xaneiro.
Amais das actividades devanditas, desenvolverase o curso Iniciación á informática, con datas por confirmar, e os cursos Personaliza o teu calendario, Descubre Google Earth e Sorprende coas túas presentacións en Impress.
Por outra banda, a aula tamén informa que o vindeiro 26 de xaneiro ás 10 horas realizaranse no dito local TIC os exames presenciais dos cursos EMA de teleformación. Soamente poderán inscribirse nestas probas as persoas que activaran a opción de Cuestionario de avaliación na plataforma de teleformación EMA, unha vez seguidos todos os contidos do curso. Unha vez realizada a súa inscrición, é necesario ter recibido o correo confirmatorio de matriculación para asistir ás probas.

Categorías: Ciencia

nVIDIA presenta as súas achegas aos vehículos autónomos

Lun, 01/08/2018 - 14:30

Comeza a ser unha tradición para nVIDIA que a súa participación no CES de Las Vegas sexa o lugar no que dan conta dos seus avances en computación para vehículos autónomos, deixando un pouco de lado as súas populares tarxetas gráficas, e este ano deron conta de nVIDIA Drive Xavier, os seus novos procesadores para vehículos que anunciáronse hai un ano e que durante este trimestre chegarán ao mercado.
Xavier é un dos sistemas integrados nun chip máis complexos creados nunca, con máis de 9.000 millóns de transistores. Conta cun procesador de 8 núcleos, unha gráfica Volta con 512 núcleos, aceleración para deep learning, aceleración para visión artificial e procesadores para vídeo 8K con HDR, todo compatible cunha plataforma de software de nVIDIA orientada á intelixencia artificial.
Con este tipo de solucións nVIDIA non só busca conseguir a maior potencia de procesamento posible, senón tamén reducir o consumo, conseguíndose actualmente a realización de 30 billóns de operacións por segundo con só 30 watts, o que supón multiplicar por 15 a eficiencia enerxética fronte á anterior xeración desta tecnoloxía.
Xavier é un dos compoñentes clave da plataforma de computación nVIDIA Drive Pegasus AI, que congregaría a potencia de cálculo dun camión cheo de ordenadores no tamaño dunha placa de matrícula e que sería o primeiro superordenador para vehículos do mundo deseñado para robotaxis con autonomía de nivel 5, ou sexa, totalmente autónomos en calquera escenario. Pegasus integra 2 Xavier e un par de gráficas nVIDIA da vindeira xeración, de xeito que non veremos unidades desta tecnoloxía ate mediados de ano. Espérase que sexa capaz de procesar 320 billóns de operacións por segundo.
Estes avances non están a lanzarse ao tolo, senón que van da man de alianzas con grandes fabricantes e compañías, anunciando en Las Vegas nVIDIA que pecharon acordos con Volkswagen, Uber, Aurora e outras compañías, de xeito que confían en poder facer posible que o servizo de Uber non precise de condutores humanos no futuro. Actualmente está a probar o uso de tecnoloxía de nVIDIA de coches autónomos nunha frota de proba de SUV Volvo XC90 e tamén exploran esta tecnoloxía en camións, tendo realizado xa máis de 2 millóns de millas en máis de 50.000 desprazamentos.
No caso de Volkswagen, neste momento están enfocados no uso da tecnoloxía de nVIDIA para permitir unha copilotaxe intelixente, ou sexa, que os seus vehículos aproveiten os seus sensores externos e internos para axudar na condución do novo I.D. Buzz, vehículo inspirado no clásico VW MicroBus, que agora funciona de xeito eléctrico e avanza cara á condución totalmente autónoma. A gama de vehículos I.D. de Volkswagen prevé iniciar o seu lanzamento en 2020, de xeito que en 2025 poida contar xa con máis de 20 modelos.

O clásico VW MicroBus inspira a un novo vehículo eléctrico e con copilotaxe intelixente
Categorías: Ciencia

Kuka, HP e o Grupo PSA mostrarán nas JAI as grandes vantaxes da Industria 4.0

Lun, 01/08/2018 - 13:38
O profesor José Ignacio Armesto da Universidade de Vigo

Paseniño pero sen pausa vai quecendo motores a sétima edición das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI), con toda probabilidade o evento máis galego máis referencial en materia de Industria 4.0 e, sen dúbida, un dos máis importantes do seu ámbito a nivel estatal. Este ano, ademais, o evento conta co engadido de ser a edición con máis empresas participantes e con máis actividades de divulgación e traballo en rede arredor de cuestións como a robótica colaborativa, a impresión 3D e a realidade virtual. Ou sexa, arredor dos diferentes piares da nova revolución tecnolóxica. En total, concorrerán 20 compañías, mostrando potencial e, asemade, procurando talento. Por exemplo o Grupo PSA (Juan José Areal, falando de Automoción 4.0), Repsol (Hugo Pachón, cun relatorio sobre técnicas smart na industria de proceso), Navantia (Miguel Vilar), HP (Jaume Homs, introducindo aos presentes nas vantaxes da tecnoloxía 3D Multi Jet Fusion de HP) ou Kuka (David Alonso, mostrando o potencial dos robots como compañeiros do traballo do futuro).
Dende outras beiras acoden tamén os nosos centros tecnolóxicos e unha manchea de estudantes, cada un/unha con cadanseu currículo no cartafol. As JAI celébranse en Vigo (Escola de Enxeñaría Industrial) entre o 12 e o 16 de marzo e veñen da man do profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática (Universidade de Vigo), José Ignacio Armesto.
Entre as grandes novidades deste ano, amais das devanditas, atópase o fornecemento dun espazo específico para demostracións de proxectos innovadores, no que os centros tecnolóxicos galegos exporán os seus deseños. A previsión, segundo lembrou estes días o profesor Armesto, é superar o milleiro de asistentes da anterior edición.
Entre os grandes obxectivos do evento figura novamente o de marcar diferenzas con respecto a outros eventos tecnolóxicos, apostando de cheo por estreitar o contacto entre empresas e mocidade. Búscase, polo tanto, que estudantes, fabricantes e usuarios profesionais poidan interactuar nun contexto tecnolóxico e universitario.
O programa, que abrangue máis de 35 horas de presentacións técnicas e relatorios, abordará temas como robótica colaborativa e sensitiva, robótica móbil, seguridade industrial, análise de datos, ciberseguridade, IoT (Internet das Cousas), xemelgo dixital, mecatrónica, información a gran escala (Big Data), intelixencia artificial, comunicacións sen fíos ou eficiencia enerxética. Para isto, contarase con preto de 50 relatores procedentes de diferentes cidades e países, que presentarán as principais novidades e tendencias do sector.
Participarán vellas coñecidas das JAI como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR.
Por outra banda, no programa de relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo, entre as que se contan PSA Peugeot Citroën (que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa), Repsol (que mostrará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña) e Navantia (que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos). Tamén participarán nos relatorios representantes de centros tecnolóxicos como CTAG, Gradiant ou Aimen, visualizando as súas iniciativas de innovación e desenvolvemento vencelladas aos ditos eidos e procesos industriais.
As xornadas poderán seguirse tanto de xeito virtual como presencial, neste último caso o prazo de inscrición remata o 12 de febreiro.


Categorías: Ciencia

Un curso en Compostela introducirá ao deseño de videoxogos

Lun, 01/08/2018 - 11:38

Os Círculos de Aprendizaxe en Galicia, grupo de persoas que se xuntan para adquirir ou complementar coñecementos a partires de contidos e cursos dispoñibles en liña (MOOC), inician mañá en Santiago de Compostela un curso introdutorio ao deseño de videoxogos, que impartirase durante 4 semanas os martes e mércores de 19:30 a 21:00 horas, servindo para amosar os aspectos que hai que considerar no videoxogos e que permita abordar individualmente os temas que se consideran nucleares: deseño, arte, motor do videoxogo e xogabilidade.
Este será o primeiro dunha serie de 6 cursos de especialización en videoxogos con credencial universitaria, resultando de utilidade para axudar a identificar, nomear e explicar a importancia dos diferentes aspectos do deseño de videoxogos, para poder avaliar as partes que nos interesan de cara a seguir o curso específico sobre tal temática.
O curso precisa de inscrición previa e aínda que os Círculos de Aprendizaxe son de acceso libre e de balde, aceptan contribucións, valorándose esta actividade en 25 euros ou 10 euros e 15 landras. A facilitadora desta actividade é Cora Coco, consultora en enxeñaría cultural e artística.

Categorías: Ciencia

En marcha unha campaña en Kukumiku para devolver un monte de Lousame ao bosque galego

Lun, 01/08/2018 - 11:37

Pode o micromecenado e o activismo en liña enfiar a reparación definitiva dos nosos montes? Se atendemos ao que nos conta as asociacións Verdegaia e Coluna Sanfíns, non é só que poidan, é que tamén é factíbel abrir a vía para que outras contornas con semellantes problemas, sexan quen de facelo. Segundo a organización, a resposta ao problema da eucaliptización, dos lumes e da perda de diversidade, estaría en boa medida na fórmula do crowdfunding. Para demostralo e para mostrar como se pode recuperar un monte en concreto (o monte de Froxán, en Lousame, A Coruña) veñen de pór en marcha na plataforma Kukumiku (crowdfunding solidario) unha campaña para amadriñarmos árbores ou fanegas enteiras (2.100 m2). A iniciativa arrancou a semana pasada e xa ten recadados 3.150 euros (este luns 8 de xaneiro). Ademais, recibiu máis dun centenar de doazóns, a case tres semanas para o remate da campaña.
Como dixemos, do que se trata é de amadriñar árbores no devandito monte de Froxán, distinguido en 2017 por ser o primeiro en todo o Estado español a ser incluído no rexistro das Nacións Unidas de Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais. Coas achegas recibidas por Internet as entidades promotoras (Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfíns e a comunidade de montes local) queren transformar un total de 10 hectáreas dese monte, actualmente inzadas de masas de eucaliptos, nun bosque de frondosas autóctonas. En palabras de Iolanda Mato, unha das coordinadoras do proxecto, isto impedirá no futuro “o avance de lumes, garantirá o regulación hídrica e restaurará a biodiversidade actualmente degradada pola expansión de especies exóticas”.
Segundo engaden as comunidades impulsoras da iniciativa, de acadarse o obxectivo óptimo de financiamento, plantaranse máis de 13.000 árbores, sobre todo a través do programa de voluntariado Montescola, que implica as nosas crianzas no coñecemento, na restauración e na posta en valor do monte veciñal (Montescola xa mobilizou en 2017 máis de 300 escolares galegos acompañados das súas familias e docentes).
As comunidades tamén sinalan que as achegas realizadas a través da Fundación Kukumiku son deducíbeis en Facenda e permiten aínda participar en varios sorteos, incluíndo o dunha noite para dúas persoas nunha casa rural ou de varios exemplares da Guía para o descenso enerxético, unha publicación en defensa do monte comunal como “fundamento para o futuro do país”. Desde as entidades promotoras salientan que o resultado final desta iniciativa será “un bosque único, froito da participación cidadá” e convidan a todo o mundo a facer parte e axudar na súa difusión nas redes sociais e no “boca-a-boca”.

Categorías: Ciencia

AXEGA fortalece o seu equipamento cun dron operativo en condicións extremas

Lun, 01/08/2018 - 10:14

Os drons, en materia de resposta ante incidencias (operacións de rescate, localización de lumes, salvamento, achado de persoas extraviadas), teñen un amplo potencial de efectividade ao incrementar a nosa capacidade de ver, ouvir, atopar e xerar información de campo. Co fin de seguir tirando o máximo proveito destes aparellos, e descubrir todo o seu potencial, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) vén de adquirir unha nova nave non tripulada de última xeración, desenvolvida polo fabricante DJI. Con esta incorporación fortalécese a operativa da Unidade Operativa de Drons (UOD), tanto a nivel Estatal como da Unión Europea a través da EENA (Asociación Europea do número único de Emerxencias).
Entre as características máis salientábeis do dron atopan as seguintes: conta con certificación IP-43; sensores antichoque de varrido 360 graos; dobre Gimbal con posicionamento variábel; zoom óptico de vídeo de 30x; termografía con obxectivo de 19mm; ou batería calefactada con posibilidade de voo con baixas temperaturas. Ademais, a aeronave adáptase plenamente aos requirimentos da nova normativa neste eido e amplía a súa operatividade ao poder voar con chuvia e baixas temperaturas.
Balance de 2017
A UOD da AXEGA vén de prestar durante o ano 2017 un total de 20 servizos, a maioría en colaboración coas forzas e corpos de seguridade na busca de persoas desaparecidas, aínda que tamén en dispositivos de carácter preventivo, divulgativo-formativo e como ferramenta de autoprotección do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, integrándose no dispositivo de seguridade do continxente galego desprazado a Portugal a raíz da vaga de lumes forestais, a fin da detección de eventuais atrancos nas estradas por arbores/obstáculos que dificultaran o desprazamento dos vehículos de grandes dimensións mobilizados.

Categorías: Ciencia

O programa Efervescencia logrou máis de 52.000 descargas e escoitas en 2017

Ven, 01/05/2018 - 16:51
Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervescencia

Os responsábeis do programa radiofónico Efervesciencia impulsado pola Universidade de Santiago veñen de enfiar o cambio de ano facendo balance da súa actividade recentemente, moi salientábel en materia de seguimento en liña. Segundo fan saber, o programa acadou en 2017 máis de 52.000 descargas e escoitas a través da plataforma Ivoox, unha das moitas aplicacións de podcast dende a que se pode acceder a todas as emisións. Como lembraremos, Efervesciencia emítase dende hai unha década na Radio Galega e é un dos mais veteranos programas de divulgación científica da grella das radios en España.
O programa está producido pola USC e emítese todos os domingos ás 15.00 horas grazas ao financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Ao longo do pasado ano emitíronse 42 programas novos, ademais de 12 reemisións en verán. Entre eles, os seus responsábeis destacan a gala do décimo aniversario que tivo lugar o 30 de setembro no Teatro Principal de Compostela e na que interveu unha nutrida representación dos mais de mil investigadores que pasaron polos seus micrófonos, como Ángel Carracedo, José Edelstein, Minia Manteiga, Ana Ulla ou Fernando Aguado. Tamén destacan a gala Stat Wars: O espertar dos datos, que anunciamos en Código Cero o pasado mes de novembro e que conseguiu, finalmente, a participación de case medio milleiro de cativos de toda a nosa xeografía.

Categorías: Ciencia

O Concello de Mugardos fortalece cunha nova plataforma a súa comunicación coa cidadanía

Ven, 01/05/2018 - 16:35

O Concello de Mugardos rematou 2017 poñendo en marcha unha plataforma dixital de información á cidadanía. O servizo, que xa está en marcha dende decembro, céntrase basicamente en acurtar distancias coa veciñanza en materia de comunicación e en incentivar a súa participación na vida pública local, achegando as novas do municipio por correo electrónico, mensaxes de texto no móbil ou mensaxes instantáneas a través da aplicación Telegram.
A plataforma foi dada a coñecer pola alcaldesa Pilar Díaz, que salientou que se trata dun novo instrumento “que reforza as canles de comunicación” do Goberno local coa veciñanza e que permite “achegarlle o traballo institucional, moitas veces pouco coñecido”. O servizo está dispoñíbel en concellodemugardos.tcinforma.com.
A plataforma leva o nome TCI (Túa Cidade Informa) e, segundo informou a rexedora, a súa creación e posta en marcha foi adxudicada á empresa Codery Os Solutions por 3.000 euros. Durante 2018 a aplicación estará en fase de probas e validación, avaliando os responsábeis municipais a súa eficacia en materia de transparencia e seguindo moi de preto o nivel de uso acadado entre unha poboación, a mugardesa, “que polo seu grao de envellecemento non está afeita a recibir información mediante este tipo de ferramentas”, sinalaron fontes do Concello, engadindo que o emprego da plataforma vaise impulsar coa distribución de cartaces e dípticos para informar á cidadanía da existencia do servizo e acadar o maior número de usuarios.

Categorías: Ciencia

O impacto da mitigación de Meltdown está a ser desigual

Ven, 01/05/2018 - 14:21
Nalgunhas instancias de AWS EC2 o impacto dos parches aplicados esta semana foi máis que notable no consumo de recursos.

Inicialmente falouse de que a mitigación de Meltdown podería ocasionar un importante impacto no rendemento dos procesadores Intel, non parece que iso sexa certo no caso de equipos de consumo, e serían os equipos destinados a plataformas na nube os que padecerían ralentizacións, aínda que non todos por igual, como están a comprobar nas súas carnes os usuarios de servidores na nube de Amazon, que están a ver como as súas máquinas virtuais EC2 están a incrementar o seu consumo de CPU tras recibir as últimas actualizacións de seguridade só nalgúns casos, mentres que dende Amazon aseguran que na meirande parte das instancias non detectaron un impacto significativo dos parches. Amazon comprométese a axudar a solucionar os casos problemáticos.
No caso da outra grande vulnerabilidade, Specre, o rendemento non serían un problema, como confirman dende Google, compañía que vén de publicar un método de mitigación chamado Retpoline, que están a aplicar aos seus sistemas, e que protexería dos ataques de Spectre sen afectar de xeito perceptible ao rendemento dos servidores.
Microsoft aínda non aplicou os parches aos servidores de Azure (estando xa programada tal actualización) pero xa deron conta de que as súas consolas Xbox non teñen problema cos as vulnerabilidades desveladas esta semana, o que non sorprende por estar baseadas en procesadores de AMD.
Intel tamén declarou que xa conta parches que distribuirá a finais da vindeira semana que protexerán aproximadamente ao 90% dos procesadores lanzados nos últimos 5 anos, de xeito que boa parte do mercado poderá protexerse rapidamente das vulnerabilidades detectadas. Matizan que o impacto no desempeño dos equipos dependerá moito da carga que teña cada un, e confían en que as sucesivas actualizacións que vaian xurdindo mitiguen aínda máis este impacto que na meirande parte dos casos será imperceptible.

Categorías: Ciencia

Meltdown e Spectre afectan aos ordenadores e dispositivos móbiles de Apple

Ven, 01/05/2018 - 13:05

Non cesan as informacións ao redor de Meltdown e Spectre, e agora é Apple a compañía que da un paso adiante para insistir en que o problema de seguridade afecta a todos os sistemas operativos e dispositivos informáticos modernos, para recoñecer que non só todos os sistemas Mac están comprometidos, senón que tamén acontece o mesmo cos dispositivos con iOS, aínda que chaman á tranquilidade ao asegurar que polo momento os consumidores non corren risco, aínda que para unha protección futura recomendan actualizar iOS, macOS e tvOS para manter os dispositivos protexidos deste tipo de vulnerabilidades.
Curiosamente o Apple Watch é un dispositivo que polo momento non estaría afectado por Meltdown. Pola contra, o navegador web Safari sería vulnerable a Spectre, polo que en breve recibirá unha actualización para procurar defenderse deste tipo de ataque.
Aínda que nun principio falouse de que as medidas de seguridade para evitar a Meltdown provocarían unha redución de rendemento nos equipos de entre o 5 e o 30%, dende Apple aseguran que os parches que aplicaron non teñen un impacto perceptible nun uso normal dos seus equipos, para tranquilidade dos consumidores.

Categorías: Ciencia

A Estrada pon a disposición do programa SmartPEME o seu Viveiro de Empresas

Ven, 01/05/2018 - 11:42

Semella que amais das novidades que citamos recentemente (a nova adxudicataria, un programa de actividades máis amplo e ambicioso), a rede TIC de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, a rede SmartPEME, vai recibir máis folgos co novo ano Segundo puidemos saber, estase a preparar o terreo para que as sedes operativas de SmartPEME (en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e en Lalín) incrementen o seu número coa incorporación de A Estrada. Será a partir do vindeiro mes, contando co apoio integral do Concello local, que pon a disposición do programa da Deputación de Pontevedra as instalacións do seu Viveiro de Empresas.
O obxectivo do Goberno estradense é achegar asesoramento tecnolóxico avanzado aos emprendedores, empresarios e autónomos locais. Estas novidades foron dadas a coñecer polo tenente de alcalde, Juan Constenla, durante a presentación de SmartPEME na Estrada.
Na presentación, Constenla estivo acompañado polos deputados Carlos López Font e Javier Dios, por técnicos de SmartPEME, así como representantes da Asociación de Comerciantes da Estrada, da Asociación Comarcal de Empresarios, da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble, da Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra e dos responsables da empresa Central Científica Galega, que acaba de incorporarse hai uns días ao Viveiro de Empresas.
Segundo fixeron saber, o horario de atención ao público na Estrada será dúas veces ao mes, concretamente o primeiro e o último mércores en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas variando en agosto que será de mañá, de 09.00 a 14.30 horas, e terá lugar no Viveiro de Empresas. Será un servizo de asesoramento individualizado, cen por cen de balde, no que cada interesado contará cunha bolsa de 10 horas para poder informarse sobre cada cuestión. O Concello e a Deputación tamén engadiron que a este servizo súmase un asesoramento vía telemática que ofrece unha solución a todas as empresas que non teñen tempo para acudir de maneira presencial ás ditas dependencias. Ademais, tal e como comentaron os técnicos encargados deste proxecto, levarase a cabo un obradoiro cada mes, con posibilidade de ampliar o número segundo a demanda e as necesidades que vaian xurdindo. Tamén se fixo saber que “debido a gran influencia do sector agrario e gandeiro en Tabeirós-Terra de Montes”, daráselle forma a un programa piloto para “incentivar a implantación das novas tecnoloxías que melloren o rendemento e a produtividade neste sector”. O obxectivo é converter o Viveiro no “referente tecnolóxico para asociacións empresariais e os seus asociados nas comarcas”.
Sobre SmartPEME
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a Deputación de Pontevedra, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
No último ano SmartPEME bateu unha serie de récords importantes. Máis polo miúdo, aumentouse en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.

Categorías: Ciencia

Páxinas