códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 3 horas 50 seg

Mediapro non distinguirá entre operadores tradicionais e por Internet na comercialización do fútbol

Mér, 02/14/2018 - 14:36

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) acordou a aprobación da terminación convencional do expediente sancionador incoado a Mediapro por un posible abuso de posición de dominio no mercado de comercialización maiorista de canles de televisión de pagamento premium en España, o que supón que os compromisos asumidos por Mediapro resolven de xeito inmediato o problema de competencia identificado pola CNMC sen a necesidade de pronunciarse de xeito definitivo sobre as condutas anticompetitivas imputadas.
O expediente abriuse tras unha denuncia da empresa que xestiona a plataforma de deportes en streaming Opensport, que pretendía comercializar as canles BeIN Sports e BeIN La Liga, con contidos moi relevantes no mercado español.
Aínda que inicialmente Mediapro negábase a achegar esas canles a Opensport en condicións semellantes ás das plataformas de televisión de pagamento tradicionais, finalmente o xestor dos dereitos mudou de parecer e ofrece un modelo de comercialización maiorista non discriminatorio aos operadores OTT (por Internet).
Podemos entender así que a contratación de paquetes con contidos audiovisuais deportivos a través da Internet vai normalizarse para que os consumidores poidan acceder aos mesmos con independencia do operador de telecomunicacións contratado.

Categorías: Ciencia

Estoura a batería dun smartphone ZTE en Palma de Mallorca

Mér, 02/14/2018 - 14:14

Os casos de móbiles con baterías que esbouran son moito máis frecuentes do que queremos crer, e o último caso que busca gañar visibilidade é o dun rapaz de 15 anos que mentres esperaba a entrar á súa aula nun instituto de Palma de Mallorca veu como o seu ZTE Blade L5 Plus quecía e emitía un cheiro raro, e tras notar que estaba queimándolle o pantalón, sacouno (queimándolle os dedos) para ver como a batería estalaba no aire, sen chegar a tocar o chan, para logo comezar a arder.
Este caso foi denunciado por FACUA, asociación que advirte da gravidade do acontecido pois se o usuario non tivese sacado o móbil do peto podería ter importantes queimaduras. Trasladaron o caso á Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) e requiriron a ZTE información sobre as causas do ocorrido, así como que comuniquen se aconteceron máis casos semellantes.
O teléfono en cuestión mercárase o pasado 27 de maio a un prezo de 72,90 euros, e este incidente coñeceuse principalmente porque a nai do mozo que veu esbourar a batería do seu móbil é socia de FACUA, polo que púxose en contacto coa entidade para denunciar os feitos.

Categorías: Ciencia

Qualcomm anuncia un modem LTE que consegue descargas a 2 Gbps

Mér, 02/14/2018 - 14:04

Aínda que nos últimos anos temos a vista posta na futura tecnoloxía 5G, esta non será unha realidade comercial até 2020, e mentres o 4G ten moita marxe de mellor, como vén anunciar Qualcomm, que cos seus novos modems X24 LTE estrea o LTE de Categoría 20 con soporte de velocidades de descarga de até 2 Gbps, sendo tamén o primeiro chip fabricado por un procedemento FinFET de 7 nanómetros.
Este grande avance tecnolóxico poderá comprobarse no Mobile World Congress de Barcelona, onde varios fabricantes (Ericsson, Netgear e Telstra) realizarán demostracións destas solucións de LTE Gigabit que permitirán que as compañías de telecomunicacións aproveiten moito máis as súas actuais infraestruturas 4G, maximizando a capacidade das súas redes e achegando o que podería considerarse case como un adiante do 5G.
Para poder conseguir velocidades de 2 Gbps de descarga cun modem X24 de Qualcomm é preciso manexar simultaneamente 20 fluxos LTE con diferentes frecuencias e tecnoloxías, de xeito que non todos os operadores poderán conseguir tal velocidade (dependerá das bandas das que teñan licenza de uso).
O uso dos novos modems LTE de Qualcomm permitirían gozar en contornos móbiles de velocidades de acceso á Rede equivalentes á que temos actualmente a través de liñas de fibra óptica, o que facilitaría o consumo de contidos en 360 graos, vídeos en ultra alta definición, servizos de computación na nube ou aplicacións instantáneas, abrindo moitas posibilidades de negocio e permitindo que cada vez poidamos gozar de mellores servizos con independencia de onde esteamos.

Categorías: Ciencia

Magic Leap revolucionará o xeito de gozar da NBA

Mér, 02/14/2018 - 13:09

Dende Magic Leap van dando detalles do que será a súa revolucionaria proposta de realidade mixta, e aínda que faltan meses para a súa chegada ao público, son conscientes de que a tecnoloxía sen contidos non serve de nada, de aí que anuncien que queren transformar o xeito de consumir contidos audiovisuais, que deixarían de ser planos para ser tridimensionais, comezando por retransmisións deportivas, para o que pecharon un acordo coa NBA e Turner para desenvolver unha aplicación da NBA para Magic Leap One.
Grazas a esta colaboración os seareiros do baloncesto poderán gozar de múltiples pantallas virtuais no seu campo de visión, que poderán presentarse en calquera tamaño e posición, así como combinarse con estatísticas, repeticións e comentarios, sen perder a acción do xogo, conformado unha experiencia nunca vista.
Esta será simplemente unha das moitas posibilidades desta tecnoloxía que poderá aplicarse a outros deportes e a moitos outros usos, sendo posiblemente o seu principal atranco para introducirse no mercado o seu prezo, que segundo pode desprenderse de declaracións do fundador de Magic Leap, Rony Abovitz, estaría por enriba do milleiro de dólares.

Categorías: Ciencia

As axencias de intelixencia estadounidenses temen aos fabricantes chineses

Mér, 02/14/2018 - 12:54

Durante a pasada edición do CES de Las Vegas o director xeral de Huawei amosou o seu malestar ante o boicot que estaban a facer á súa marca algúns operadores de telecomunicacións norteamericanos ante presións do Goberno dos EE.UU., e aínda que non exista ningunha evidencia que indique que existan riscos ao empregar smartphones do fabricante chinés (de feito, o fabricante conta cunha grande presenza en Europa) onte mesmo 6 das principais axencias de intelixencia estadounidenses (entre as que figuran a CIA, o FBI e a NSA) defenderon ante a Comisión de Intelixencia do Senado a súa desconfianza de Huawei (así como tamén da chinesa ZTE) de xeito xeral, ou sexa, que recomendan que os cidadáns norteamericanos non merquen smartphones de compañías chinesas.
O director do FBI, Chris Wray, asegura que están moi preocupados ante aos riscos de permitir que compañías ou entidades con ligazóns a gobernos estranxeiros «que non compartan os nosos valores» poidan gañar posicións dentro das redes de telecomunicacións, o que facilitaría potencialmente a espionaxe.
Sobra dicir que as acusacións contra Huawei carecen totalmente de fundamento (de feito, a compañía leva décadas sendo un dos principais provedores de infraestruturas de telecomunicacións en case todo o mundo) e non deixa de parecer unha medida proteccionista que emprega o medo como xustificación.

Categorías: Ciencia

O Concello de Ames inicia os traballos para situarse na vangarda de servizos TIC

Mér, 02/14/2018 - 11:43

O Concello de Ames comezou neste mes de febreiro os traballos relativos á optimización dos servizos públicos a través das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) e a implantación da Administración Electrónica, que é, segundo informa o Goberno local, un dos catro grandes obxectivos incluídos na Estratexia DUSI Impulsa Ames. Segundo engade o Concello, a empresa tecnolóxico-dixital Balidea, con sede en Santiago, será a encargada de desenvolver os ditos traballos.
As tarefas a desenvolver, co-financiadas a través do programa europeo FEDER de Crecemento Sustentábel 2014-2020, consistirán en parte nunha auditoría que avaliará a situación actual do Concello no eido das TIC. Ademais, a devandita empresa ofrecerá asesoramento e apoio técnico, coa formación dunha oficina técnica, para a colaboración na redacción dos pregos necesarios para a contratación dos novos servizos que se consideren mellorábeis.
O Concello de Ames foi seleccionado na segunda convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentábel e Integrado (DUSI), co-financiada polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentábel 2014-2020. O Goberno local sinala que o devandito implica a concesión dunha axuda de 5 millóns de euros, aos que o Concello de Ames sumará 1.250.000 euros. En total entre 2018 e 2022 investirase 6.250.000 euros nas accións estratéxicas do plan Impulsa Ames, que parte dun estudo de necesidades de Bertamiráns e O Milladoiro, dado que son os espazos urbanos o obxectivo da DUSI, aínda que o Executivo local apunta que o conxunto de actuacións beneficiará a todo o termo municipal.
O roteiro fixa catro grandes obxectivos estratéxicos:
· O primeiro para a mellora de acceso aos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración Electrónica.
· O segundo para facer de Ames “un concello integrador, ben comunicado con transporte público e privado”.
· O terceiro é para converter Ames nun concello sustentábel medioambientalmente, accesíbel e con calidade de vida para a veciñanza.
· O cuarto e último busca “ancorar a poboación xuvenil no concello”, brindándolle ferramentas atractivas para o seu lecer e cultura e facilitando o emprego por medio do emprendemento.

Categorías: Ciencia

O Kit de Activación Dixital da Coruña abriuse á participación da xente

Mér, 02/14/2018 - 11:42

O Kit de Activación Dixital, posto en marcha polo Concello da Coruña para atender a demanda dos axentes sociais e culturais (docentes, centros culturais, activistas, servizos sociais, traballadores de bibliotecas e profesionais en xeral de moi diversos ámbitos) de ferramentas accesíbeis e universais que favorezan a creación e distribución de contidos, está estes días aberto á participación directa da cidadanía. Segundo explican dende Coruña Dixital, recolleranse até o 28 de febreiro as contribucións de “todas aquelas persoas que teñan unha experiencia relacionada co audiovisual e as narrativas dixitais como ferramentas de traballo ou aprendizaxe no contexto da educación ou da transformación social”. O obxectivo: acadar entre todas e todos unha ferramenta máis completa e útil á comunidade.
A metodoloxía a seguir polos cidadáns que queiran achegar as súas propostas é esta: en primeiro lugar hai que acceder ao espazo web do Kit, e unha vez dentro, entrar no apartado de Achegas e cubrir un formulario online. Do mesmo xeito recóllense ideas, suxestións e dúbidas que teñan como obxectivo mellorar a guía metodolóxica do proxecto ou calquera outro apartado do mesmo. Segundo explican os responsábeis do Kit, a idea é que unha vez pechado o prazo de recollida, sexa posíbel elaborar un documento, que se habilitará para descarga en formato PDF e que “será a guía metodolóxica final”. Esta guía, xa definitiva, incorporarase á web o día 15 de marzo.
Para quen non o saiba, Kit de Activación Dixital é unha guía e un punto de encontro entre “persoas que fan e persoas que queren facer”, en palabras de Coruña Dixital, que engade que o proxecto pon en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación audiovisual e a comunicación dixital, “pensando especialmente nas aulas de ensino (formal ou non) e nos espazos culturais de proximidade, pero tamén en asociacións veciñais, culturais ou vinculadas a colectivos específicos”.
O Kit de Coruña Dixital está dispoñíbel para o público dende o 3 de febreiro. Detrás deste proxecto atópanse as seguintes entidades e colectivos: Coruña Dixital (Concello da Coruña), Gingko e La Mujer Forzuda.

Categorías: Ciencia

Un investigador do CiTIUS obtén unha das seis axudas Ramón y Cajal en computación

Mér, 02/14/2018 - 11:18

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) segue a gañar prestixio e a constituírse como referente innovador do noso tempo. Proba diso son os importantes achados científicos e tecnolóxicos da investigadora Paula López (en materia de topografía de semicondutores), do Grupo de Arquitectura de Computadores (que mellorou o rendemento dos servidores poñendo o punto o acceso á memoria), da spin-off Situm Technologies (obxecto de importantes recoñecementos recentes) ou dos investigadores Paulo Félix, Tomás Teijeiro, Constantino García e Daniel Castro, que se impuxeron no meirande desafío internacional de computación en cardioloxía clínica. Agora, puidemos saber que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeu unha das 6 axudas Ramón y Cajal da área de Ciencias da Computación e Tecnoloxía Informática a José María Alonso del Moral.
Alonso, segundo informa o centro da USC, adicará un período mínimo de cinco anos ao desenvolvemento dos obxectivos fixados na competitiva axuda Ramón y Cajal. O principal obxectivo do proxecto que vén de ser referendado polo Ministerio é desenvolver novas solucións de Intelixencia Artificial que sexan quen de extraer información e de presentala de forma comprensíbel para todo tipo de usuarios. A maiores, informa o CiTIUS, estas novas solucións deberían estar dotadas da capacidade de diálogo, de tal forma que “poidan explicar aos seres humanos os fundamentos que sustentan as conclusións que obteñen os seus algoritmos”.
O centro tamén explica que a devandita é unha liña de traballo inserida na área da Intelixencia Artificial Explicábel, un eido de estudo que nos aproxima aos actuais sistemas de tipo “caixa negra” (como o Deep Learning), moi efectivos, “pero aos que resulta moi difícil identificar os fundamentos dos resultados que presentan, cando non imposíbel”. Ao longo do proxecto que agora comeza, o equipo de José Alonso combinará diferentes técnicas de Intelixencia Artificial, como Lóxica Fuzzy, algoritmos xenéticos ou sistemas de xeración de linguaxe natural. Todos eles serán empregados no desenvolvemento de solucións coa capacidade de presentar as súas conclusións aos usuarios mediante unha combinación de audio, gráficos e textos, permitindo que estes poidan adaptarse de xeito dinámico ás necesidades de cada persoa e á información requirida en cada momento.

Categorías: Ciencia

O Concello de Redondela comezou ano estreando nova páxina web

Mér, 02/14/2018 - 11:17

Entre os Concellos que encararon o novo estreando novidades tecnolóxicas atópase o de Redondela, que vén de presentar nova web, accesíbel xa a través do dominio galego: www.redondela.gal. A firma encargada dos traballos de renovación foi J&J Publicidade e Comunicación de Vigo. En palabras do Goberno local, estamos ante unha páxina web “máis intuitiva, máis operativa e máis interactiva”, ou sexa, máis preto da cidadanía. Segundo explican o concelleiro de novas tecnoloxías Julio Mougán, e máis o alcalde Javier Bas, o novo portal “permite avanzar en transparencia e participación cidadá, un índice que sitúa a Redondela como un dos concellos máis transparentes de toda Galicia”.
O traballo de renovación da web implicou un investimento de 6.000 euros. Entre os retos principais que se asumiron figurou o de pór ao alcance da veciñanza todas as vantaxes da Administración Electrónica. Ou sexa, buscouse que os cidadáns dispuxeran dunha ferramenta que lles permitise levar a cabo a meirande cantidade trámites e xestións de maneira dixital, evitando desprazamentos, axilizando os procesos e facéndoos máis seguros. Trámites como por exemplo descargar formularios para solicitar subvencións municipais, solicitar o padrón ou reservar pistas deportivas. Ou dos retos foi o de crear un portal que fose accesíbel e manexábel en todo tipo de dispositivos tecnolóxicos, computador, smartphones e tabletas.

Categorías: Ciencia

Nokia supera en cota de mercado a fabricantes como HTC ou Sony

Mar, 02/13/2018 - 21:03

Dende que HMD Global colleu o temón da marca Nokia apostou por ofrecer unha serie de smartphones coa versión máis pura posible de Android, de xeito que, xunto con Motorola, ofrecería unha das experiencias de uso máis semellantes ás dos móbiles das familias Nexus/Pixel, pero cun éxito de vendas mellor do que algúns podían esperar, se atendemos a declaracións de Neil Shah, quen sostén que no último trimestre de 2017 os smartphones da marca Nokia superaron en vendas a marcas recoñecidas como HTC, Sony, Google, Alcatel, Lenovo, OnePlus, Gionee, Meizu, Coolpad e Asus.
Pese aos bos resultados, Nokia non conseguiría entrar no Top 10 de fabricantes de smartphones, conformándose cunha 11ª posición con 4,4 millóns de unidades vendidas no cuarto trimestre do ano, o que non estaría nada mal se temos en conta que superaría sobradamente os 3 millóns de unidades que a familia Google Pixel vendeu en todo o ano. Iso si, en Reino Unido foi quen de colocarse como o terceiro fabricante de smartphones, e en mercados como Rusia, Vietnam e boa parte dos países de Oriente Próximo conseguiron situarse entre os 5 primeiros fabricantes en cota de mercado.
A progresión de Nokia está a ser moi boa, pero quédalle moito traballo para achegarse a fabricantes como Huawei ou Samsung, e incluso ás cifras de vendas que a propia Nokia manexaba durante a época na que estaba aliada con Microsoft para ser a locomotora de Windows Phone (hai 4 anos venderan 10,5 millóns de móbiles Lumia).

Categorías: Ciencia

Comeza a facer ruído a edición 2018 dos GPUL Labs

Mar, 02/13/2018 - 19:37

Para quen quedase con máis fame dos obradoiros participativos e construtivos do GPUL arredor do software libre, os GPUL Labs do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, dicirlle que todo indica a que en datas vindeiras teremos unha nova entrega de encontros argalleiros. Segundo puidemos saber, os integrantes desta fronte galega de desenvolvedores con sede na FIC (Facultade de Informática da Coruña) xa están a preparar a nova edición dos GPUL Labs, quedadas de programación e tecnoloxías abertas postas en marcha hai dous anos para, entre outras cousas, crear máis recursos, mellorar os que xa hai e, tamén, acrecentar a gran comunidade galega de usuarias e usuarios.
O ciclo de obradoiros, abertos a estudantes e profesionais, non só do ámbito TIC senón tamén doutras disciplinas, terá o seu comezo a mediados de febreiro e durará no tempo até o verán aproximadamente, tendo sesións con periodicidade máis ou menos fixa.
Como de costume, o GPUL xa lanzou un chamamento a pechar fileiras. De feito, xa están a buscar persoas que queiran impartir charlas, obradoiros ou coloquios. Asemade, poñen a vista no tecido empresarial para procura colaboradores e patrocinadores, mostrando na páxina de patrocinadores as vantaxes de concorreren dando o seu apoio.
A previsión é que o ciclo se complemente, coma nas entregas anteriores, con diversas hackatons. Un dos grandes puntos fortes deste ano é a celebración de Coruña Hacks, evento organizado conxuntamente con Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña. Trátase dunha iniciativa cunha clara vertente profesional a través da que se busca desenvolver “proxectos reais en forma de software libre que resolvan un problema real e de forma continuada no tempo”. Ao abeiro de Coruña Hacks levaranse a cabo actividades de programación, charlas formativas en tecnoloxías libre e tamén actividades dinamizadoras e de networking, centradas por exemplo en como avaliar modelos de negocio validos para o software libre. Quen estea interesado en colaborar, pode facelo xa realizando propostas de proxectos.

Categorías: Ciencia

Google quere potenciar a interacción a través do correo electrónico

Mar, 02/13/2018 - 19:30

Definitivamente a tecnoloxía AMP de Google quere ir máis aló da aceleración da carga de novas dende o móbil, e tras anunciar as historias AMP, agora anticipan unha versión das Accelerated Mobile Pages (AMP) para o correo electrónico, de xeito que Google publica un framework de código aberto que hoxe ábrese de xeito preliminar a desenvolvedores e que permitirá crear experiencias por correo electrónico que inclúan interacción.
Deste xeito será posible efectuar accións sinxelas dende as propias mensaxes de correo electrónico (cando menos se temos unha conta de Gmail, aínda que ao ser unha especificación aberta confían en que outras plataformas adopten esta tecnoloxía) o que permitirá responder a un convite, programar unha cita ou completar un formulario sen saír do cliente de correo electrónico.
Os compoñentes AMP que poderán incluírse nas mensaxes de correo electrónico serán carruseis, acordeóns e formularios, entre outros, de xeito que os correos electrónicos xa non serán elementos pasivos e desfasados, podendo amosar sempre información actualizada, o que podería ser de grande utilidade para numerosos servizos de compra de entradas, reservas de voos, seguimento de envíos, comercio electrónico... Queda agora en mans dos desenvolvedores tirar proveito desta tecnoloxía con moito potencial, especialmente se pasa a ser adoptada rapidamente polos servizos de correo electrónico de Yahoo e Microsoft (xa que, de limitarse a Gmail podería ser complicada a súa implantación de xeito xeral).

Categorías: Ciencia

Poñen cancela aos números telefónicos 118 para evitar abusos

Mar, 02/13/2018 - 19:06

O Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital modificou a Orde Ministerial que regula os números telefónicos 118, os que se usan para proporcionar servizos de información sobre números de teléfono, para eliminar o custo de establecemento de chamada, limitar o prezo por minuto e fixar a duración máxima da chamada.
A nova norma, publicada hoxe no BOE, inclúe a prohibición de cobrar un prezo polo establecemento de chamada ao servizo de información, de xeito que facturaríase só por tempo, sen cota fixa inicial, evitando así o abuso de casos nos que chegaban a cobrarse até 6 euros por establecemento de chamada.
A Orde tamén fixa o prezo máximo de 2,5 euros/minuto (cando había compañías que cobraban 6 euros/minuto) e, no caso de querer establecerse un prezo superior, estes números 118 non serían de acceso libre, senón que só estarían dispoñibles mediante solicitude previa ao operador.
A duración das chamadas tampouco poderá superar os 10 minutos de duración, incluíndo nesta duración aos servizos que ofrecen a posibilidade de conectar a chamada co número polo que se realizou a consulta, restrinxindo considerablemente os sustos que recibían moitos consumidores nos últimos anos.
Cando chamemos a un número 118 escoitaremos unha locución de 20 segundos no que informarase do prezo por minuto da chamada, da súa duración máxima e do responsable do servizo, estando prohibido que se inclúa contido adicional algún.
Tamén queda prohibido que as chamadas a servizos 118 podan realizarse mediante sistemas de marcación automática ou inadvertida, sendo obrigatoria a marcación activa, manual e consciente por parte do usuario.
A Orde pasará a ser efectiva dentro de tres meses a partires de mañá, para dar así tempo a que os provedores do servizo poidan adaptarse ao regulamento.

Categorías: Ciencia

Dispoñíbel para iOS e Android a app galega que nos axuda a aforrar, CoinScrap

Mar, 02/13/2018 - 16:56

Os creadores da aplicación Senseitrade, ferramenta galega que nos permite tomarlle o pulso ás redes sociais en materia bolsista (facéndonos recomendacións sobre os valores nos que cumpriría investir), están a darlle impulso, neste comezo do ano, a unha nova app destinada igualmente a mellorar a nosa economía, aínda que dun xeito diferente: redondeando cada compra realizada con cartón de débito ou de crédito, pasando a diferenza entre a compra e o redondeo a unha conta de aforro do usuario. Estamos a falar da aplicación CoinScrap, da que temos falado en Código Cero para salientar a súa participación en Galicia Open Future (o centro de emprendemento innovador de Telefónica) e a obtención do Premio Novo Emprendedor 2016 (concedido por AJE Vigo). Tanto Senseitrade como o peto dixital CoinScrap veñen da man de TxStockData, con sede na Tecnópole.
CoinScrap, que estreou nas tendas en liña a súa primeira versión, ten a súa orixe no seguinte feito: os atrancos que impiden ao 60% dos fogares españois dar aforrado aínda que sexa pequenas cantidades mensuais. A aplicación, que se sitúa eido das solucións fintech, é unha tentativa de abrir este tipo de ferramentas financeiras ao gran público, co obxectivo último de axudar ao cidadán de a pé, ao meirande número de familias. Segundo sinala David Conde, director executivo da empresa, “con CoinScrap queremos democratizar o aforro, a través dunha ferramenta totalmente dixital e que se adapte ao estilo de vida de cada persoa”. O seu funcionamento, como dixemos, baséase en redondear ao euro máis próximo calquera compra pagada con tarxeta, de forma totalmente automatizada e dixital. Os redondeos xerados transfírense a un produto que a aseguradora Caser deseñou especialmente para ofrecer un servizo acorde coas necesidades dos usuarios, buscando, en palabras de Conde, “simplicidade, flexibilidade e liberdade”. Segundo engade, a través de CoinScrap os aforros acumúlanse nun seguro de vida-aforro.
Os responsábeis de TxStockData tamén explican que o usuario só ten que rexistrarse, crear un obxectivo financeiro (por exemplo, mercar un smartphone), axustar as súas preferencias (importe do obxectivo, duración, redondeos e achegas mensuais) e, finalmente, conectar unha tarxeta de pago (crédito ou débito) e/ou unha conta bancaria á aplicación móbil para permitir o cálculo de redondeos.
Os desenvolvedores da ferramenta tamén explican, para despexar dúbidas, que en contra do que se pode pensar, as operacións de redondeo si que teñen potencial para crear aforros significativos. En base aos seus datos e experiencia, un usuario de 35 anos que comece a redondear aos 2 euros máis próximos e cunha achega mensual de 25 euros podería chegar a acumular ao momento da súa xubilación uns 54.000 euros.
Nesta primeira versión, CoinScrap só ten dispoñíbel a opción para aforrar a curto prazo, aínda que a finalidade é axudar aos usuarios a aforrar para metas a longo prazo como a xubilación.
A aplicación pódese descargar de balde na App Store de iTunes (para iOS) ou en Google PlayStore (para móbiles con Android).

Categorías: Ciencia

O investigador do CITIC Ignacio García dirixirá un proxecto sobre teoría de xogos

Mar, 02/13/2018 - 14:24

Ignacio García, investigador da área de Ciencia de Datos e Información do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), dirixirá un proxecto de Investigación e Desenvolvemento (I+D) sobre teoría de xogos, un eido da matemática aplicada que afonda nas decisións que cómpre tomar para acadar a resolución dun reto ou dun desafío, atinxindo (tamén) as decisións tomadas polo resto dos axentes que interveñen no reto ou no desafío. Máis polo miúdo, o proxecto que vai dirixir Ignacio García busca optimizar aplicacións en loxística e estudar problemas de teoría de xogos.
Os traballos artéllanse ao redor de catro liñas de investigación: solucións en teoría de xogos, aplicacións dos xogos cooperativos en modelos de investigación operativa multi-axente, optimización en problemas de transporte e planificación e optimización en problemas de enerxía e medioambiente.
O equipo humano deste proxecto está composto por dezaoito matemáticos coordinados por investigadores do CITIC da UDC e no que tamén participan investigadores da Universidade de Santiago e da Universidade de Vigo.
Este proxecto está co-financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016 do MINECO e os Fondos europeos FEDER. Ademais, o MINECO concedeulles un contrato predoutoral dentro do seu Programa Estatal de Promoción do Talento e a súa Empregabilidade en I+D+i.
Para quen non o saiba, a teoría de xogos é arestora un dos ámbitos de estudo máis relevantes no eido económico, de especial relevante na pescuda de metodoloxías que axuden entender o noso comportamento fronte á toma de decisións. As investigacións desta teoría, polo tanto, afondan nas estratexias máis indicadas ante un problema e os diferentes comportamentos previstos e observados. Emprégase moito en economía aínda que tamén en bioloxía (selección natural), socioloxía, psicoloxía, filosofía e ciencias da computación.

Categorías: Ciencia

Vitae organiza a sexta edición do seu curso sobre datos masivos e arquitecturas

Mar, 02/13/2018 - 12:35

A consultora galega Vitae vai ofrecer os días vindeiros a sexta edición do seu exitoso obradoiro centrado na información a gran escala e nas súas posibilidades, centrándose en poñernos ao alcance da man ferramentas que nos axuden mellor a manexar datos de envergadura, avalialos e extraer, para noso día a día, conclusións e pautas de valor. O Curso Big Data Deseño e Arquitectura de Solucións con Hadoop, Spark e R, cuxa primeira edición remóntase a 2012, achega 20 horas de formación avanzada sobre recursos axeitados para tirar proveito de cada pequena parte de coñecemento que xeremos ou recibamos. E máis tendo en conta que, como sinalan dende Vitae, “na era da información cada dato importa”.
Por exemplo á hora de proporcionar vantaxes competitivas (onde é preciso coñecer as diferentes aproximacións que temos dispoñíbeis para xestión de grandes cantidades de datos).
Durante este obradoiro, que se celebra na Coruña os días 9, 10, 16 e 17 de marzo na Coruña (Hotel Attica 21), avaliaranse os diferentes camiños para abordar o manexo de datos a gran escala, mostrando as alternativas de arquitectura dispoñíbeis, con vistas a dar resposta aos requirimentos de análise de información de cada entidade ou empresa.
No curso empregarase HDinisght, a distribución Hadoop de Microsoft na nube para os laboratorios prácticos durante o curso, aínda que os conceptos serán válidos para calquera das distribucións do mercado.
Os obxectivos do obradoiro son os seguintes: coñecer as diferentes arquitecturas dispoñíbeis e posíbeis para definir unha arquitectura Big Data; diferenciar os diversos tipos de requirimentos de análise de información; e introducirnos na analítica avanzada a través dos programas Spark e R.
O curso vai dirixido a profesionais do ámbito das Tecnoloxías da Información (TI) que queiran adquirir coñecementos sobre a xestión, o manexo e a interpretación do coñecemento a esgalla.
O temario abrangue unha introdución a Hadoop, os fundamentos de almacenamento, un achegamento á configuración de servizos Hadoop, o uso de Ambari para seguimento e administración, os fundamentos de Hive, a arquitectura de Apache Spark e un achegamento ao R-Server en Spark.
O profesional que impartirá o obradoiro será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

Categorías: Ciencia

O Messenger quere axudar a celebrar o amor

Mar, 02/13/2018 - 12:30
.spip_doc_titre{margin-right:auto;margin-left:auto;font-weight:bold;font-size:0.90em;}


O Día dos Namorados tamén se celebra en Facebook, e para facelo máis especial decidiron aproveitar as funcionalidades do seu Messenger para axudar a conectar máis ás parellas durante este 14 de febreiro, de xeito que os usuarios que recentemente fixeran público en Facebook que están a manter unha relación romántica, recibirán unha notificación que abrirá unha conversa coa persoa que queren.

Categorías: Ciencia

Google quere que os medios conten historias para móbiles en vertical

Mar, 02/13/2018 - 11:58

Google leva uns anos promovendo a súa tecnoloxía de Accelerated Mobile Pages (AMP) para axilizar a carga de páxinas web no móbil dende o seu buscador, pero este proxecto quere chegar máis aló, e agora presentan o formato AMP story, que vén a ser o equivalente ás historias de Instagram e outras plataformas sociais, pero levadas aos grandes medios, que poden agora ofrecer novas e informacións de xeito enriquecido e optimizadas para o seu consumo en vertical no móbil.
As historias AMP buscan servir para narrar a través de imaxes e vídeos en dispositivos móbiles, atendendo ao atractivo que ten o visual no consumo rápido, xa que este tipo de contidos téñeno máis doado para captar audiencias, atendendo ao feito de que no teléfono é máis difícil que os usuarios fagan lecturas repousadas.
Para experimentar con este formato Google puxo as súas especificacións en mans dun pequeno grupo de editores (CNN, Conde Nast, Hearst, Mashable, Meredith, Mic, Vox Media e The Washington Post) para que comezasen a elaborar contidos optimizados para móbiles sen preocuparse polos desafíos técnicos e centrado aos creadores na narrativa das súas historias. Agora as primeiras destas historias AMP xa son visibles para calquera no móbil, e calquera creador tamén pode comezar a desenvolver contidos neste formato para que apareza nos resultados de busca de Google.

Vídeo de presentación das AMP stories

Categorías: Ciencia

A galega DabyzSoft equipa os polígonos do Grove e Ribadumia con pantallas de publicidade interactiva controladas na nube

Mar, 02/13/2018 - 11:18

A firma galega DabyzSoft, con sede no Grove e centrada en sistemas e tecnoloxías de publicidade interactiva, vén de dotar aos polígonos industriais de Ribadumia e Cambados (7 Pías) con pantallas xigantes de información aos usuarios. Os traballos despregados por DabyzSoft nos complexos industriais arousáns remataron o pasado mes. O resultado foi a instalación de pantallas de seis metros cadrados de superficie cada unha na entrada de cada polígono.
Máis polo miúdo, trátase de dispositivos con soporte tipo tótem de catro metros de altura por dous metros de ancho que se van empregar para sinalización dixital nos polígonos, información institucional dos Concellos e información de interese para os veciños e para os usuarios. Segundo informan fontes de DabyzSoft, as propias empresas emprazadas nas dúas áreas industriais terán a oportunidade de contar cun espazo de seu para as súas comunicacións, mediante vídeo e imaxes fixas.
Dende DabyzSoft indican que se instalaron módulos Fullcolor con vídeo a toda cor e un tamaño de pitch P6,67, o que dota a pantalla dunha resolución de 288 píxeles de ancho por 432 píxeles de alto, e polo tanto 124.416 LED. Así mesmo, equipáronse con controladoras e player con xestión dende a nube, polo que todos os contidos son incorporados en remoto dende os propios Concellos a través dunha web de xestión.
A empresa tamén informou de que este tipo de dispositivos responde a unha importante demanda das empresas, da cidadanía en xeral e tamén das propias entidades públicas, sobre todo polo importante compoñente de información accesíbel e inmediata que poñen en xogo.
DabyzSoft tamén salienta o elemento de coidado medioambiental que achegan estas tecnoloxías, xa que liberan ás empresas do gasto continuo en materias primas que implica a publicidade tradicional. “A nosa tecnoloxía non xera residuos e os recursos LED teñen un consumo enerxético de só 310W/m2”, explican, engadindo que o baixo gasto enerxético non impide dispor dun alto nivel de brillo (5500cd/m2) e contraste (4000:1) para garantir a máxima visibilidade dos paneis a plena luz do día cun ángulo de visión de 140º en horizontal, 120º en vertical e protección IP65 para a meteoroloxía galega.
DabyzSoft é unha empresa radicada en O Grove que se adica a integrar pantallas de gran formato en diversos soportes, xa sexa integración en fachadas e escaparates, así como deseño de soportes para dar o servizo que demandan os clientes. Así mesmo ten pantallas para publicidade en O Grove e Cambados e tamén diversas pantallas en aluguer para diferentes eventos que se desenvolven tanto en interior coma en exterior.

Categorías: Ciencia

Vodafone proba unha nova tecnoloxía de mastros para levar o 4G ao rural

Lun, 02/12/2018 - 23:00

Para facilitar a achega da banda larga móbil ás zonas pouco poboadas Vodafone vén de probar con éxito en Porthcurno (Cornwall, Reino Unido) un pequeno mastro móbil 4G que permite que os usuarios poidan gozar de voz servizos de voz e de datos até a 200 Mbps. Esta instalación consistiría nun pequeno mastro telescópico que só levantaría 8 metros ao estenderse ao máximo, de xeito que sería a metade de alto que un mastro estándar, e podería pintarse para pasar desapercibido en contornos naturais. Tampouco precisaría de grandes instalacións eléctricas para funcionar, polo que sería unha solución moi discreta.
Esta tecnoloxía desenvolveuse en colaboración con CommScope, e podería ser ideal para casas de turismo rural, praias, parques e outras zonas turísticas, levando a súa implantación a terceira parte de tempo que a instalación dunha antena de telefonía móbil ordinaria.
Polo momento estes pequenos mastros 4G instalaranse en Reino Unido para facilitar a cobertura 4G en zonas rurais nas que buscan un pequeno impacto visual e ambiental, atendendo a necesidade de conectividade da poboación. Aínda non se confirmou se estes mini mastros 4G chegarán a instalarse en España.

A nova tecnoloxía de pequenos mastros 4G provouse con éxito en Porthcurno
Categorías: Ciencia

Páxinas