códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 1 hora 16 min

A Fundación Vodafone e a Xunta poñen en marcha a segunda edición de Connecting for Good Galicia

Xov, 09/07/2017 - 17:24

Os impulsores de Connecting for Good Galicia, a iniciativa da Fundación Vodafone España (en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a operadora Vodafone, a Axencia Galega de Innovación -GAIN- e o Instituto Galego de Promoción Económica -o IGAPE) para converter a Cidade da Cultura nun polo de iniciativas emprendedoras de innovación social dixital (facendo fincapé en proxectos cuxo foco estea na inclusión e nos colectivos de persoas con diversidades funcionais e motrices, amais de persoas maiores), están a pór en marcha esta semana a segunda edición do programa.
Como lembraremos, as devanditas entidades seleccionaron os días pasados os seis proxectos que formarán parte desta nova convocatoria de Connecting for Good Galicia.
Nesta segunda edición, o xurado (formado por membros de AMTEGA, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España) fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as candidaturas recibidas:
· 3DAcoustic, que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
· It!, unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. It! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu espazo de venda en liña It!Market e o seu FabLab na Coruña It!Lab.
· Formadox. Unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece é a relacionada, entre outras materias, co Internet das cousas, a Industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada.
· Mediación Móbil. Trátase dun proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesíbel, económica, personalizada e profesional.
· Sense(x), un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios, mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que posibilita para obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso, e mesmo compartir resultados nunha rede social.
· Tapper. Consiste nunha aplicación móbil que contribúe a reducir o refugallo alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.
Beneficios de formar parte do programa Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good, emprazado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone.
Ademais, as iniciativas poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que destaque en maior medida pola incorporación dos principios de accesibilidade universal.

Os participantes na primeira edición nunha imaxe da Fundación Vodafone

Primeira Edición
O pasado 30 de maio celebrouse en Santiago o acto de clausura da primeira edición do programa, no que participaron os proxectos Insulclock (dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena de maneira automática toda a información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina), Robobo (ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas por parte do alumnado), KeeperTech, (dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de alzhéimer ou outra demencia, incluíndo un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador) Phottic (iniciativa para a alfabetización dixital de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía), PsicoVR (software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico) e Xesmar (aplicación web que permite mellorar a xestión, a organización do traballo e o acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia).
Destes seis proxectos, a axuda de 25.000 euros concedida por Xunta de Galicia a través de GAIN, recaeu no proxecto Robobo, robot educativo que combina unha plataforma robótica móbil cun teléfono intelixente (smartphone) para fomentar a dixitalización nas aulas.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade, valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock, por ser o que mellor incorporou o que se coñece como Principios de Accesibilidade Universal.
Obxectivos
O programa ten como finalidade “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) en Galicia”. Desta forma, informan a Fundación Vodafone e máis AMTEGA, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais “con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020”.

Categorías: Ciencia

La 2 de TVE dará o salto á alta definición

Xov, 09/07/2017 - 13:46

Aínda que estamos afeitos a que os cambios na grella da TDT veñan da man das canles privadas, agora as boas novas chegan dos medios públicos, xa que Televisión Española vén de anunciar que na súa nova tempada La 2 vai pasar a emitirse en alta definición. Será en outubro cando La 2 dea ese salto de calidade, segundo anunciaron no marco do FesTVal de Vitoria, o que permitirá que a histórica segunda canle poida estar por fin á altura de La 1 e Teledeporte, canles que xa levan bastante tempo ofrecendo o seu sinal en HD. Deste xeito só quedarían en definición estándar Canal 24h e Clan TVE. Para ver a nova canle será preciso resintonizar, e a data de chegada pode mudar en función da provincia na que nos atopemos (confiándose en rematar o proceso de espallamento de La 2 HD a primeiros de 2018).
O salto á alta definición de La 2 farase notar nos programas de produción propia e, moi especialmente, nos documentais e las películas, atendendo así unha longa demanda da audiencia, que esixe cada vez unha maior calidade de imaxe. Incluso pode sorprender que a transición á alta definición estea a ser tan lenta, pois TVE xa conta con emisións en probas en 4K en Madrid, Barcelona e Sevilla, o que supón un marcado contraste provocado pola grande velocidade na que está a avanzar esta tecnoloxía que ten que padecer o lastre de que os primeiros receptores de TDT instalados non son compatibles cos sinais de alta definición (e incluso hai televisores 4K que non son compatibles co estándar que implantarase para ese tipo de sinais).

Categorías: Ciencia

Amena promociona unha oferta combinada agochando custos

Xov, 09/07/2017 - 11:49

Esta semana Amena está a lanzar unha campaña promocional na que oferta aos seus clientes móbiles «fibra gratis», no que podemos considerar como un exercicio de opacidade que vai radicalmente en contra do lema da marca, «así de claro», xa que non está a ofrecer nada de balde, e agocha profundamente o prezo real do servizo contratado, de xeito que hai que acceder ás condicións legais para poder coñecer os detalles e a letra miúda, de aí que esta promoción estea a ser fortemente criticada na Rede.
A promoción Fibra Orange para clientes Amena consiste en permitir que os usuarios con liñas móbiles de Amena de 19,95 ou 24,95 euros/mes poidan gozar de fibra óptica de 50 Mbps de Orange no seu fogar supostamente sen custo adicional, contando tamén con chamadas ilimitadas a números fixos e router, aínda que agochando bastante que hai que afrontar o pagamento dunha cota de liña de 21 euros aos que habería que sumar 2 euros máis de querermos identificación de chamada e, para rematar a faena, subscribindo un compromiso de permanencia en fibra por 12 meses.
No caso de interesar esta oferta, existe a garantía de que se mantería como mínimo durante un par de anos, pero posiblemente non resulte tan atractiva ao coñecerse que a conexións de fibra óptica contratada non é tan boa como poderiamos pensar inicialmente, xa que, lonxe das conexións simétricas que imperan hoxe (ou das que teñen unha boa velocidade de subida) a fibra de 50 Mbps ten unha velocidade de subida de 5 Mbps, ou sexa, que tería unha relación entre a subida e a baixada equivalente á meirande parte das ofertas de ADSL e cable, o que pode resultar moi decepcionante (especialmente se comparamos con outros operadores de baixo custo como Lowi, que para 50 Mbps de baixada ofrece 50 ou 30 Mbps de suba segundo a tecnoloxía coa que teña cobertura).
En calquera caso, promocionar ofertas combinadas de telecomunicacións a 19,95/24,95 euros/mes que na práctica poden quedar en 42,95/47,95 euros, é unha práctica que roza o engano (especialmente porque para instalar fibra óptica non é precisa unha liña de telefonía fixa), e que, vista en profundidade, pode incluso resultar pouco atractiva (non só polos custos ocultos, senón polas condicións do servizo de banda larga fixa).

Anuncio televisivo da polémica promoción de Amena

Categorías: Ciencia

Redondela achega unha manchea de cursos TIC para maiores de 16 anos

Xov, 09/07/2017 - 11:42

Entre os Concellos galegos que nesta tempada se están a mostrar máis activos en divulgación e formación TIC atópase o de Redondela. Se hai uns días falamos das propostas de achegamento ás tecnoloxías avanzadas que propón o espazo Startupvila na Casa da Cultura local (con Daniel Cerqueiro achegando un obradoiro de mercadotecnia dixital, David Pombar expoñendo a súa experiencia en SetPay, e Paloma Barreiro fornecendo de recursos para coñecer ao cliente), un algo máis tarde o Departamento de Novas Tecnoloxías que dirixe Julio Mougán presentou o programa de cursos de balde dirixidos a persoas maiores de 16 anos. Desenvolverase entre o 11 de setembro e o 14 de decembro nas dúas aulas CeMIT coas que conta o Concello: en Redondela e en Chapela. Artellaranse en tres bloques, cada un deles acubillando cursos específicos.
A continuación damos conta das actividades, que xa teñen aberto o prazo de inscrición:
Primeiro bloque: Alfabetización informática e actividades dixitais básicas
· Iniciación á informática e Internet para adultos, cunha duración de 24 horas lectivas impartíndose en Redondela e Chapela a razón de dúas horas diarias durante un total de 12 días nos meses de setembro e outubro.
·Informática e internet para adultos, tamén de 24 horas, dúas horas diarias durante 12 días. Este curso tamén impartirase nos meses de setembro e outubro nas dúas Aulas CeMIT de Chapela e Redondela.
· Mecanografía. Curso de 24 horas que se impartirá so na aula de Redondela nos meses de outubro e novembro a razón de dúas horas diarias durante 12 días.
· Informática e Internet para maiores de 60. Na aula de Redondela durante os meses de outubro e novembro. O curso tamén é de 24 horas con dúas horas diarias durante 12 días.
· Contabilidade financeira. Curso que se impartirá na aula CeMIT de Redondela no mes de novembro. Ten 14 horas lectivas a razón de dúas horas durante 7 días.
· Windows 7. Curso intensivo de 16 horas que se desenvolverá a razón de catro horas diarias en 4 días. Terá lugar tanto en Chapela como en Redondela durante o mes de novembro.
Segundo bloque: Procura de emprego e TIC
·Deseño de currículos e cartas de presentación. Iniciativa de catro horas de duración a desenvolver nunha única xornada na aula de Redondela.
· Procura de emprego en Internet. Curso de catro horas, con dúas edicións en setembro e decembro, que se desenvolverá durante 4 horas nun só día na aula CeMIT de Redondela.
· Aplicacións móbiles (apps) para a procura de emprego. Curso de 4 horas a desenvolverse nun só día na aula de Redondela e durante o mes de decembro.
Terceiro bloque: Formación dirixida sobre todo a entidades sen ánimo de lucro: asociacións, ONG...
· PhotoShop Básico.
· Edición de video con MovieMaker.
· Presentacións de alto impacto con Prezi.
· Redes Sociais para uso persoal.

Categorías: Ciencia

Inicia Coworking enfía a recta final do verán cun obradoiro de startups

Xov, 09/07/2017 - 11:17

A concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, inaugurou este mércores un obradoiro especialmente dirixido a emprendedoras/es que se atopen en proceso de pór en marcha as súas iniciativas de mercado innovadoras. O taller Onde estamos? Creando Startups e Empresas: Design Thinking, Investigación Mercados foi impartido por Juan Luis Jimeno, especialista en consultoría estratéxica e en formación e adestramento para futuros responsábeis de firmas innovadoras e tecnolóxico-dixitais.
Segundo informa o Concello, con este obradoiro continúa a actividade da segunda fase do programa Inicia Coworking, que conta con mentores e relatores referenciais a nivel galego e estatal, “ao igual que na primeira quenda” do programa.
Neste nova etapa do proxecto toman parte 20 emprendedores, que recibirán durante cinco meses de xeito gratuíto apoio integral, individual e personalizado aos emprendedores e emprendedoras de Lugo para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando así a súa viabilidade tanto técnica como económica.
Inicia Coworking, como lembraremos, é unha iniciativa de emprendemento e innovación desenvolvida polo Concello de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) e mediante a cal o empresariado novo local ten a oportunidade de impulsar os seus proxectos (contando de maneira gratuíta con apoio individual e personalizado) até convertelos en negocios. Boa parte das 20 startups que participan na primeira e na segunda fase do programa están ligadas ás novas tecnoloxías e o turismo.

Categorías: Ciencia

O CPEIG organiza en novembro o Curso de Peritaxe Informática

Xov, 09/07/2017 - 10:19

O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, o CPEIG, organiza este mes de novembro en Compostela unha actividade formativa sobre as metodoloxías máis avanzadas e eficaces para previr un incidente TIC e para responder ante el da maneira máis axeitada: que coñecementos teóricos e prácticos atesourar, que medidas tomar, que pescudas seguir, como avaliar pegadas e datos en aparellos informáticos, etc. O Curso de Peritaxe Informática do CPEIG, inserido no seu plan de formación para o ano 2017, artéllase en dous módulos.
O primeiro deles (dez horas de duración, os días 3 e 4 de novembro) está enfocado a aquelas persoas que desexen formarse en peritaxe informática ou que queiran reciclar e ampliar os seus coñecementos. Tocaranse cuestións (entre outras moitas) como a xestión dun incidente, a adquisición e clonado de evidencias, o rexistro de Windows, as ferramentas de procura activa, as características do malware actual, a análise da memoria RAM ou as metodoloxías para achar intrusións e ataques laterais.
O segundo módulo (17 e 18 de novembro) está centrado en peritaxe de dispositivos móbiles, un eido de actividade que, en palabras do CPEIG, está hoxe en día moi demandado nos procesos xudiciais. Abordaranse cuestións como a natureza dos diferentes sistemas operativos móbiles, as fontes de adquisición de datos, as copias de seguridade, as aplicacións ou as principais metodoloxías de análise.
Respecto dos relatores, para o primeiro módulo contarase coa presenza de Pedro Sánchez, profesional con ampla experiencia en consultoría especializada (en importantes empresas como Computer Forensics, Honeynets), en detección de intrusións, en redes trampa e no en pen-testing. Tamén ten traballado implantando normas ISO 27001, CMMI (nivel 5), PCI-DSS e diversas metodoloxías de seguridade especialmente no sector bancario durante mais de dez anos. Igualmente, colabora cos organizacións comerciais, con corpos de seguridade, con empresas do sector e con axencias gobernamentais en materia de resposta ante incidentes, seguridade, peritaxe e análise forense informática. Ademais, segundo lembra o CPEIG, ten participado nas xornadas LookShields organizadas polo Ministerio de Defensa e obtido a certificación Nato Secret, impartindo tamén conferencias en NATO Cooperative Cyber Defence Centre of Excellence Tallinn, en Estonia. Actualmente é o responsábel do equipo de resposta ante incidentes (IR) de Deloitte.
O outro relator será Lorenzo Martínez, enxeñeiro informático de profesión con gran experiencia no eido da seguridade TIC e responsábel, entre outras cousas, de iniciativas como Securízame. Prestixioso comunicador en congresos de seguridade informático, de alcance estatal e internacional, tamén contribuíu á posta en marcha de espazos de comunicación como Security By Default. Lorenzo Martínez pertence a ANCITE (Asociación Nacional de Ciberseguridade e Pericia Tecnolóxica), ademais de dispor de recoñecidas certificacións CISA e CISSP (ata o 13 de Marzo de 2015). O relator atesoura unha ampla experiencia de traballo nunha chea de integradores, e ten coñecemento dos erros de seguridade informática máis comúns e recorrentes (polo regular debidos a unha falta de coordinación entre os departamentos técnico e comercial). Esta bagaxe serviulle para apostar hoxe en día por “unha visión diferente na seguridade”, alicerzada nunha relación de confianza, sinceridade e transparencia entre provedor e cliente.
O curso ten unha duración de 20 horas e impartirase en Santiago os días 3, 4, 17 e 18 de novembro de 2017 en horario de 16:30 - 20:30 (os venres) e de 9:30 - 13:30 (os sábados). Haberá prazas para 20 persoas.

Categorías: Ciencia

A feira IBC 2017 terá novamente sabor galego

Mér, 09/06/2017 - 21:31

A feira IBC 2017 de Ámsterdam, que se celebra do 15 ao 19 de setembro mostrando a vangarda das tecnoloxías multimedia aplicadas á comunicación, vai ter presenza galega. Para comezar, a de catro empresas adheridas ao Clúster Audiovisual Galego: as firmas CTV, Intereuropa TV, Producciones Audiovisuales Sete Media e TV Siete Productora de Vídeo. Segundo informa o Clúster, a delegación galega acode co “obxectivo de propiciar oportunidades de negocio para o o noso audiovisual”. Máis polo miúdo, terán oportunidade de coñecer as últimas tendencias en materia de contidos e servizos dixitais, creación, xestión e provisión de contidos de lecer.
Entre as novidades deste ano, a feira IBC de Ámsterdam estrea a iniciativa Startup Forum, un espazo de presentacións e mesas redondas para que os proxectos innovadores, audiovisuais e/ou dixitais, dean a coñecer as súas propostas en materia de realidade virtual e realidade aumentada, redes sociais, tecnoloxías para anuncios, intelixencia artificial, aprendizaxe de máquinas, comercio electrónico, eSports, aplicacións móbiles, posicionamento web ou optimización de conversión ou seguridade.
A feira IBC, como lembraremos, é un clásico para as nosas firmas do ámbito TIC e do audiovisual. En anteriores ocasións teñen amosado nela tecnoloxía vangarda compañías galegas referenciais como EGATEL (mostrando recursos de eficiencia enerxética), CINFO (solucións avanzadas de vídeo na nube) ou ITELSIS (exhibindo tecnoloxías para o ámbito da TDT).

Categorías: Ciencia

Os responsables da rede CeMIT, persoal de concellos e aliados dixitais recibirán formación sobre eAdministración

Mér, 09/06/2017 - 20:21

A AMTEGA inicia este mes un ciclo formativo sobre Administración electrónica dirixido a responsables das aulas CeMIT, persoal de concellos e aliados dixitais. Baixo o título Faite Dixit@l e tramita nun clic desenvolveranse xornadas prácticas nas catro provincias galegas, para o que xa está aberta a inscrición en liña.
Os asistentes recibirán formación específica sobre os principais servizos dixitais que ofrece a Administración autonómica como o Chave 365 e outros sistemas de identificación e sinatura electrónica; como empregar a sede electrónica da Xunta, ou como acceder ao sistema de notificacións electrónicas Notifica.gal.
Cos coñecementos adquiridos, posteriormente organizaranse na Rede CeMIT actividades formativas para espertar o interese e reforzar a confianza das persoas no uso dos servizos públicos dixitais e conseguir que a cidadanía se beneficie das vantaxes de realizar os seus trámites coa Administración por Internet.
Adicionalmente, porase a disposición de todos os participantes os contidos formativos tratados nas xornadas a través da plataforma de teleformación EMA.
O vindeiro 12 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 celebrarase na Aula de informática da Delegación Provincial de Lugo (Ronda da Muralla, 70, 1º andar) a primeira das xornadas organizadas pola AMTEGA Faite Dixit@l e tramita nun clic. Ao longo do mes, realizaranse outras sesións no resto de provincias en horario de mañá:
- Ourense: 14/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial de Ourense (Av. da Habana 79, 2 Ourense)
- Pontevedra: 20/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial de Pontevedra (Avenida Fernández Ladreda 43, 9ª planta Pontevedra)
- A Coruña: 25/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial da Coruña (Edificio Administrativo de Monelos Praza Luis Seoane, s/n - A Coruña)

Categorías: Ciencia

O Samsung Galaxy Note8 chegará ás tendas o 15 de setembro

Mér, 09/06/2017 - 17:30
Luis de la Peña foi o encargado de presentar o Galaxy Note8 na Coruña

Durante a xornada de hoxe responsables de Samsung visitaron a cidade da Coruña para dar conta do próximo lanzamento do Galaxy Note8, un smartphone moi esperado que segundo previsións da compañía podería chegar a triplicar en volume de reservar ao seu predecesor, deixando clara a demanda que esta gama de dispositivos ten no mercado actual e confirmando que os lapis dixitalizadores para teléfonos móbiles continúan a ter partidarios.
Dado que o Galaxy Note 5 non chegou a comercializarse oficialmente en España e o Galaxy Note7 foi retirado do mercado por mor de problemas coa súa batería, os usuario que hai anos estaban moi satisfeitos co seu Galaxy Note 4 por fin teñen un sucesor, o que suporá un salto de xigante en todos os aspectos, xa que desta volta terán diante o que sen dúbida é o terminal máis avanzado do mercado.
O Galaxy Note8 ofrece a Pantalla Infinita máis grande do mercado (6,3 polgadas), nun formato alargado (18,5:9) que fai que o ancho do terminal non sexa excesivo, o que permite un agarre sólido e confortable; o S Pen soporta agora até 4.096 niveis de presión e ten unha precisión inédita na súa gama (destacando tamén por ser resistente á auga e ao po como o terminal, de xeito que incluso é posible empregalos conxuntamente baixo a auga); e a nivel de cámara tamén estamos ante o primeiro móbil de Samsung con cámara dual, optando desta volta a compañía surcoreana por combinar dúas cámaras de 12 Mpíxeles pero con angulares diferentes, de xeito que podemos escoller entre un obxectivo grande angular e un telefoto (equivalente a un zoom óptico de 2x), contando en ambos casos con estabilización óptica e podendo aproveitarse tal cantidade de información visual para disparar fotografías con enfoque selectivo, podendo axustarse a profundidade de campo a posteriori, ou sexa, que podemos manter o fondo dos nosos retratos enfocados ou axustar o nivel de desenfoque segundo a sensación que queiramos transmitir.
Este smartphone de grande potencia, 6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, USB 3.1 (tipo C), batería de 3.300 mAh con carga rápida (por cable e sen fíos), NFC, lector de pegadas dixitais e lector de iris é un dispositivo difícil de igualar, especialmente se temos en conta que pode completarse con accesorios como a Samsung DeX Station, que permite que o smartphone achegue unha experiencia de uso propia dun PC, de xeito que podemos conectalo a un monitor ou televisor por HDMI e a un rato e un teclado para empregalo como un equipo informático tradicional, conseguindo así un escritorio portátil moi práctico, especialmente para usuarios viaxeiros que queiran montar a súa oficina persoal alí onde teñan unha pantalla externa a man. Este accesorio, á venda por 159 euros, ofrécese sen custo adicional aos usuarios que reserven o Note8 antes de rematar o vindeiro día 14, xa que o día 15 é cando asirá o novo smartphone de Samsung á venda a un prezo recomendado de 1.010,33 euros.
Aínda que o prezo deste dispositivo pareza moi elevado, dende Samsung teñen datos que apuntan a que os consumidores están cada vez dispostos a gastar máis cartos en smartphones de alta gama, como demostran os datos recollidos nun informe sobre a venda na provincia da Coruña de teléfonos de máis de 600 euros, que experimentaron un incremento do 3% de xeito que o seu prezo medio sería de 795 euros; aínda que da nosa provincia hai outro dato que poderiamos considerar máis rechamante: a demanda de smartphones con pantallas de máis de 5 polgadas entre 2016 e 2017 medou en máis de 109%.

Vídeo no que destacan algunhas das grandes novidades go Galaxy Note8

Categorías: Ciencia

Ineo e Clúster TIC Galicia colaboran na xornada compostelá da xira @asLAN

Mér, 09/06/2017 - 16:59

Temos máis datos sobre a nova edición da xira Tour Tecnolóxico @asLAN, que organiza a asociación do mesmo nome por unha manchea de localidades estatais e que fará recalada na nosa terra, o 21 de setembro no Hotel Araguaney, baixo o epígrafe Transformación dixital, Todo Conectado (contando novamente coa colaboración Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, o COETG). Na cita participará unha vintena de empresas asociadas ofrecendo a súa visión sobre as diferentes opcións tecnolóxicas para que grandes e pequenas empresas poidan adaptar as súas infraestruturas ao novo proceso de transformación dixital. A cita de Compostela será a primeira da xira. Amais de dispor do respaldo co COETG, a xornada galega está a recibir o da asociación tecnolóxica Ineo e o do Cluster TIC Galicia.
O tour, que forma parte do plan de actividades de @asLAN para 2017, está encamiñando a crear espazos de encontro e divulgación tecnolóxica. A nivel empresarial o periplo ten o apoio dunha manchea de empresas de primeira liña de mercado, como Sophos, Cambium Networks, Watchguard, Dell EMC, Flytech, Eset, Alcatel, Allied Telesis, Gigaset, CCTV Center e Thycotic. Esta edición número 12 do itinerario virará sobre “o papel das tecnoloxías en rede para impulsar a transformación dixital" e ofrecerá, en palabras da organización, “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas dispoñibles para construír infraestruturas dixitais aliñadas co negocio”. Cousas como a Internet das Cousas ou a nube híbrida.
Durante o Foro Tecnolóxico Santiago, os asistentes coñecerán de primeira man as novidades sobre traballo en rede, Internet das Cousas, centros de procesamento de datos, seguridade, análise da información, identidade dixital, computación na nube, mobilidade e colaboración en rede.
Markel Gruber, presidente da Asociación @asLAN sinala que “o foro que terá lugar este mes en Santiago de Compostela será unha oportunidade para coñecer os novos rumbos das tecnoloxías dixitais avanzadas da man de importantes fabricantes internacionais, así como para compartir experiencias con responsables IT de grandes e pequenas empresas de Galicia”.

Categorías: Ciencia

Vitae achéganos a metodoloxía DISC para o impulso do talento

Mér, 09/06/2017 - 16:59

A consultora Vitae está a preparar, para A Coruña e Vigo, unha nova actividade formativa encamiñada a impulsar o noso talento e o das/os nosas/os compañeiras/os. Máis polo miúdo, trátase dun obradoiro para fomentar o desenvolvemento e a valoración do potencial humano da nosa empresa e, en última instancia, para rematar con éxito todo tipo de proxectos. A nova edición do Curso Certificación Experto en DISC e Analista Conductual DISC (Certificación Oficial INTERDISC) celébrase en Vigo (Centro Social Afundación ABANCA) os días 16 e 17 de outubro e na Coruña (Hotel Attica 21) os días 23 e 24 de outubro.
Servirá, como se indica no seu nome, para introducir aos nosos profesionais do sector TIC (e outros sectores lindeiros) na metodoloxía DICSC, un modelo de traballo que estuda catro factores anticipábeis do comportamento das persoas: como respondermos a desafíos e retos, como interrrelacionar cos demais e influír neles, como responder aos cambios e ao ritmo da contorna e como respondermos ás regras e procedementos.
Segundo engade Vitae, a aplicación destes modelos e avaliacións ten probado ser unha ferramenta crítica para o éxito de profesionais, novos profesionais e emprendedores, empresas e centros educativos de todo o mundo.
A consultora tamén fai saber que DISC tamén nos axuda a comprender que existen diferentes tipos de comportamento e que todos eles, en determinadas circunstancias que lles son propicias particularmente, amosan elementos potenciais de gran interese para o ámbito empresarial e de equipas humanas.
Por certo que este curso inclúe novamente a opción de certificación experto e analista de conduta en DISC polo organismo oficial internacional INTERDISC, que é unha organización sen arela de lucro que vela pola axeitada aplicación da metodoloxía a nivel mundial.
Os obxectivos básicos do curso son os seguintes: aprender o uso profesional das avaliacións DISC; utilizar o sistema máis efectivo para comunicar, ensinar, liderar, orientar e motivar; romper barreiras de relación e resolver conflitos; obter a clave para tirar o máximo potencial aos estilos de comportamentos, converter aos profesionais en “mestres da comunicación interpersoal”.
O curso terá unha duración de 16 horas.
A formación está dirixida a todas aquelas persoas (profesionais de recursos humanos, adestradores, psicólogos, profesores, formadores, consultores, comerciais, etc) que desexen mellorar as súas habilidades nos ámbitos da selección, a avaliación, o liderado e a comunicación, aplicando unha ferramenta efectiva de diagnóstico.
A profesional encargada de impartir os contidos será Ángeles Gris, experta en formación en metodoloxías DISC e ferramentas de diagnóstico. Ángeles é máster en adestramento no Instituto HUNE da Universidade de Alcalá e certificada como analista conductual DISC polo Instituto Internacional do DISC dende 2009.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Ourense sitúase á fronte do Estado no uso de Twitter como canle de comunicación

Mér, 09/06/2017 - 12:19

A Deputación de Ourense vén de informar de que se trata da institución provincial de todo o territorio estatal que está a acadar meirande actividade e seguimento na rede social Twitter, segundo datos extraídos dos novos informes da consultora Postanalytics, que analiza a presenza dos gobernos provinciais no dito servizo dixital amais da súa pegada e influencia. A Deputación lembra que xa o pasado mes de agosto, o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou “como o presidente máis activo en Galicia na rede social Twitter”, ocupando na actualidade o segundo posto dos 46 presidentes provinciais.
Segundo engade a institución ourensá, esta presenza na rede social abrolla do seu compromiso a prol do goberno aberto, a transparencia e a interactividade coa cidadanía, compromiso que lle valeu (recentemente) un recoñecemento do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o Premio Iniciativa da Administración.
Ao fío do devandito (o fío da Administración Electrónica e dos novos xeitos de establecer comunicación cos ourensáns) a Deputación tamén fixo saber que será a primeira institución pública do Estado en implantar o sistema de Auditoría Social da Transparencia, un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real. A ferramenta, desenvolvida por Dyntra (a plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións), permitirá “coñecer en cada intre o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense”. Ademais, engade o Goberno de Manuel Baltar, “permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España”.

Categorías: Ciencia

Huawei supera a Apple en número de smartphones vendidos

Mér, 09/06/2017 - 12:19

Hai pouco máis dun mes dabamos conta de como Canalys Research situaba a Huawei na terceira posición en cota do mercado de smartphones, achegándose perigosamente a Apple en número de unidades vendidas (que non en facturación), e agora é Counterpoint a compañía que sitúa a Huawei xa na segunda posición mundial no mercado de smartphones atendendo ás vendas dos meses de xuño e xullo.
Dende Counterpoint consideran que estamos ante un fito para Huawei, que demostra así o seu impresionante crecemento global (xa que a súa posición en mercados como o chinés sempre foi boa), pero matizan que estamos ante unha situación que dificilmente durará, a que estamos a piques de ver a chegada de novos iPhone, o que sempre supón un incremento significativo das vendas de Apple, compañía que con certeza recuperará a segunda posición do mercado no que resta de ano.
Apple pode presumir de manter o liderado en vendas de dispositivos en concretos, de xeito que o iPhone 7 tería o 4% das vendas de smartphones a nivel mundial, seguido polo iPhone 7 Plus (2,9%), quedando as outras dúas posicións para Oppo (fabricante de grande peso en China), mentres que Samsung non entraría en escena até a quinta posición pese a ser o fabricante coa maior cota de mercado (pero tamén cun catálogo máis amplo). De falamos de facturación os resultados tamén serían moi diferentes, xa que os terminais de Apple teñen prezos moi elevados, de xeito que a efectos de empresa segue a ser a marca líder a nivel mundial.

Categorías: Ciencia

En marcha un curso avanzado para incorporarmos os drones ao noso agro

Mér, 09/06/2017 - 11:57

A firma lucense Proyestegal está a organizar unha actividade formativa directamente encamiñada a informar e formar aos nosos profesionais do agro no emprego aplicado de vehículos aéreos non tripulados. O Curso de uso de drones en gandería e agricultura celebrase en diferentes localidades galegas durante os meses de setembro e outubro. Virá acompañado de accións demostrativas sobre o emprego destes aparellos no millo, nos viñedos, no control e produción de carne, nos cultivos de grelo e na protección e rendibilidade de áreas da Rede Natura.
Proyestegal sinala que os cursos (co-financiados pola Consellería de Medio Rural) teñen o obxectivo de aumentar a produtividade e eficiencia das explotacións. Segundo informa o Concello de Vedra, un dos municipios sumados á iniciativa, “co uso dos drones é posíbel facer un seguimento e control de cultivos, superficies, seguir o medre da planta, e así mellorar o manexo agronómico incidindo no uso eficiente de recursos como o solo, auga, optimizar rendementos e reducir o impacto da nosa actividade sobre o medio ambiente”.
Nas accións formativas propostas por Proyestegal tentarase demostrar como coa axuda dun único drone é posíbel facer seguimento de centos de hectáreas de maneira precisa, avaliando as condicións do terreo e co obxectivo de recoller información sobre elementos como o nivel de humidade, a temperatura ou o ritmo de crecemento dos cultivos. A empresa tamén recorda que entre as funcións máis importantes destes vehículos aéreos non tripulados e das tecnoloxías dixitais de comunicación que os acompañan atópase a de previr e evitar as pragas nos cultivos. Ademais, os aparellos de voo poden enviar fotos e vídeos en tempo real, serven de espantallos e manteñen afastadas as aves.
Para o Concello de Vedra, está claro que tamén poden contribuír en certa medida a introducir metodoloxías de traballo innovadoras, abrir nichos laborais e loitar contra o despoboamento do rural. “A incorporación de xente moza a agricultura é unha prioridade polo cal o uso drones pode facilitar a man de obra e pode ser unha vía máis de atraer xente nova ó campo, vinculando a actividade produtiva da agricultura cunha actividade máis rendible co uso de novas tecnoloxías”.
O curso inclúe 20 horas de contidos en catro xornadas de cinco horas. Está dirixido a agricultores e futuros agricultores de Galicia.

Categorías: Ciencia

O Congreso INLG de Santiago impulsa a capacidade de comunicación das máquinas

Mér, 09/06/2017 - 11:09

Esta semana estase a desenvolver en Santiago (até este 7 de setembro) o que está considerado o congreso mundial de maior relevancia en materia de linguaxe natural e intelixencia artificial. A cita é na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), da man do centro CiTIUS, da Universidade de Santiago. Trátase da décima edición do Congreso Internacional INLG (International Natural Language Generation), que se celebra por primeira vez en territorio español. O evento foi inaugurado onte no salón de actos da ETSE polo reitor Juan Viaño. Na xornada de apertura tamén interviñeron Ángel Morales, da Association of Computational Linguistics e do Special Interesy Group on Natural Language Generation (SIGGEN); Ehud Reiter, do comité organizador; e o director do CiTIUS, Paulo Félix Lamas, entre outros.
Como sinalamos onte, no congreso participan representantes de compañías sobranceiras como Microsoft, eBay ou IBM e máis de 100 expertos de 20 países e catro continentes (América, África, Asia, e Europa). O evento, nun plano máis concreto, xira arredor dun aspecto concreto da intelixencia artificial que xa é unha realidade constatada: a capacidade das máquinas para comunicarse de maneira perfectamente comprensíbel a través das linguaxes oral e escrita.
Como dixemos, a organización da edición galega do evento corre a conta do CiTIUS, que con esta nova cita promovida polo Grupo de Sistemas Intelixentes culmina unha tempada estival ateigada de encontros científicos referenciais, incluíndo duas escolas de verán en Intelixencia Artificial e o Congreso Internacional Euro-Par 2017, referente europeo en computación paralela e distribuída. Respecto do programa, entre os asistentes ao congreso atópase o investigador postdoutoral do CiTIUS Alejandro Ramos, recoñecido polo seu traballo ao abeiro de GALiWeather con distintos premios a nivel nacional e internacional, entre os que destaca o Premio de investigación 2017 da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) - Fundación BBVA. Ramos, que intervirá este mércores 6 de setembro a primeira hora da tarde, é o responsábel dun programa avanzado (GALiWeather) que, entre outras cousas, foi quen de traducir a linguaxe humana un ensarillado de datos numéricos climáticos só xestionábeis eficazmente por potentes máquinas de cómputo. Este é o alicerce das predicións do tempo que fai MeteoGalicia.
Segundo teñen sinalado o CiTIUS e máis o devandito investigador, a linguaxe natural constitúe un “mercado emerxente que move millóns de euros”, o que nos dá unha idea da importancia do congreso que se está a celebrar en Compostela, no que boa parte do seu centenar de expertos enfróntase arestora ao reto de complementar as informacións que nos traducen as máquinas cun fondo afectivo que impulse e amplíe o coñecemento fornecido.
Amais de Ramos, participan no evento unha manchea de referencias investigadores da linguaxe natural, como o profesor Ehud Reiter, catedrático de Lingüística Computacional na Universidade de Aberdeen (Escocia) e pioneiro en NLG. Reiter é tamén fundador dunha das principais empresas na área, a compañía ARRIA NLG, unha das patrocinadoras da presente edición xunto coa compañía de mercadotecnia por correo electrónico Phrasee e a consultora multinacional Accenture.
Ademais, o congreso conta tamén coa presenza de dous relatores convidados, por unha banda Frank Schilder, de Thomson Reuters, e, pola outra, Gemma Boleda (Universidade Pompeu Fabra), unha nova investigadora do programa Ramón y Cajal que segundo informa o CiTIUS atesoura xa “un prometedor currículo”, e á que o Consello Europeo de Investigación vén de conceder unha das prestixiosas axudas ERC Starting Grant para consolidar o seu traballo.
Entre o resto dos asistentes o CiTIUS tamén salienta á investigadora Claire Gardent, presidenta de SIGGEN (o grupo de interés que auspicia o congreso) e membro do CNRS (Centro Nacional en Francia para a Investigación Científica, polas súas siglas en francés).

Categorías: Ciencia

Despedimento fulgurante por unha mostra de odio en Facebook

Mar, 09/05/2017 - 23:30

As crises de reputación nas redes sociais son un problema cada día maior, no que unha empresa pode resultar moi mal parada se non toma medidas con certa axilidade, e durante a xornada de hoxe resultou abraiante o rápida que foi a resposta da empresa de taxación inmobiliaria Tinsa España, que a poucas horas de ter coñecemento a través das redes sociais de que o pasado día 3 unha das súas traballadoras temporais realizou uns polémicos comentarios contra Inés Arrimadas, presidenta do Grupo Parlamentario de Ciudadanos no Parlamento de Cataluña, optou por expresar a súa repulsa aos comentarios e publicaron un comunicado dando conta do cesamento da relación profesional coa autora dos mesmos.
Os comentarios da polémica non foron para menos, xa que Rosa María Miras i Puigpinós, tras ver a intervención de Arrimadas nun debate en Telecinco desexoulle publicamente «que cando saia esta noite a violen en grupo porque non merece outra cousa semellante cadela noxenta», o que provocou a denuncia por parte de Arrimadas, o que levou a varios internautas a identificar á autora da mensaxe de odio, de xeito que sóubose do seu actual posto de traballo e iniciouse unha campaña na Rede na que informábase á compañía dos comentarios de quen nese momento traballaba no seu departamento de atención ao cliente a través dunha ETT.
Aínda que é probable que esta historia continúe nos xulgados (de ter formalizado a denuncia Inés Arrimadas) é especialmente rechamante ver como un linchamento dixital provocou un despedimento en pouco máis de 3 horas, deixando claro que algunhas empresas entenden o dano que pode facer a asociación da súa marca a condutas censurables (e posiblemente delituosas).

Categorías: Ciencia

YouTube para iOS xa permite facer streaming de aplicacións

Mar, 09/05/2017 - 22:30

A aplicación de YouTube para iOS estrea versión 12.34, e esta no actualización que corrixe erros e mellora a estabilidade, tamén incorpora unha novidade moi atractiva: a posibilidade de realizar retransmisións de vídeo en directo empregado ReplayKit, un framework de Apple que permite gravar ou transmitir vídeo da pantalla e son de aplicacións e micrófono.
Isto quere dicir que en aplicacións compatibles con ReplayKit será posible retransmitir en vivo a imaxe na pantalla do iPhone ou do iPad, o que agradecerán especialmente os usuarios que queiran amosar as súas partidas de videoxogos ao mundo, sendo posible tamén captar e integrar a imaxe (captada pola cámara frontal do dispositivo) e a voz do usuario en pantalla para ofrecer así un tipo de retransmisión moi habitual no mundo do PC, pero que agora podería popularizarse no contorno móbil.
Dado que YouTube tamén mellorou a súa tecnoloxía de retransmisión para conseguir retardos de só un par de segundos, temos que a interacción entre o youtuber e a súa audiencia será moi fluída, polo que será cada vez máis frecuente ver a xogadores amosando a súa pericia en xogos móbiles e compartindo trucos e consellos cos seus seareiros.

Categorías: Ciencia

WhatsApp está a probar o seu uso comercial

Mar, 09/05/2017 - 22:00

WhatsApp confirmou hai uns días que estaba a probar as contas de empresa verificadas como un xeito de facilitar que as compañías atendan ao público, pero serán varias as funcionalidades que facilitarán as comunicacións con empresas que poranse en marcha nos vindeiros meses, de xeito que, aparte dos perfís verificados tamén haberá unha aplicación de balde WhatsApp Business para pequenas empresas (que sería semellante á versión web de WhatsApp) así como unha versión para grandes compañías como liñas aéreas, compañías de comercio electrónico ou entidades bancarias, que poderán empregar WhatsApp como un xeito de enviar notificacións importantes como horarios de voos, confirmacións de entrega de pedidos e outras actualizacións.
Como exemplo xa temos unha empresa que confirmou a súa participación no programa piloto de WhatsApp, KLM Royal Dutch Airlines, que é unha desas compañías con perfil verificado que permite que os seus pasaxeiros reciban a confirmación da reserva, a notificación de rexistro, a tarxetas de embarque e incluso actualizacións sobre os voos a través de WhatsApp, plataforma a través da que tamén atenden a preguntas dos clientes. Esta plataforma integrouse no CRM da empresa (Salesforce) de xeito que os seus 250 axentes poden atender agora a clientes por WhatsApp como unha plataforma máis de atención como poden ser o teléfono, o correo electrónico ou as redes sociais. Para axilizar as interaccións a plataforma integrada en KLM conta cun sistema de intelixencia artificial que suxire respostas.
Polo momento este tipo de funcionalidades están en probas, e pode que tardemos meses en velas en España, pero resulta interesante ver como WhatsApp avanza para conseguir un modelo de negocio que poida sustentar o servizo agora que non cobra cotas anuais aos usuarios.

Vídeo no que podemos ver como sería o funcionamento da comunicación dunha liña aérea a través de WhatsApp

Categorías: Ciencia

O Museo do Castro de Viladonga dáse a coñecer ao detalle na Rede

Mar, 09/05/2017 - 16:33

O Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) vén de estrear presenza na Rede, viladonga.xunta.gal. Trátase dun portal que nos achega, entre outras cousas, a posibilidade de facermos unha visita virtual polas salas de exposición permanente e termos acceso ás pezas máis salientábeis da colección. Por certo que boa parte delas podemos velas en formato tridimensional e en movemento (foron tratadas mediante fotogrametría ou xiro 360 graos). Detrás destes traballos atópase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura e Educación. O seu obxectivo foi “enriquecer a experiencia da visita ao complexo, ofrecer información completa sobre os seus contidos e dar a coñecer o labor que vén realizando o museo”.
AMTEGA e Cultura salientan do portal (entre outras cousas) o seu deseño adaptábel e accesíbel e o seu apartado multimedia, con vídeos sobre a historia do castro, a súa contorna natural e as escavacións realizadas en anos previos. O material audiovisual complétase cunha galería fotográfica coas actividades do castro e co flora e fauna do mesmo.
O portal tamén inclúe un enlace que dá acceso ao catálogo dixital das coleccións do museo xestionado pola Xunta de Galicia, na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España Rede Dixital de Coleccións de Museos de España (Ceres).
Sinalar que a web está feita para facilitar a navegación desde móbiles e tabletas, cun deseño responsive baseado en “estruturas e imaxes fluídas que se adaptan ao tamaño da pantalla desde a que se visita a páxina”, informan AMTEGA e Cultura e Educación.

Categorías: Ciencia

Optare Ventures xa impulsou catro firmas innovadoras no seu primeiro ano de vida

Mar, 09/05/2017 - 16:33
Luis Álvarez-Sestelo, director de Optare Ventures

O fondo galego Optare Ventures, iniciativa a prol do emprendemento e o capital semente da consultora TIC Optare, vén de facer balance do seu primeiro ano de actividade. Entre os datos máis salientábeis do informe sobre os seus doce primeiro meses de anos figuran os seguintes: foi quen de impulsar catro participadas e mobilizou un investimento total de 200.000 euros. No balance tamén se fai saber que o fondo, dirixido polo galego Luis Álvarez-Sestelo, desenvolveu os seus dous investimentos máis recentes en Boardfy e máis en Wisestate IoT. De Boardfy, plataforma galega de seguimento de prezos en liña, falamos recentemente para facer fincapé na súa rolda de financiamento de 230.000 euros. Wisestate IoT, pola súa banda, é unha firma innovadora con sede en Londres e raizame e Barcelona, posta en marcha en 2016 e centrada en tirar partido da Internet das Cousas. Os outros dous investimentos de Optare Ventures son Sila Games e SetPay.
Segundo fixemos saber con motivo da súa posta en marcha, Optare Ventures ten a súa orixe na consultora galega Optare Solutions, radicada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e especializada en achegar recursos avanzados ao sector das telecomunicacións. Con Optare Ventures, o obxectivo foi achegar unha innovadora contribución ao emprendemento tecnolóxico, fornecendo as novas propostas de mercado de capital semente (sobre todo nos primeiros treitos do camiño dos proxectos seleccionados).
A primeira iniciativa pola que apostou Optare Ventures foi a firma galega SetPay (tecnoloxías avanzadas para facilitar o pagamento mediante tarxetas bancarias en mobilidade). Máis adiante foi a quenda de Sila Games. Trátase dunha startup de venda de videoxogos dixitais, fundada en 2013 polo galego Francisco Mosquera e Óscar Mas. O seu cometido é desenvolver e implantar no mercado dos videoxogos o modelo de tarifa plana, de xeito que os usuarios poderán dispoñer sen límites dun catálogo de xogos de primeiro nivel a cambio dun pagamento mensual.

Categorías: Ciencia

Páxinas