códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 3 horas 1 min

A Deputación da Coruña fornece de formación e prácticas TIC a 90 mozos da provincia

Xov, 02/08/2018 - 13:27

As novas tecnoloxías da información estarán moi presentes na vindeira iniciativa a prol da mocidade da Deputación da Coruña. Trátase, máis polo miúdo, dunha batería de programas de formación e prácticas para 90 mozos e mozas da provincia. Os sectores nos que se formarán serán as TIC e o turismo. A iniciativa, PEL Emprego Xuvenil, foi aprobada polo Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro da súa convocatoria de axudas destinadas á integración sustentábel de persoas novas no mercado de traballo. A Deputación da Coruña recibiu 490.820 euros do FSE, que constitúen máis do 30% das axudas concedidas ás entidades locais da provincia, e, segundo engade a entidade provincial, unha cuarta parte dos fondos acadados para toda Galicia.
Esta axuda servirá para financiar algo máis da metade do orzamento total do proxecto, mentres que o resto, ata chegar a 868.695 euros, será aportado pola propia Deputación.
A Deputación desenvolve esta iniciativa dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL), un plan estratéxico que abrangue todos os recursos e actuacións destinados a fomentar a creación de emprego. Esta acción en concreto, PEL Emprego Xuvenil, está destinada aos mozos e mozas dos concellos coruñeses de entre 16 e 30 anos, e consistirá en seis itinerarios que incluirán formación específica e prácticas profesionais en empresas da provincia.
Para a escolma dos itinerarios que se ofertarán, a Deputación realizou un estudo do contexto socioeconómico nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes. Na investigación a entidade provincial achou que a maioría das ofertas de traballo diríxense a profesionais con capacitación nos sectores das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a promoción turística, polo que este nicho de mercado sería, en palabras da institución, “o máis axeitado para asegurar a inserción laboral dos participantes”.
Así mesmo, os contidos de cada itinerario responden ás competencias máis demandas e necesarias para acceder a postos de traballo de calidade, e contribuír ao mesmo tempo ao desenvolvemento dos concellos.
Tres dos percorridos formativos estarán centrados no eido da informática e as novas tecnoloxías, coas especialidades de sistemas de xestión de información, seguridade informática e administración de bases de datos. De maneira complementaria, inclúese tamén un curso de 70 horas sobre manexo de aeronaves pilotadas en remoto ou drons e outro sobre redes sociais.
Por outra banda, na área do turismo ofreceranse tres itinerarios especializados en creación e xestión de viaxes e eventos, venta de produtos e servizos turísticos e promoción turística local e información ao visitante. Neste caso, os participantes recibirán tamén un curso de 50 horas sobre mercadotecnia aplicada ao turismo e realizarán un obradoiro de emprendemento cooperativo, que consistirá na creación de iniciativas que promovan destinos turísticos intelixentes.

Categorías: Ciencia

O Campus de Ourense pon en valor as súas árbores con códigos QR

Xov, 02/08/2018 - 12:18

Tecnoloxía e coñecemento e preservación da natureza non teñen porqué estar rifadas. De feito, de camiñaren xuntas, adquiriremos novas dimensións sobre a natureza que nos rodea, e esta, ademais, terá máis garantida a súa conservación. Por este vieiro está a transitar o Campus de Ourense, que conta dende 2007 cun salientábel itinerario verde, a Ruta das Árbores, que, amais de ser un lugar para o lecer e para reivindicar o respecto pola natureza, serve de exemplo do que podería ser un bosque universitario ideal (conta cunha chea de especies de todo o mundo, a xeito de resumo do que debe ser un campus: un entrecruzamento de coñecemento diverso). Para impulsar esta ruta, o campus emprazou códigos QR nas árbores do percorrido. Agora, os visitantes poderán recoñecer as diferentes especies e saber máis da súa orixe e características a través dos seus teléfonos móbiles,
Segundo explica José Manuel Pérez, responsábel de zonas verdes e xardinería do Campus de Ourense, hai arredor dun millar de árbores e arbustos de máis de 170 especies diferentes repartidas nas diferentes zonas verdes universitarias. Para pór en valor esta riqueza natural, apunta, téñense levado a cabo diferentes accións, como unha publicación, a sinalización de especies ou visitas guiadas para grupos. Agora, a tecnoloxía vén de permitir un novo e importante paso neste proceso de revalorización, levado a cabo pola Vicerreitoría do campus e a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo.
Para comezar, a iniciativa implicou o fornecemento de códigos QR nos paneis informativos sobre o Campus emprazados nas diferentes entradas das rutas. Segundo lembran os impulsores da iniciativa, “esta ferramenta permite por medio de teléfonos intelixentes ou tabletas que teñan instalado Google Maps e un lector de códigos QR coñecer o nome das árbores ao pasar a carón delas. Poden tamén ter máis información de cada exemplar premendo sobre as iconas e as ligazóns propostas”. Os usuarios só terán que ler coas aplicacións para códigos QR dos seus teléfonos os códigos situados nos paneis informativos. O uso do GPS, indican, tamén permite ás persoas interesadas ser guiadas polo campus en busca da especie que queren ver entre todas as dispoñíbeis.
Alén de poder acceder de xeito inmediato e amplo á información de cada árbore, indica Pérez Teijeiro, unha das vantaxes deste sistema é que “permite visualizar no seu conxunto, de xeito global, a diversidade de especies con que contamos e ter unha imaxe de como están distribuídas fisicamente polas diferentes zonas”. Esta visualización, sinala, non é posíbel obtela consultando só os paneis informativos situados ao carón de parte das árbores ou o libro do roteiro.

Categorías: Ciencia

AMTEGA e a Secretaría do Deporte convocan unha xornada para axudar aos clubs deportivos a dixitalizárense

Xov, 02/08/2018 - 12:18

Impulsar a presenza das ferramentas e métodos da Administración Electrónica no ámbito das asociacións e clubs de deportes. Este é un dos grandes obxectivos da xornada que organizan este 9 de febreiro a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Secretaría Xeral para o Deporte, a xornada Faite dixit@l e tramita nun clic - Rexistro de Entidades Deportivas, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 12:00 h a 13:30 h.
A sesión divulgativa responde ao chamamento lanzado recentemente pola Secretaría ás máis de 8.000 entidades deportivas galegas, a prol da actualización dos seus datos no Rexistro autonómico. Este proceso de posta ao día da información de seu implicará que teñan que enviar dixitalmente (a través da sede electrónica da Xunta) a documentación que se lles esixe para cumprir o trámite. Para facilitar este proceso e capacitar ás entidades para levalo a cabo do mellor xeito posíbel (este trámite e todos os que veñan despois) xorde precisamente o devandito obradoiro por multiconferencia.
En palabras dos organizadores da xornada é facilitar aos clubs “as nocións básicas sobre o funcionamento da sede electrónica, clarexar posíbeis dúbidas, difundir os servizos dispoñíbeis na sede e indicarlles as canles para obter máis información en caso de que a precisen durante a realización da xestión”. O enfoque da xornada será eminentemente práctico con exemplos sobre emprego dos diversos sistemas de identificación e sinatura dixital admitidos pola sede, incluído o sistema Chave365, que evita o uso do certificado dixital.
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula CeMIT do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (cdtic.xunta.gal) ou ben a calquera das aulas CeMIT das localidades que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios: Santiago, Abegondo, Ames, Arzúa, Brión, Coruña, Narón, Oroso, Ortigueira, Barreiros, Carballedo, Ribadeo, Bande, Celanova, Ourense, Cuntis, Poio, Pontevedra e Valga.
En total disponse de máis de 260 prazas para asistentes, das que 25 están habilitadas de maneira presencial na aula CeMIT no CDTIC en Santiago de Compostela e o resto para seguir por videoconferencia. Pódense consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: cemit.xunta.gal/centros

Categorías: Ciencia

Compostela Monumental introduce á mocidade desempregada no manexo dos dispositivos tecnolóxicos

Xov, 02/08/2018 - 10:13

Compostela Monumental, a asociación santiaguesa de comerciantes e empresarios, iniciou estes días o primeiro dos obradoiros que conforma o seu programa de emprego, Empréga-Te 2. En concreto, deu comezo ao seu Curso Básico de Informática, no que participan novas aspirantes para traballar no sector servizos. Nesta actividade, fortalecen e amplían o seu coñecemento sobre os diferentes dispositivos informáticos e a súa aplicación no mundo laboral.
A acción formativa, primeira deste ano 2018, ten unha duración de 30 horas e desenvolverase ata o día 7 marzo na aula formativa que Compostela Monumental ten na súa sede da Algalia de Arriba 31. O curso trata sobre alfabetización informática, Internet e correo electrónico, segundo o seu obxectivo fundamental “mellorar o coñecemento e dominio da computadora entre o alumnado”, ademais de iniciar ás participantes no coñecemento da Internet, no correo electrónico e nas comunicacións, así como en nocións básicas de seguridade e privacidade. No programa formativo de Compostela Monumental colabora a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).

Categorías: Ciencia

En probas a función de compartir publicacións de Instagram como historias

Mér, 02/07/2018 - 22:44

Unha das grandes diferenzas de Instagram con respecto a Facebook e Twitter é que carece dun método nativo para compartir os contidos publicados anteriormente, o que fixo que xurdiran solucións de terceiros para facer regrams, pero agora estaría a probar unha nova opción que permitiría compartir publicacións con outros usuarios a través das historias, facilitando que se poida logo engadir comentarios ou adhesivos. Temos así unha nova opción para animar aos usuarios a publicar sobre contidos alleos, o que podería contribuír á dinamización de Instagram.
Esta nova funcionalidade compartiuna a través de Twitter Zachary Shakked, que sería un dos poucos usuarios que goza actualmente da nova opción que, tras unha fase de probas, é de prever que chegue ao resto de usuarios.

Podemos ver o funcionamento da función de compartir publicacións en historias no seguinte vídeo:

Categorías: Ciencia

Este ano poderemos presentar a declaración do IRPF dende o móbil

Mér, 02/07/2018 - 22:28

O director do Departamento de Xestión da Axencia Tributaria, Rufino de la Rosa, anunciou que a Facenda está a ultimar unha aplicación para móbiles que permitirá que o contribuínte poida descargar os seus datos fiscais e presentar a declaración do IRPF a través do teléfono.
A aplicación entrará en funcionamento a partires do 15 de marzo, aínda que a presentación de declaracións da Renda non botará a andar até o 4 de abril. Esta ferramenta estará dispoñible tanto para Android como para iOS, facendo aínda máis accesible a presentación de declaracións sen ter que acudir ás oficinas da Facenda, avanzando así na liña que supuxo a transformación do programa PADRE nos servizos actuais de Renta Web.
A nova aplicación móbil será especialmente práctica para usuarios con declaracións sinxelas, que poderán presentar a súa declaración cun único clic, situación na que estarían uns 4,8 millóns de contribuíntes.

Categorías: Ciencia

A Xunta aposta pola cualificación especializada a través das unidades formativas na empresa

Mér, 02/07/2018 - 22:15

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, salientou hoxe en Santiago nun encontro que mantivo cos axentes do sector TIC galego, incluíndo tamén emprendedores, a aposta da Xunta por este eido ofrecendo unha formación especializada en consonancia coas demandas das empresas, que se traduce, en palabras de Marnotes, na creación de máis e mellores postos de traballo.
O director xeral explicou que o Goberno galego traballa en adaptar a formación dos traballadores galegos ás necesidades reais do tecido produtivo con diversas ferramentas orientadas ao novo modelo industrial e ás novas tecnoloxías, entre as que destacou as unidades formativas na empresa, dirixidas a empregados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.
Para esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas, que inclúe cualificación para firmas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0, como é o ámbito das TIC.
As unidades formativas dirixidas a desempregados ofrecen formación á carta na propia empresa que, pola súa banda, ten que comprometerse a un mínimo de contratación, ao 40% dos alumnos que participen en cada unha das 40 unidades previstas. O prazo de solicitude para a primeira das convocatorias deste programa xa está aberto. Para presentar as inscricións das axudas correspondentes ao financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, o prazo rematará o 5 de abril. No caso dos incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2018.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia, a través desta actuación, o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofreceráselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros. O apoio mínimo de 7000 euros aumentará ata os 8000 para os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ademais, as mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados, así como as empresas emprazadas no rural, recibirán un 25% máis de axuda sobre os 7000 ou 8000 euros, segundo sexa o caso, podendo chegar os apoios, desta maneira, aos 16.000 euros.
Nesta convocatoria, optarán a estas axudas as empresas ou agrupacións temporais de firmas que presenten unha solicitude conxunta. Este programa inclúe tamén para 2018 de xeito novidoso o seu carácter bianual coa finalidade de que os cursos sexan máis complexos e poidan prolongarse durante máis meses, ata o ano 2019.
O programa destinado a ocupados céntrase na formación en empresas de sectores estratéxicos, entre os que se atopan as TIC. A previsión é a través desta iniciativa formar a 1500 traballadores en 500 compañías. O prazo de solicitude deste programa tamén está aberto, rematando o 2 de abril. O Goberno galego, a través desta actuación, financia tamén o 100% da cualificación, cun límite de 200.000 euros para empresas ou agrupacións de firmas, priorizando actuacións vinculadas coa silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. O principal requisito deste programa de axudas é que as compañías pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

Categorías: Ciencia

O Consello da Cultura avaliará as posibilidades do Big Data para estarmos máis informados... ou menos

Mér, 02/07/2018 - 21:02

O Consello da Cultura Galega vai organizar o vindeiro 15 de marzo un encontro arredor da información a gran escala e as posibilidades de coñecemento e desenvolvemento que se nos abren ante unha xestión optimizada (Big Data) desa información masiva: cousas como coñecer mellor o mercado editorial, impulsar retos científicos até o de agora de difícil resolución, saber a resposta da xente ante un produto ou atender a demandantes de servizos cos servizos que lles son máis devecidos. Sobre estes e outros temas (e tamén sobre o “reverso escuro” das novas canles de datos derivado dun mal uso das mesmas) e sobre as mellores maneiras de tratar o coñecemento masivo tratará a xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade. A cita ten aberto a día de hoxe o prazo de inscrición a través do web da institución.
Nesta xornada, coordinada por Xosé López, Xosé Ramón Pousa e Rosa Aneiros, preténdese “ofrecer unha visión panorámica do que acontece no panorama do Big Data, coa presentación dalgunhas experiencias, e analízanse vías para aproveitar esa circulación masiva de datos nas iniciativas culturais nos diferentes ámbitos”.
A xornada comeza cun relatorio xeral a cargo de Anaclet Pons, catedrático de Historia Contemporánea da Universitat de València, sobre o Big Data e os novos documentos.
Despois, o catedrático de Comunicación da Universidade Carlos III e da UNED Carlos Elías fala de ruído e información clave na era de sobreabundancia das mensaxes. A sesión da mañá remata cun relatorio sobre a utilidade e os desafíos do emprego de datos no eido da cultura e da ciencia. A visualización do coñecemento masivo e a súa aplicación nos produtos culturais será o tema que trate a xornalista Clara Higuera, que traballa como científica de datos na BBC, e tamén Xaquín González, xornalista e infografista.
A cuestión dos falsas informacións derivadas dun exceso de coñecemento será outro dos temas a avaliar na xornada. Disto falará pola tarde Jesús Miguel Flores Vivar, profesor de Ciberperiodismo e director de Internet Media Lab. da Universidad eComplutense de Madrid. Deseguido, Carmen García Mateo, catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, falará de intelixencia artificial e, entre outras cuestións, da automatización dos contidos.
Despois deste marco xeral, pecha a sesión unha mesa redonda, que centra o foco en Galicia. O director de innovación da Televisión de Galicia, Xosé Pereira, modera unha sesión en que participan María Yáñez, xornalista especialista en estratexias nas redes; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; e Rubén Bastón, Customer Happiness e director de Elogia.

Categorías: Ciencia

O certame Lingua de Namorar premiará ás súas gañadoras con tecnoloxía

Mér, 02/07/2018 - 21:02

Un ano máis son as voces femininas as que se fan cos premios do certame de dinamización lingüística Lingua de namorar, que convocan conxuntamente as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Os dous departamentos fixeron público hoxe o ditame do xurado desta sexta edición da iniciativa, que dobrou considerablemente a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1509 mozos e mozas. 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.
De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado. Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.
Tal e como prevén as bases do concurso, as gañadoras recibirán os seus premios (un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea, un auricular Panasonic Diadema, un televisor conectado de Panasonic de 32 polgadas, un smartphone Wiko con pantalla de 5 polgadas e unha cámara deportiva, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018), nun acto público que conducirá a escritora galega Rosalía Fernández Rial e que acollerá o Museo do Mar de Vigo o vindeiro 14 de febreiro, Día dos Namorados, ás 17:00 horas.

Categorías: Ciencia

Ribeira organiza novos obradoiros informáticos en catro parroquias do concello

Mér, 02/07/2018 - 20:32

O Concello de Ribeira vai organizar nas semanas vindeiras catro novos cursos de capacitación en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Os obradoiros, que se van desenvolver en catro parroquias do concello, abren este 8 de febreiro o prazo de inscrición. Trátase dos seguintes cursos: Iníciate na informática, Sácalle partido ao teu móbil, DNI electrónico e certificados dixitais, Retoque fotográfico e Edición de audio e vídeo).
As actividades desenvolveranse nas parroquias de Aguiño, Corrubedo, Oleiros e Ribeira.
Os cursos, que son de balde para a cidadanía, estenderanse dende o 19 de febreiro ata o 12 de abril. As inscricións estarán abertas ata o 16 de febreiro, en horario de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas na Aula CeMIT ou tamén na páxina web da rede autonómica de aulas de informática, a rede CeMIT.

Categorías: Ciencia

Novas axudas para a dixitalización do comercio e a artesanía

Mér, 02/07/2018 - 18:30

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na praza de abastos de Santiago de Compostela nun encontro con comerciantes no que lles informou sobre as axudas da Xunta para apoiar este ano, con preto de 4,5 millóns de euros, a modernización e impulso do pequeno comercio e dos obradoiros artesanais galegos.
A través de tres iniciativas, financiaranse proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; e programas da competitividade da artesanía galega.
O obxectivo destas convocatorias, que xa se publicaron no Diario Oficial de Galicia (DOG) a pasada semana, é ofrecer, segundo destacou Vázquez Abeal, un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Deste xeito, impúlsase entre o comercio e os obradoiros artesáns galegos a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.
Por unha banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local.
O investimento subvencionable, segundo o tipo de axuda solicitada, poderá ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda será en todos os casos do 50%. A Xunta incrementa o orzamento destinado para esta convocatoria en preto dun 59% con respecto ao ano pasado, cando se dedicaron dous millóns de euros.
Doutro lado, en canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, conta cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar PEME e, no caso do desenvolvemento dun proxecto efémero, tamén comerciantes en liña e, como novidade, fabricantes. A directora xeral de Comercio explicou que o que se pretende é impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos efémeros por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. No primeiro caso o investimento subvencionable máximo vai dos 3000 aos 60.000 euros e no caso das iniciativas efémeras vai ata os 8.000 euros. En todos os casos cóbrese o 50%.
Por último, apóiase con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. As axudas máximas serán de 8000, 30.000 e 15.000 euros respectivamente e a intensidade pode chegar ao 80%. O orzamento aumenta en máis dun 18% con respecto ao ano pasado.
Con estes tres programas, a Xunta, segundo salientou Vázquez Abeal, agarda impulsar o comercio e a artesanía galegas coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade e mellorar a imaxe dos centros urbanos das cidades facéndoos máis atractivos. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos con case dous millóns de euros.
Estas axudas reforzaranse con outras accións dirixidas a potenciar os espazos comerciais e o asociacionismo cun orzamento adicional de catro millóns de euros e enmárcanse no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020.

Categorías: Ciencia

A Xunta manterá o impulso do libro dixital nas aulas

Mér, 02/07/2018 - 17:18

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, visitaron esta mañá o IES Mestre Landín de Marín, onde destacaron o pulo que se deu no curso actual ao proxecto E-Dixgal (libro dixital) a nivel de recursos e formación do profesorado. Precisamente, este instituto é un dos tres centros do concello marinense, xunto co CEP Sequelo e o CEIP da Laxe (nova incorporación este curso 2017/18) que traballan co libro dixital, e que ademais xa recibiron parte dos 13.000 novos portátiles que se están distribuíndo polos 154 centros E-Dixgal de toda Galicia. Na provincia de Pontevedra o número de equipos renovados ascende a 4982.
Tal e como destacou o conselleiro, a aposta polo libro dixital enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, presentada en setembro do ano pasado. Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21. Actualmente, esta iniciativa está presente en 154 centros e chega xa a máis de 11.600 alumnos.
Neste sentido, Román Rodríguez quixo agradecer o compromiso do profesorado con este proxecto, posto que supón un esforzo a nivel formativo. Por iso, curso a curso, a Consellería reforza o plan anual de formación do profesorado co fin de acompañar aos docentes na súa actualización e adquisición dos coñecementos clave para os retos que presenta a educación dixital. De feito, entre e setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos formativos, nos que participaron 430 profesores; e este curso tamén se puxo en marcha un plan de formación específico sobre E-Dixgal.
Tal e como salientou, «o IES Mestre Landín é un exemplo dese compromiso, dese traballo continuo dos profesores para preparar o alumnado de cara aos retos da sociedade global e darlle máis oportunidades de futuro». Tamén valorou a introdución das TIC no ensino como unha ferramenta que garante a igualdade de oportunidades, posto que se democratiza o seu acceso e uso independentemente da situación socioecononómica do alumno.
Pola súa banda, a directora da AMTEGA sinalou que o reparto de equipos é unha da melloras previstas para avanzar cara unha educación integramente dixital. Neste sentido indicou «que pasamos do concepto de equipo na aula ao de mochila dixital, un equipo que acompaña ao rapaz en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais a súa disposición, cun soporte técnico ante calquera dúbida ou incidencia».
Na visita participaron tamén o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira.

Servizo Premium, novos contidos e mellor conexión

En 2018 activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.
Deste xeito, profesores, alumnos e familias disporán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (telefónica, correo electrónico, web, aplicación móbil...), dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran unha atención presencial. Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Respecto aos contidos, a principios de 2018 a editorial Planeta incorporarase como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé. Ademais, está en fase de licitación o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma materiais innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato do provedor de contidos en inglés.
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100 Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total, dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.

Categorías: Ciencia

Ponteareas disporá dunha nova oficina de SmartPEME no centro da vila

Mér, 02/07/2018 - 17:15

O concello de Ponteareas vai contar cunha nova oficina de SmartPEME, máis axeitada para achegar ao meirande número de cidadáns e empresas a actividade formativa despregada por este programa de capacitación TIC para autónomos, empresarios e empresas da provincia. Así o confirmou hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen visitou estaña mañá as instalacións locais de SmartPEME, acompañada do deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e das persoas responsábeis de dous proxectos empresariais de éxito que recibiron asesoramento por parte deste servizo da institución provincial. Como lembraremos, SmartPEME é unha rede tecnolóxico-dixital de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e, ao longo deste ano, prevese que tamén na Estrada.
Silva, na súa estadía en Ponteareas, fixo balance dos resultados e funcionamento da oficina, “que está a realizar un traballo excepcional e que, dende a súa posta en funcionamento, realizou xa preto de 200 asesoramentos e organizou máis de 80 obradoiros sobre novas tecnoloxías nos que participaron preto de 250 persoas”. Por estes motivos, tanto a presidenta da entidade provincial como o rexedor confirmaron o inicio dos traballos para, nun prazo dun ano, impulsar a oficina co seu traslado ao centro da vila, para que sexa máis accesíbel á cidadanía.
Segundo se fixo saber no acto, a oficina de Ponteareas presta asesoramento ás comarcas do Condado e da Paradanta e, tal e como apuntou a presidenta da Deputación de Pontevedra, “Ponteareas tiña que ocupar un espazo central xa que estamos a falar dunha vila cun importante número de empresas que están, nestes momentos, iniciándose na transformación dixital”. Ao respecto, Silva salientou tamén que “SmartPEME ten por obxectivos achegar as novas tecnoloxías ás pequenas e medianas empresas para mellorar a súa competitividade, os seus beneficios, para que a actividade económica teña mellores resultados e tamén parar crear emprego”.
Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, agradeceu “o apoio da Deputación no emprendemento, na innovación e na creación de emprego, acompañando ás persoas emprendedoras na posta en marcha de iniciativas para crear emprego e actividade económica, malia á falta de competencias. Temos que crear oportunidades e apoiar as persoas que dan ese impulso cando máis o precisan”. Neste contexto, Represas manifestou que “traballaremos conxuntamente coa Deputación para situar a oficina de SmartPEME no centro da vila de Ponteareas, para que sexa máis accesíbel, e emprazala e promovela como un centro de innovación e emprendemento que queremos que estea en funcionamento nun prazo dun ano”.
Na xuntanza de hoxe tamén se lembrou que as dependencias de Ponteareas realizaron o ano pasado, con respecto a 2016, o dobre de asesoramentos mentres que o número de obradoiros e de persoas asistentes aos mesmos chegou a triplicarse.
Durante a visita á oficina de SmartPEME en Ponteareas a presidenta da Deputación reuniuse coas persoas responsábeis dos proxectos empresariais de éxito Nutre en Bio e Gaitas Eduardo Represas, que foron asesoradas pola oficina en diferentes accións relacionadas coas novas tecnoloxías.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

R perdeu 20.300 clientes en 2017

Mér, 02/07/2018 - 14:10

Nos últimos meses foron moitas as informacións ao redor do operador R na que se daba conta de subas de prezo e incidencias nos servizos, o que parece ter erosionado a súa percepción por parte dos usuarios, facéndolle perder a súa confianza en moitos casos se atendemos aos feito de que durante o último ano tería perdido 20.300 clientes.
Actualmente R está nunha mala situación para competir coas ofertas de banda larga baseadas en fibra óptica, o que forzará a empresa a actualizar a súa tecnoloxía de cable, o que supón un investimento elevado, pero o feito de que mudasen a súa cobertura móbil de Vodafone a Orange supuxo para moitos usuarios unha grande caída na calidade do servizo, o que tería pesado máis que outros cambios nas súas ofertas para facelas máis atractivas.
R iniciaría 2017 perdendo 1.100 clientes no mes de xaneiro, e aínda que a caída de clientes foi moi irregular, en setembro chegaron a perder 3.700 clientes, o que descoñecemos se sería consecuencia directa dunha importante incidencia na súa rede móbil ou atendería ás agresivas ofertas dos seus competidores.
Durante os últimos meses a perda de clientes de R parece ser moi grave, con 3.000, 3.600 e 2.900 clientes perdidos respectivamente nos meses de outubro, novembro e decembro, dando a impresión de que a caída do operador é difícil de frear, polo que non sería de sorprender que vexamos promocións en breve para paliar a situación.
Lembremos que R pertence actualmente ao grupo Euskaltel, que segundo distintas informacións estaría a buscar comprador, probablemente para poder sumar músculo que lle permita competir nun mercado actual no que os operadores de pequenas dimensións teñen serias dificultades para seren competitivos.

Categorías: Ciencia

Milladoiro converteuse en capital da innovación e a tecnoloxía que se comparten

Mér, 02/07/2018 - 13:31

Finalmente a Casa da Cultura de Milladoiro foi, o pasado 2 de febreiro co gallo da xornada Innovames organizada polo Concello de Ames, un fervedoiro de cultura Maker. Ou sexa, da cultura de faino coas túas mans. Por que motivo? Pois por varias razóns: porque se fixo un convite integral a crear colectivamente tecnoloxías (sen límites autoimpostos), porque se compartiron coñecementos a esgalla e porque se reivindicou un tipo de recursos tecnolóxicos doados de empregar e de entender por xente de todas as idades e formacións. Ademais, abríronse xanelas ás principais correntes tecnolóxicas futuras: foi como albiscar como serán as/os makers de dentro dunha década.
Segundo nos conta o Concello, a programación matinal estivo adicada aos profesionais do sector, mentres que pola tarde, entre as 16:00h e as 20:00 horas, as actividades e obradoiros estiveron destinados a un público familiar.
Innovames, que contou coa presenza de grandes referentes da innovación a nivel galego, nacional e internacional, completouse cunha exposición de proxectos do evento Maker Faire Galicia 2017 e cunha demostración de experimentos científicos. O alcalde José Miñones foi o encargado de inaugurar a cita, mentres que a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, clausurou a xornada da mañá.
O obxectivo foi achegar as últimas tendencias do mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo” e abranguendo conferencias e mesas de debates centradas na tecnoloxía, na innovación, no audiovisual e na utilización de novos materiais.
O rexedor, na xeira de mañá, salientou moi positivamente o feito de que Ames acubillase un evento destas características, por dous motivos fundamentais: “Por unha banda, porque son profesor da USC no eido da nanotecnoloxía e antes de ser profesor era investigador nesta mesma universidade; e segundo motivo é que a través deste evento temos a oportunidade de dar a coñecer as empresas do Polígono Novo Milladoiro, no que abundan compañías relacionadas coa tecnoloxía e o audiovisual”. Segundo engadiu, o complexo empresarial de Milladoiro “xa se comeza a coñecer co nome de Milladoiro Valley”, xa que cada vez son máis as empresas que elixen este parque empresarial para medrar. “Podemos dicir que proximamente instalarase en dito polígono unha importante empresa de informática con máis de 100 traballadores”, avanzou, enxalzando de seguido a importancia de innovar, porque “innovar é avanzar, avanzar e medrar e medrar é Ames”.
Sobre as 10:00 horas celebrouse un relatorio sobre as posibilidades da nanotecnoloxía nunha manchea de sectores. Sonia Pazos Álvares do INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory), foi a encargada de dar a coñecer todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. O programa matinal incorporou, así mesmo, a presenza de diferentes representantes de empresas asentadas no polígono Novo Milladoiro como é o caso de NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit, entre outras. Estas firmas ofreceron cadanseu punto de vista sobre o estado da innovación nos seus respectivos sectores.
A maiores, a xornada, como dixemos, deu acubillo a un espazo de exposicións no que se mostraron exemplos salientábeis de enxeños maker galegos, coa presenza de argalleiros creadores de proxectos de innovación de referencia. A programación matinal rematou cunha sesión de networking, que buscou a creación de sinerxías entre empresarios, empresarias e makers asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou no acto de clausura da mañá que “coa creación de Innovames”, o Concello de Ames “buscou poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital maker que atesouramos”. A edil tamén incidiu “no gran capital empresarial que ten o parque Novo Milladoiro” con “grandes empresas que traballan no desenvolvemento tecnolóxico e que se basean na innovación”. Ademais, adiantou que dende o seu departamento xa están a traballar na vindeira edición deste evento que pretenden consolidar no concello de Ames.
As actividades programadas para a tarde estiveron enfocadas para un público familiar, coa realización de diferentes actividades e obradoiros orientados ás máis cativas e cativos: demostracións de ciencia, realidade virtual, obradoiros de robótica, videoxogos, un espazo para programar aplicacións móbiles. Na mostra de enxeños da Maker Faire Galicia 2017 participaron as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S, I.E.S Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR e SPAINLABS. A programación tamén incluíu unha demostración de experimentos científicos. Despois da organización do Roteiro Maker de decembro de 2016, este é o segundo evento deste tipo organizado polo Concello de Ames.

Categorías: Ciencia

O consultor galego Rafa García, premiado por Evernote

Mér, 02/07/2018 - 12:34

O enxeñeiro de Telecomunicacións galego Rafa García, consultor de produtividade de Valor20.com, vén de acadar o primeiro premio no concurso convocado por Evernote a finais de 2017 para fornecer, entre consultores certificados nesta aplicación de toda Europa, licenzas de Evernote Business. Segundo nos conta o propio Rafa García, esta plataforma facilita o fluxo de coñecemento nas organizacións e conecta directamente cun dos lemas que o propio consultor galego persigue activamente cos seus clientes: “O coñecemento pertence á organización, non as persoas”.
Para a consecución do premio foi clave a implantación de Evernote Business na multinacional de enxeñería Gantrex. Dende A Coruña e facendo uso das novas tecnoloxías, Rafa impartiu formación a equipos deslocalizados por todo o mundo (Dubai, Alemania, EEUU, Canadá, Singapur, Bélxica…) e rematou a primeira parte do proxecto cunha sesión de traballo na sede central da compañía en Bruxelas.
O vindeiro 20 de febreiro Rafa dará unha charla na sede de ASCEGA (Asociación Profesional de Autónomos, Emprendedores e Empresarios de Galicia). sobre as virtudes da ferramenta Evernote, deseñada para “expandir a nosa memoria” e permitir ás persoas lembrar todo o que precisen no momento e lugar no que o precisen. En detalle, Evernote Business é un recurso de organización e produtividade que, entre outras cousas, permite realizar seguimento e xestión de todos os detalles que fan que os nosos proxectos tecnolóxicos avancen, achegando (entre outros) os seguintes servizos: xestión doada dos usuarios dun equipo, asistencia prioritaria e facturación sinxela de conta, continuidade de datos a medida que os equipos evolucionan, etc.

Categorías: Ciencia

O Concello de Vigo xa enviou 73.431 tarxetas Passvigo

Mér, 02/07/2018 - 11:50

Semella que a tarxeta PassVigo, o cartón moedeiro que permite o acceso a todos os servizos que ofrece a Administración local (mesmo o transporte público da cidade e contorna), estase a estender a bo ritmo entre a cidadanía da cidade galega. Segundo vén de informar o Concello, impulsor desta tarxeta que acurta a distancia entre os servizos públicos municipios e a veciñanza, 73.431 usuarios de transporte público xa contan co devandito cartón, dos que case 20.000 son pensionistas e, polo tanto, “teñen o autobús de balde”. Segundo explicou o rexedor Abel Caballero, xa se entregaron tamén preto de 47.000 tarxetas bonificadas (as antigas tarxetas verdes ordinarias).
Igualmente, fixéronse chegar 3.500 de estudantes, 3.000 universitarias e 551 de bono social. Segundo engadiu o alcalde, as tarxetas actívanse ao recargalas, excepto as de pensionistas que, “ao ser de balde, é preciso empregar cunhas claves persoais e intransferíbeis”. Este e outros trámites pódese facer, dende a páxina web específica do servizo passvigo.vigo.org.
Segundo informou recentemente Caballero, na presentación da tarxeta, “trátase dun medio de pago que, usando as máis modernas tecnoloxías, permitirá acceso a todos os servizos vinculados coa administración local”. Tamén engadiu que nun primeiro termo, o cartón vai funcionar co transporte urbano pero, progresivamente, estenderase ao resto dos servizos municipais e incluso a outros como poderían ser os taxis, interesados en formar parte desta iniciativa. Caballero salientou igualmente o factor comodidade de PassVigo, “xa que unificará nun mesmo sistema de tarxeta moedeiro varios documentos como o carné da biblioteca, o carné das instalacións deportivas, entre outros”.

Categorías: Ciencia

A comunidade do Campus de Pontevedra xunta un cento de aparellos en desuso

Mér, 02/07/2018 - 09:35

O Campus de Pontevedra segue poñéndose serio en materia de recollida de tecnoloxía desbotada, na vía de buscarlle o mellor tratamento. De feito, a sexta Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) permitiu reunir nos diferentes puntos instalados no campus preto dun cento de aparellos e equipamentos (televisores, impresoras, computadoras, monitores, cargadores, etc), aos que se suman unha morea de fíos e compoñentes. Inserida no proxecto Green Campus, a iniciativa levaba a cabo ao longo da pasada semana tiña por obxecto “concienciar á comunidade universitaria da importancia dunha xestión adecuada deste tipo de refugallos”, dado o seu carácter contaminante, así como trasladar, coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, os aparatos achegados a un xestor autorizado para o seu tratamento.
Segundo Celso Cancela, director da Área de Planificación, “os resultados son positivos, o que observamos é que é unha iniciativa que vai enraizando cada vez máis entre a comunidade universitaria e que se vai consolidando”. Cancela tamén salientou que a participación, “aínda que con variacións”, abrangueu os oito puntos de recollida instalados, nas cinco facultades e escola do campus, na Casa das Campás, no Pavillón Universitario e na Escola Infantil. Nese senso, aínda que se tratará de “reforzar” a súa difusión naqueles puntos nos se que rexistrou unha menor participación, Cancela incide no positivo de que “os membros da comunidade universitaria xa tiveran na súa axenda” esta actividade que, ao abeiro do proxecto Green Campus, se desenvolve por terceiro ano no campus e que a finais do presente curso celebrará a súa sétima edición.

Categorías: Ciencia

O operador Adamo quere achegar fibra en 38 concellos de Lugo

Mar, 02/06/2018 - 23:35

Representantes de Adamo Telecom, operador sueco de telecomunicacións en activo dende 2004, reuníronse hoxe coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, para explicarlle polo miúdo a súa axenda de actuacións para a nosa terra, máis polo miúdo o seu plan de despregue de fibra óptica en 38 concellos da provincia de Lugo, unha actuación que se vai desenvolver de maneira paulatina durante os vindeiros tres anos. Como lembraremos, centra boa parte da súa actividade en fornecer fibra óptica FTTH (Fiber To The Home), telefonía fixa e telefonía móbil.
Adamo opera en España con rede de seu e a través de redes neutras en algunhas áreas xeográficas, por exemplo a través da rede Asturcon, que lle valeu para subministrar servizo ás zonas da conca mineira de Asturias. Pasa por ser a primeira compañía do sector que ofreceu 100 Mbps. Dende 2007 conta con matriz española, que se separou da compañía sueca en 2010 converténdose en Adamo Telecom Iberia S. A.
Volvendo á xuntanza con Mar Pereira, esta fíxolles saber que a Administración autonómica valora positivamente o interese dos operadores privados en investir en Galicia, “especialmente nas zonas menos rendíbeis” para as empresas do sector, por ser illadas, orograficamente complexas ou por atesourar menos poboación potencialmente usuaria cás cidades.

Categorías: Ciencia

O mes que vén celebrarase en Lugo o segundo TEDxRúaSanFroilán

Mar, 02/06/2018 - 22:30

A despedida do TEDxGalicia o pasado mes de decembro non supón a desaparición dos eventos independentes TED en Galicia, senón que o vindeiro 10 de marzo no auditorio do centro cultural O Vello Cárcere de Lugo terá lugar a segunda edición de TEDxRúaSanFroilán.
Este encontro que xirará ao redor das intelixencias contará con 9 relatores que achegarán os seus puntos de vista dende ámbitos tan diversos como a ciberseguridade, a educación, o deporto ou a comunicación. Temos así que destacar a partición de Roberto Anta, especialista en ciberseguridade; de Mar Castro, comunicadora especialista en NETiqueta, oratoria emocional e protocolo; e Daniel Sánchez, físico especializado na transformación das empresas en entidades eficientes.
Os interesados en asistir a este encontro deberán aboar 12 euros cos que sufragarase a organización do evento, e dado que só poñen a disposición do público 80 billetes, espérase que en poucos días xa non estean dispoñibles.
O evento que terá lugar entre as 10:00 e as 14:30 horas conta co patrocinio e a colaboración do Concello de Lugo, Abanca, DNG Photo Magacine, Carmen Porteiro e a Fundación TIC, resultando un tanto rechamante que a comunicación en liña a realicen unicamente en español.

Relatorio de Jorge Coira impartido na edición do ano pasado de TEDxRúaSanFroilán

Categorías: Ciencia

Páxinas