códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 3 horas 9 seg

O número de usuarios de Facebook en España podería ter iniciado o seu declive

Mar, 02/06/2018 - 22:30

The Social Media Family constatou o ano pasado no seu III Estudo sobre os usuarios de Facebook, Twitter e Instagram en España que Instagram xa tiña máis do dobre de usuarios de Twitter en España, e agora que presenta a cuarta edición do estudo, non só podemos ver como a distancia entre Instagram e Twitter agrándase, senón tamén como por primeira vez Facebook rexistra unha lixeira caída de usuarios.
Este traballo de investigación cifra o número de usuarios en España de Facebook en 23 millóns, plataforma seguida por Instagram con 13 millóns de usuarios e Twitter con 4,9 millóns, á vez que apuntan que o descenso de Facebook podería non ser só consecuencia da perda de usuarios reais, senón tamén á purga de usuarios falsos.
O estudo centrado nas 50 cidades españolas máis poboadas detectan que o 52% dos usuarios de Facebook teñen entre 18 e 39 anos, mentres que o 42% está na franxa de entre os 40 e os 64 anos, mentres que no caso de Instagram a porcentaxe de usuarios menores de 39 anos sería do 65%, confirmándose como a plataforma dos millennials, á vez que tamén destaca por estar conformada por un 55% de usuarios femininos.
No que se refire a Twitter, aínda que o número de usuarios medra ano tras ano, no que se refire a actividade a cousa non é así, e leva un par de anos caendo, cunha baixada do 6,67% durante 2016 e un 22,86% de caída durante o último ano, o que fai que a saúde desta plataforma non pareza nada boa.

Categorías: Ciencia

Os Premios TIC Galicia recoñeceron tecnoloxías a prol do noso medio

Mar, 02/06/2018 - 22:00
Gustavo Gómez, socio director de Bahía Software, recollendo o galardón

A semana pasada tivemos chuvia de recoñecementos ao traballo tecnolóxico ben feito, os Premios TIC Galicia entregados na Coruña polo Clúster TIC e a LaconNetwork, e unha das cousas que quedaron claras foi o alto nivel acadado pola nosa innovación dixital. Entre as iniciativas distinguidas atopábase unha achega da que xa temos falado en Código Cero, salientando as súas posibilidades para un país de bosques coma noso, o proxecto uForest, desenvolvido pola empresa Bahía Software coa colaboración do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.
O proxecto, que recibiu o premio Innovación I+D+i, ten como obxectivo a creación dunha plataforma tecnolóxica que permita a captura, procesado e sincronización de datos forestais e de vexetación para o seu visualizado e análise en procesos de toma de decisión cara ao sustentábel, o intelixente e o rendíbel. Do que se trata, de feito, é de xerar e acubillar información, nunha única plataforma, para facer cos bosques o mesmo seguimento racional e eficiente que se aplicaría nunha Smart City. Así, se nas Cidades Intelixentes téntase protexer a calidade de vida dos habitantes por enriba de calquera outra consideración, nos bosques xestionados con uForest tentaríase protexer o bosque e os seus ecosistemas. Para isto, a iniciativa tira proveito de drons e software específico, dando lugar a unha tecnoloxía innovadora que integra todo o que poidamos precisar para tomar as mellores decisións no relativo ao forestal. A metodoloxía de traballo que achega uForest implica a mobilización de vehículos áreos non tripulados (UAV ou drons), que son os encargados de capturar información xeorreferenciada sobre masas arbóreas, a súa visualización e a súa análise.
O socio director de Bahía Software, Gustavo Gómez, foi o encargado de recoller o galardón, na gala celebrada en PALEXCO.

Categorías: Ciencia

A defensa do noso bosque autóctono xa ten web de seu e vídeo divulgativo

Mar, 02/06/2018 - 22:00

O noso bosque autóctono, tan en risco por múltiples razóns pero principalmente polos intereses postos na proliferación do eucalipto, xa ten unha nova web para valelo. Trátase da páxina ilpbosques.ga, posta en marcha polos impulsores da mobilización social en defensa do bosque galego e en contra dos lumes forestais que asolan todos os anos os nosos montes. Detrás desta mobilización atópanse os colectivos Cousa de Raíces e a Alianza por un Rural Galego Vigo, que son as entidades promotoras da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na Defensa do Bosque Autóctono.
A nova web, creada especificamente para impulsar e acubillar esta ILP do Bosque ante o público en xeral, compleméntase cun vídeo de dous minutos no que se resumen os principais contidos da dita iniciativa, os obxectivos e os porqués de facermos fronte común arredor dela.
A finalidade, segundo explican as dúas entidades, é que este material se distribúa polas redes sociais, páxinas web e a través dos dispositivos móbiles da comunidade galega de internautas.
Entre os contidos da nova web figuran o texto completo da proposta lexislativa, os lugares onde asinar ou os próximos eventos relacionados coa ILP. Desde esta web tamén se poderán descargar os cartaces modelo por parte daquelas persoas ou entidades que estean a colaborar na difusión da iniciativa. Ao mesmo tempo, tamén se fornece ao usuario/a dun formulario desde o que poderá solicitar o envío de pregos para a recollida de sinaturas de apoio á ILP.

Categorías: Ciencia

O quinto Carballo Interplay porá o foco en xuntar directoras de webseries con plataformas compradoras

Mar, 02/06/2018 - 18:30

O quinto Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará do 4 ao 7 de abril de 2018, vén con novidades. Trátase da a inclusión estrea dunha xornada profesional específica, que busca incrementar as pontes entre webseries e plataformas e que responde a un dos obxectivos principais do certame: evolucionar e abrir diálogos permanentes cos novos xeitos e linguaxes de entender a cultura audiovisual na Rede. Máis en detalle, consistirá na organización de actividades e de espazos particularmente concibidos para conectar aos artistas coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación interesados en “fichar” contidos dixitais de creación propia. Lembrar, a maiores, que esta edición do Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. Xa podemos participar até o 18 de febreiro a través de carballointerplay.com.
Xa confirmaron a súa presenza neste recanto profesional (o Día PRO do Interplay, o 5 de abril) marcas tan significativas como Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), Playz (RTVE Digital), CRTVG ou Playground, entre outras. Tamén virán a Carballo representantes das principais asociacións do sector en Galicia (como o Cluster do Audiovisual, AGAG ou CREA) e directores e directoras e programadores e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais, co “obxectivo de definir unha terminoloxía común para este tipo de producións”, explica a organización do certame, engadindo que tamén se habilitará un espazo de encontro que fomente o contacto, a través de citas profesionais, entre os creadores e creadoras de series dixitais e as plataformas e produtoras asistentes.
Derradeiros días para presentar propostas á sección oficial
As organizadoras do evento lembran tamén que, quen desexe presentar as súas webseries ou proxectos de webserie á sección oficial e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o festival, teñen que inscribirse antes do 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com. As creacións participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.
Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais deste ámbito e do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría.
A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego.

Categorías: Ciencia

Vitae bríndanos unha nova oportunidade para tirarmos o máximo proveito dunha ferramenta de proveito: Angular 5

Mar, 02/06/2018 - 16:30

A creación informática é un camiño de inventiva: non só creamos os programas que desexamos crear, senón que temos que probar, cada pouco, a facelas mellor, máis eficaz e rapidamente, con menor esforzo e, ao mesmo tempo, en mellor sintonía cos clientes e destinatarios últimos dos nosos proxectos. Co fin de achandar o camiño que pisamos, Vitae Consultores vai organizar os vindeiros días na Coruña (Hotel Attica 21) a sexta edición do Curso Angular 5 con TypeScript e Observables, un obradoiro de 20 horas previsto para os días 2, 3, 9 e 10 de marzo. O obradoiro, como o seu nome indica, está concibido para que lle saquemos o máximo rendemento a Angular 5, que, segundo Vitae, é o esquema de traballo de aplicacións JavaScript máis estendido e reputado do mundo.
Como valor engadido, a versión 5 do esquema de traballo brilla con luz propia: é o produto dunha reprogramación integral, dando como resultado un innovador framework que é, tamén, “unha plataforma de desenvolvemento de calidade empresarial e capacidade de evolución sen precedentes”, informa a consultora galega.
Entre as características e principais vantaxes de Angular 5 atópanse as seguintes: promove o emprego de TypeScript como linguaxe de partida, ten vocación de saír do navegador (conquistando servidores, escritores e teléfonos móbiles) e acompáñase de ferramentas de desenvolvemento, probas e guías de programación. Ademais, ten ao seu arredor, velando pola súa calidade, evolución e dispoñibilidade, un ecosistema-comunidade internacional a gran escala.
Segundo nos conta Vitae, os obxectivos do curso pasan por axudarnos a actualizar os nosos coñecementos para “estar á altura deste novo reto”, amais de ensinarnos os fundamentos e achegarnos as claves “para comezar a crear as aplicacións web do futuro”. Nun plano máis detallado, coñeceremos as mellores estratexias de migración ou convivencia con versións 1.x para optimizar o esforzo e o rendemento das aplicacións migradas ou híbridas, facendo fincapé en cal sería a mellor opción a elixir, mudar ou convivir segundo o escenario de partida.
En termos aínda máis concretos, desenvolveremos aplicacións multiplataforma con Angular 5, empregaremos TypeScript, dominaremos o novo renderizador deseñado para o máximo rendemento ou coñeceremos a arquitectura de grandes aplicacións baseada en módulos que agrupan compoñentes e inxección de servizos.
O curso está especialmente dirixido a programadores de aplicacións web e programadores de backend, aplicacións móbiles ou deseñadores web. Segundo lembra Vitae, é necesario que os participantes atesouren un coñecemento básico de JavaScript e HTML.
O obradoiro terá unha duración de 20 horas e presentará un enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

Categorías: Ciencia

O CPEIG colabora no Congreso Cidades Intelixentes

Mar, 02/06/2018 - 16:29

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai colaborar no comité técnico da nova edición, a quinta, do Congreso Cidades Intelixentes, que organiza a entidade SESIAD (Secretaría Estado para Sociedade Información e Axenda Dixital) os vindeiros 30 e 31 de maio en Madrid. O evento, segundo informa a entidade galega, xa ten aberto o prazo (até o 20 de marzo) para presentarmos propostas de comunicación e proxectos de Smart Cities, co gallo de mostrarmos o noso gran de area ao proceso de transformación tecnolóxica que está a atinxir as nosas urbes (que estarán máis e mellor conectadas e xestionadas, serán máis transparentes e participativas, máis sustentábeis, rendíbeis e eficientes e, sobre todo, tirarán máis proveito das achegas directas dos cidadáns e da súa implicación na vida pública).
Segundo engade o CPEIG, o programa desta nova edición do congreso incorporará unha Conferencia Maxistral impartida por SESIAD e centrada en avances e novidades sobre Cidades e Territorios Intelixentes en España. Complementarase con catro mesas redondas de alto nivel sobre cuestións clave, con 10 relatorios de comunicacións orais e coa presentación de 8 proxectos de Smart Cities xa culminados ou en fase de proxecto con aprobación de orzamentos.
As propostas e proxectos presentados deberán abranguer algunha das seguintes temáticas: goberno, participación cidadá e innovación social; accesibilidade e mobilidade urbana; cambio climático, eficiencia enerxética e enerxías renovábeis; medio ambiente urbano e habitabilidade; tecnoloxías Big Data, Intelixencia Artificial, Internet das Cousas, analítica e prospectiva; transformación dixital e servizos públicos 4.0; seguridade e servizos ás persoas; destinos turísticos intelixentes; territorios rurais intelixentes e illas intelixentes; e modelos de negocio, economía e financiamento.

Categorías: Ciencia

O Plan de teleformación en lingua galega da Xunta estreará este ano o curso do Celga 4

Mar, 02/06/2018 - 14:05

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do 25 de xaneiro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter, con carácter voluntario e gratuíto, os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (ED104B), o que supón a estrea este ano do curso preparatorio das probas de acreditación do Celga no seu nivel 4, o máis alto que se pode obter por medio desta vía.
A convocatoria, que xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega, ofrece un total de 35 cursos, dos cales se impartirán 25 baixo a modalidade presencial (en 18 localidades galegas) e 10 baixo a modalidade en liña (3 do Celga 1 e 7 do Celga 4, destinados tanto a persoas con residencia en Galicia coma no exterior). O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde mañá día 7 ata o 26 do presente mes. No caso dos 10 cursos de teleformación a inscrición debe facerse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no que tamén estarán á disposición da cidadanía os formularios de solicitude dos cursos presenciais.
As localidades de realización destes últimos, susceptibles de modificacións en función da demanda efectiva, serán A Coruña, A Estrada, Betanzos, Carballo, Culleredo, Ferrol, Lugo, Marín, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sarria, Vigo e Vilagarcía de Arousa. As datas de desenvolvemento serán, simultaneamente, do 3 de abril ao 23/24 de maio.
O novo curso preparatorio do Celga 4 súmase ao xa existente do Celga 1, mentres que a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa xa no deseño dos dous cursos preparatorios dos niveis 2 e 3 en liña, que completarán a oferta de teleformación destinada a que as persoas maiores de 16 anos, que así o queiran ou necesiten, melloren as súas competencias lingüísticas en galego botando man das tecnoloxías da comunicación e do coñecemento, con independencia do lugar de residencia e flexibilidade horaria no seu seguimento. O departamento dirixido por Valentín García convocará no mes de marzo as probas de acreditación do Celga nos seus catro niveis, cuxa realización se prevé para os días 26 e 27 de maio e 2 e 3 de xuño.

Categorías: Ciencia

Continúa a caída en vendas de tabletas

Mar, 02/06/2018 - 13:53

Os últimos datos sobre o mercado de ordenadores portátiles 2-en-1 recollidos por IDC recollen o que parece ser un crecemento interanual do 10,3% para o último trimestre do ano, aínda que se collemos os datos do ano completo o crecemento sería de só o 1,6%, mentres que durante 2016 o crecemento fora do 24%, deixando así constancia dunha deceleración neste segmento de produtos que, pese a todo, está a procurar compensar a decadencia das tabletas puras.
Se analizamos o comportamento das tabletas tradicionais temos que aínda manteñen un bo volume de vendas (43,1 millóns no último trimestre de 2017 e 141,7 millóns durante todo o ano) pero o seu uso xa non é a produtividade, senón que quedan relegadas ao consumo multimedia, chegando a experimentar unha caída de vendas do 7,6%.
O principal fabricante de tabletas a nivel mundial continúa a ser Apple, que mantén unhas sólidas vendas, cunha previsión de crecemento no iPad Pro, produto que si pode ter usos profesionais e educativos. Por outra banda Amazon consegue un segundo posto grazas aos seus produtos de baixo custo (en moitos casos subvencionados para favorecer o ecosistema de contidos da compañía) superando a Samsung (que pola contra está ben posicionada tanto en tabletas básicas como en convertibles). Huawei e Lenovo serían os seguintes fabricantes en vendas, mentres que o resto de fabricantes no seu conxunto experimentan unha grande caída en vendas (do 27,7%).
En termos xerais (contabilizando tabletas e portátiles 2-en-1) rexistrouse unha caída de vendas do 7,9%, aínda que o sector podería recuperarse lixeiramente ao longo de 2018, xa que prevese o lanzamento de distintos equipos con Windows 10 e procesadores ARM que poderían reavivar o mercado ao ofrecer novas posibilidades (conectividade móbil, grande autonomía e un peso e un tamaño contidos).

Categorías: Ciencia

Kodi poderá controlarse por voz en Android TV

Mar, 02/06/2018 - 13:04

Aínda que a aplicación Kodi ten sona de empregarse para ver contidos audiovisuais sen pasar por caixa, estamos ante un completo xestor e reprodutor de contidos multimedia que cada vez ofrece máis posibilidades, e no caso de Android TV está a preparar unha interesante novidade que xa está presente na súa versión alpha alcumada Leia: o soporte de Google Assistant.
Isto quere dicir que a vindeira edición oficial estable de Kodi 18 integrará ao asistente de Google, de xeito que poderemos realizar buscas por voz nos contidos que xestionemos coa aplicación, facilitando así o seu consumo. Poderemos así dicir OK Google e logo dicirlle a Kodi o que queremos ver para que se reproduza automaticamente, e incluso aproveitarase o asistente de Google para realizar recomendacións de programas de televisión e películas da nosa colección.

Categorías: Ciencia

Un tribunal francés sorprende ao considerar sancionable parar o automóbil para falar por teléfono

Mar, 02/06/2018 - 12:28

Aínda que o Código de Circulación francés recolle que está prohibido o uso do teléfono móbil nas mans por parte dun condutor dun vehículo en circulación, o que supón unha multa de 135 euros e a perda de 3 puntos no carné de conducir, o Tribunal de Casación sorprende ao determinar que non é dabondo con deter e apagar o motor para poder chamar co dispositivo móbil na man, senón que é preciso estacionar o vehículo, recolléndose só unha excepción: unha avaría do automóbil.
Temos así que os tribunais franceses queren ser moi rigorosos no que a seguridade viaria se refire, e consideran que non hai que confundir a circulación co movemento, de xeito que deter o vehículo na vía pública para falar por teléfono sería unha infracción, aínda que polo momento tal sanción limítase a un caso illado.

Categorías: Ciencia

A nosa TDT autonómica queda sen presenza de medios privados

Mar, 02/06/2018 - 11:54

O panorama audiovisual galego confirma os malos presaxios que apuntaban ás dificultades para emprender iniciativas privadas de éxito na TDT, e así, ao igual que a canle autonómica Popular TV pechou en 2013, o ano 2018 iniciou co cesamento de emisións de V Televisión, sen ningún tipo de comunicado por parte da empresa propietaria da canle autonómica, o Grupo Voz, deixando en solitario á CRTVG para atender a demanda de contidos televisivos de proximidade.
Cómpre salientar que entre televisión locais e autonómicas apenas chegaban ao 1% da audiencia, o que xunto ao reducido tamaño do sector publicitario galego provocaba uns ingresos incapaces de soster negocios neste sector tan competitivo que non só compite coas emisións a través das ondas hertzianas, senón que cada vez ten na Internet un rival máis complicado de superar, xa que o consumo de vídeo baixo demanda muda hábitos dun xeito profundo, facilitando a visualización en distintos dispositivos e lugar, e liberando ao espectador das grellas televisivas.
No caso de V Televisión o cesamento de emisións foi extraordinariamente opaco, culminando unha desintegración que iniciaba a finais de 2016, cando rematou o programa insignia da cadea, Vía V, espazo de debate conducido por Fernanda Tabarés, que acadara un éxito notable, pero que non era dabondo para soster toda unha cadea. A mediados do ano pasado V Televisión erradicou a súa presenza na Rede, con medidas impropias de medios de comunicación, como a eliminación da súa conta de Twitter (o que supón un borrado de contidos que como mínimo sería irresponsable) ou a transformación da páxina de Facebook de V Televisión pola de Galicia en Concellos (o que poderiamos describir como un secuestro de subscritores). En contraste, o espazo Más que contar, presentado por Gladys Vázquez, mantense de luns a venres na canle de YouTube de V Televisión.
Tras o peche de V Televisión queda un grande baleiro no múltiplex autonómico da TDT (unha grande oportunidade para que a TVG inicie emisións en alta definición?) e no panorama televisivo galego, xa que agora só quedan na nosa comunidade unhas poucas canles de TDT locais (RTV Eume, Ferrol TV, 7 Canal Rías Baixas, Correo TV, Telelugo, Telemiño, Localia Auria TV, Localia Televigo, Nós TV e TeleVinte) que na meirande parte dos casos teñen poucos contidos de produción propia e emisións moi irregulares e con cobertura reducida.

Categorías: Ciencia

A Fundación Araguaney mostra como cambiaron coa era dixital os nosos xeitos de consumir cinema

Lun, 02/05/2018 - 22:54

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, con sede en Santiago, celebrou esta tarde un foro para botar luz sobre como cambiamos agora que xa non somos espectadores analóxicos, definitivamente, e o dixital instalouse non só nos produtos que vemos, senón nos xeitos nos que accedemos a eles. O foro Pasado, presente e futuro da televisión en España. A ficción emerxente celebrouse no hotel Eurostars Araguaney, contando con máis de 150 asistentes e servindo, en palabras da organización, para pór o foco na evolución da ficción española no últimos vinte anos e o nacemento das plataformas de televisión por Internet.
Participaron tres directores actuais de gran proxección: Carlos Sedes (As mozas do cable de Netflix), Jorge Sánchez-Cabezudo (A zona de Movistar+), e Alberto Rodríguez (A peste de Movistar+, La isla mínima), moderados polo director de Antena de laSexta Mario López.
Alberto Rodríguez, explicou que, aínda que actualmente o audiovisual en España atravesa un intre de esplendor, houbo outras boas épocas para a ficción no país. Na súa opinión, “somos moi desmemoriados, xa nos anos 80 emitíronse unhas series en TVE con calidade impresionante. Agora estamos nun momento dun investimento moi importante e o desembarco doutro tipo de series, sobre todo coa aposta potente que está a facer Movistar”, manifestou, louvando o papel en España despregado pola operadora, moi envorcada en promover contidos dixitais de calidade.
Segundo o director de La isla mínima, este auxe débese a que “na actualidade os profesionais do sector están moi preparados e cualificados”. Ademais, fixo fincapé nunha certeza que está alén de toda dúbida (o xurdimento dunha nova forma de consumo de TV, sen ataduras de horario nin de ningún tipo grazas aos contidos á carta e aos novos dispositivos tecnolóxicos conectados) e en como podería ser o bosquexo da televisión do futuro: unha televisión na que, fóra das novas, todo practicamente se consuma a demanda, achegando unha redefinición total da nosa forma de consumir produtos audiovisuais. “Debemos apostar por produtos de produción propia e contar nosas propias historias”, salientou.

Categorías: Ciencia

O móbil é o motor da socidade dixital española

Lun, 02/05/2018 - 21:22
De esquerda a dereita, o director xeral de ESL España, Manuel Moreno; o director de Kolokium Blockchain Technologies José Juan Moura; o presidente de Fundación Telefónica, César Alierta; o secretario de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, José María Lassalle Ruiz; o director xeral de Fundación Telefónica José María Sanz- Magallón e o director do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial (CSIC), Ramón Lopez de Mántaras.

Esta mañá presentouse o Informe da Sociedade Dixital en España 2017, sdiE[17, elaborado pola Fundación Telefónica, e que reflicte a aposta cada vez maior pola tecnoloxía a nivel social, nun proceso no que a intelixencia artificial e a Internet das Cousas xogan cada vez un rol máis importante (no que dan en chamar Sociedade Cognitiva). O informe sostén que España ten unha sociedade dixital grazas principalmente á banda larga móbil, destacando tamén que España mantén a súa posición líder no despregamento de redes de fibra óptica até o fogar, con máis clientes de FTTH que os mercados de Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia xuntos.
No que se refire á cobertura móbil, o informe asegura que as conexións de 3,5G chegan practicamente á totalidade dos fogares, mentres que a cobertura 4G chegaría o 94% dos mesmos.
Entre os detalles máis salientables do informe asegúrase que en 2018 o 50% dos mozos españois son mobile first, ou sexa, que entre o 90 e o 100% do seu tempo en rede é a través do móbil. De feito, o 86% posúe un smartphone e úsao como dispositivo de referencia para a mensaxería instantánea, acceder a redes sociais, consumir música e ver vídeos en streaming.

Retrato da sociedade dixital española
A presentación completouse cunha mesa redonda onde se analizaron varios aspectos desta transformación dixital e os retos futuros da nosa sociedade que contou co director xeral de ESL España, Manuel Moreno; o director de Kolokium Blockchain Technologies, José Juan Moura; e o director do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial (CSIC), Ramón Lopez de Mántaras.

Dos 24 millóns de españois de entre 16 e 74 anos que se conectan a diario á Internet (o 64% do total) temos unha clara diferenciación en función da idade, de xeito que o 98% dos mozos conéctanse á Rede a diario, mentres que en adultos de entre 65 e 74 anos falamos dun 43,7%. Precisamente entre estes últimos o uso da Internet medrou un 26% en 2017.
Outro detalle a destacar é o pulo da economía colaborativa, cun 21,4% dos internautas empregando páxinas web ou aplicacións para acordar un aloxamento e un 8,9% para concertar o transporte con outro particular.

Algúns datos salientables

No informe da Fundación Telefónica tamén vemos como o ordenador perde usuarios, manténdose como o dispositivo máis utilizado só para usos profesionais (76,3%), mentres que para o lecer medra o uso de tabletas (36,6%).
A televisión por Internet (27,5%) tamén sube lixeiramente, como o uso da banca móbil (56,7%) e o comercio electrónico (51,6%). Na mensaxería instantánea o 30,8% envía mensaxes de voz (un 36% se nos referimos a mulleres e un 25,3% no caso dos homes), mentres que o envío de imaxes ou vídeos e o máis habitual (35,7%).

Categorías: Ciencia

A expulsión de Telegram da App Store foi por mor da distribución de pornografía infantil

Lun, 02/05/2018 - 20:25

O lanzamento do proxecto Telegram X foi eclipsado pola desaparición de Telegram Messenger e Telegram X da App Store por distribuír contidos ilegais, situación que dende Apple clarexando ao asegurar que «as aplicacións de Telegram foron retiradas da App Store porque o equipo da App Store foi avisado de contido ilegal, especificamente pornografía infantil, nas aplicacións. Tras verificar a existencia do contido legal o equipo retirou as aplicacións da tenda, avisou ao desenvolvedor e notificou ás autoridades pertinentes, incluíndo o Centro Nacional para Nenos Explotados e Desaparecidos (NCMEC)».
O equipo da App Store traballou cos desenvolvedores de Telegram para retirar o contido ilegal das aplicacións e vetar aos usuarios que o publicaron. Permitiron o retorno das aplicacións á App Store tras comprobar que agora incluían máis medidas de control para actuar contra este tipo de actividade ilegal.
Dende Apple insisten en que nunca permitirán contido ilegal a través das aplicacións da App Store, tendo tolerancia cero cando as actividades poñen a cativos en perigo, sendo a pornografía infantil a peor de todas elas.

Categorías: Ciencia

O programa HANA planta nos nosos colexios a semente das vindeiras carreiras aeroespaciais

Lun, 02/05/2018 - 18:30

Entre as cousas presentadas na pasada edición (a oitava) do evento Laconnetwork, na Coruña, brillaron con luz propia iniciativas como o Programa Especial Hamsternauta (HANA), un proxecto que permite aos centros de educación secundaria converter ao seu alumnado en novos enxeñeiros aeroespaciais, fornecendo aos estudantes de recursos para enviar fóra da Terra un dummy-hámster coa axuda dunha sonda e un globo meteorolóxico. O certame, que tamén é un concurso (trátase de ver que equipo acada a misión máis completa), vén da man das startups da Asociación Galega de Innovadores en TICs, entre as que se contan Fitting Pup, Lupeon, IPglobal, APDTIC, Confirmsign, Mememtum, Taniwa, Filament2print, Tuco Systems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin. Tamén participa (patrocinando) a rede de academias Tokio School. Na presentación celebrada o 2 de febreiro na oitava Laconnetwork concorreron tamén estudantes do CEIP de Laredo, que será o centro piloto do certame.
O obxectivo desta iniciativa é “promover desde idades temperás o talento humano en áreas necesarias para a xeración de coñecemento, como son as novas tecnoloxías e a investigación científica. En palabras de Claudio Freijeiro, responsábel de formación de Tokio School, “é unha oportunidade moi boa para que os nenos traballen nun ámbito que até hai poucos anos estaba reservado para uns privilexiados e que non se inclúe nos programas formativos tradicionais”.
Na presentación fixo de mestre de cerimonias Frankie Gómez, co-impulsor de HANA, quen sinalou que o proxecto “xorde cun carácter transxeracional para que nuns anos os alumnos que comecen con esta experiencia poidan asesorar e tutelar a outros nenos e que estes xoguen a superar os retos das misións anteriores”. A fórmula da que se bota man, sinalaron, é unha fórmula “dinámica, divertida e aplicada á realidade”, procurando en todo intre que o alumnado coñeza a pegada e as oportunidades que presenta a tecnoloxía aeroespacial e dixital actual. Ou sexa, as oportunidades que subministran eidos como a información a gran escala (Big Data), a intelixencia artificial, a robótica ou a programación.
O proxecto, explicaron, tamén quere ser un reclamo co que apreixar a curiosidade científica da rapazada. “A investigación científica e as novas tecnoloxías avanzan a pasos axigantados”, apunta Andrea Magán, directora de Proxectos en Tokio School, “e é preciso que os nenos sexan conscientes, porque deles dependerá o futuro”.

O CEIP Laredo, centro piloto

Na presentación de HANA tamén puidemos saber que o CEIP de Laredo (Chapela, Redondela) foi seleccionado como centro piloto para levar á practica o devandito proxecto educativo e aeroespacial. Na cita da Coruña participou o alumnado de quinto e sexto do centro pontevedrés, na gala de presentación oficial celebrada en PALEXCO e na compaña do impulsor do certame, Frankie Gómez. O CEIP valorou moi positivamente as posibilidades de desenvolvemento científico e tecnolóxico que se abren coa iniciativa: “Teremos á nosa disposición recursos e materiais para poder montar a nosa sonda espacial cun globo aeroestático totalmente equipado así como a posibilidade de poder lanzalo lonxe...moi lonxe nun campus científico; ao que cómpre engadir a participación en exercicios de gravidade, aceleración, impacto, temperatura, etc”.

Como lograr a mellor misión?

A clave para acadar a misión máis completa e as mellores valoracións do xurado ao abeiro de HANA reside nas seguintes tarefas: ensamblaxe de compoñentes informáticos con programacións sinxelas, adestramento do Hamster, cálculos de gases, aceleracións, deceleracións, xeolocalización e “unha longa listaxe de posíbeis investigacións tan reais como as que até hai moi pouco só eran posíbeis para as axencias espaciais”.
Como dixemos, os instrumentos básicos a empregar son un globo meteorolóxico e unha sonda desenvolvida polos propios escolares. A súa misión consistirá en recuperala e manter con “vida” o seu boneco-hámster, polo que terán que avaliar ao detalle cada fase do proxecto.
A xeito de respaldo tecnolóxico, achegando a súa bagaxe, as empresas da dita asociación (asiduas dende hai oito anos ao evento Laconnnetwork, estreitando ligazóns e xerando colaboracións) subministrarán dende diferentes áreas de actividade os elementos técnicos, os coñecementos en programación e as sinerxías precisas para que este proxecto colectivo se converta en éxito.
Entre estas firmas innovadoras atópanse como dixemos Fitting Pup, adicada a facer seguimento da saúde das mascotas (será a encargada de prover o dummy e a sonorización do hámster); Lupeon ou IPglobal, que interveñen fornecendo de compoñentes de impresión 3D ou aditiva, así como compoñentes tecnolóxicos de última xeración, entre os que se contan sensores, placas e sistemas de alimentación para que os enxeños soporten os menos de setenta graos que pode acadar a sonda a 30.000 pés de altura (unha altura dúas veces máis grande cá aquela na que adoitan voar os avións). Tamén contribuirán ao proxecto APDTIC, Confirmsign, Mememtum, Taniwa, Filament2print, Tuco Systems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin.
Para elixir o proxecto gañador, teranse en conta aspectos como o investimento en compoñentes, o número de participantes por grupo, cantos mozos e mozas concorren no grupo, os experimentos e cálculos realizados antes da misión, o grao de colaboración con outros equipos, se é a súa primeira sonda ou é un reincidente, etc. “En resumo”, lembraron dende a organización, “trátase dunha verdadeira carreira espacial divertida para nenos, pero coma nos anos sesenta”.
Como parte do proxecto está previsto realizar un campamento científico a finais de curso cos colexios que finalicen as sondas onde expertos de diferentes áreas darán o visto e prace definitivo aos lanzamentos. Aqueles que consigan un maior éxito da misión, poderían gozar dunha viaxe ás instalacións da NASA ou a unha das axencias espaciais da nosa contorna.

Categorías: Ciencia

Pontevedra e Cambados acubillan en febreiro unha ducia de obradoiros ao abeiro de SmartPEME

Lun, 02/05/2018 - 16:53

A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra ten deparado un amplo programa de actividades TIC para autónomos, empresarios e empresas da provincia este mes de febreiro. Segundo informamos os días pasados as oficinas da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante este mes de febreiro dezaoito novos obradoiros. A estas actividades cómpre engadir a ducia de xeiras formativas que se van desenvolver na sede da Deputación en Pontevedra (seis) e no Centro Exposalnés de Cambados (outros seis). Como lembraremos, SmartPEME é a rede tecnolóxico-dixital de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e, a partir de datas vindeiras, todo apunta a que tamén na Estrada.
O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, acollerá seis novos obradoiros. SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas locais as seguintes accións formativas: o martes 6 de febreiro Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope..., e o xoves día 8, A túa páxina web en menos de 90 minutos. A terceira quenda celebrarase unha semana despois, o xoves día 15, con Google Analytics: Iniciación á analítica Web. Tras ela, a seguinte será o luns 19 de febreiro, co curso Grava e monta vídeos profesionais co teu <, por exemplo,em>smartphone" Para rematar a actividade deste mes de febreiro, o mércores 21 terá lugar o curso Crea os teus propios informes: Google Data Studio e o martes 27, Aprende a promover a túa empresa con Pinterest. A oficina SmartPEME de Pontevedra, na sede Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Polo que respecta ás actividades previstas para Cambados, serán seis obradoiros no mes de febreiro. A actividade arranca esta sexta feira, 5 de febreiro, co obradoiro Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO. O seguinte, Woocommerce I–A solución para vender por internet, celebrarase o xoves 8 de febreiro. O terceiro obradoiro do mes nas oficinas de Cambados será Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas, o martes 13 de febreiro. Pola súa banda, o luns 19 de febreiro impartirase Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo. As dúas últimas citas do mes serán Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope..., o mércores 21 de febreiro, e Mellora a calidade das túas imaxes con editores online, o mércores 28 de febreiro. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal. Todas as actividades comezan ás 19 horas.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

Os nosos centros tecnolóxicos disporán de novas axudas para optimizar equipamentos e capacidade de transferencia

Lun, 02/05/2018 - 15:30
Fachada do CiTIUS, no Campus Sur de Santiago

Estes días fíxose pública a nova liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de innovación galegos, entre os que se conta algún dos nosos principais fornecedores de iniciativas, transferencia e coñecemento TIC, por exemplo o CITIC (Universidade da Coruña), o CiTIUS, Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia ou AtlantTIC da Universidade de Vigo, entre outros.
O obxectivo destes apoios é facilitar a consecución de equipamentos avanzados que convertan os nosos centros, xa de por si referenciais, en acubillos de investigación excelentes a nivel internacional. Tamén se busca insuflar novos azos ás súas capacidades de transferencia, ou sexa, de levar as súas importantes contribucións ás empresas e, en última instancia, a nós os cidadáns.
Os beneficiarios destas axudas son os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación galegos inscritos no rexistro estatal de centros regulado polo Real Decreto 2093/2008 de 19 de decembro. Os proxectos de adquisición de infraestruturas que presenten deben ter un orzamento mínimo de 100.000 euros, sen límite máximo, e poden presentar máis dunha solicitude por centro. Valorarase de xeito preferente aquelas solicitudes que presenten un plan de explotación da infraestrutura conxunto con outros centros, co obxectivo de fomentar a cooperación e o carácter aberto.
O tipo de infraestruturas que se poden adquirir ao abeiro desta axuda son equipamento científico e técnico. O importe máximo de cada axuda poderá chegar ao 50% dos custos subvencionábeis, sendo a dotación total desta convocatoria de 6,5 millóns de euros, co-financiados a través do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Categorías: Ciencia

Novos problemas cos iPhone 7 e X

Lun, 02/05/2018 - 13:52

Apple detectou que un grupo reducido de terminais de iPhone 7 teñen problema para conectar a redes de telefonía móbil, de xeito que non chegan a coller cobertura en lugares onde si hai, amosando a mensaxe de texto de sen servizo na barra de estado, o que parece ser culpa dun compoñente na placa base do teléfono, polo que iniciaron un programa de reparación para estes teléfonos vendidos principalmente en China, Xapón e EE.UU.
Deste xeito, os usuarios de iPhone 7 que teñan este problema poderán recibir unha solución de balde aínda que o seu terminal estea fóra de garantía, tendo que contactarse para iso directamente con Apple, non podendo acollerse ao programa de reparación a través de operadores de telecomunicacións.

Problemas co iPhone X

Pero este non está a ser o único problema de funcionamento dos iPhone que está de actualidade, senón que están a xurdir casos de usuarios que co seu novo iPhone X teñen problemas na recepción de chamadas por mor dun fallo que causa retardos que impiden ver a identificación de chamada mentres soa o teléfono ou incluso atopan que non funcionan os botóns para responder a chamada.
Ao parecer, estamos ante un bug presente dende o mes de decembro, que mentres Apple non o corrixa pode solucionarse reinstalando iOS a través de iTunes.

Categorías: Ciencia

O CPEIG lanza un chamamento a prol dun uso responsábel de Internet

Lun, 02/05/2018 - 13:41

Co gallo da celebración (este 6 de febreiro) do Día Internacional de Internet Segura (a nivel internacional, Safer Internet Day), promovido pola Comisión Europea e organizado por Insafe, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de emitir un comunicado que ten a tripla finalidade de (primeiro) adherirnos aos galegos á devandita xornada, (segundo) de facer un chamamento a prol dun “uso responsábel e seguro das novas tecnoloxías” e (terceiro) de fornecer á cidadanía (especialmente aos máis pequenos, por ser os máis vulnerábeis) dunha serie de recomendacións e consellos que axuden a tirar o mellor proveito posíbel das novas ferramentas de comunicación e información.
No comunicado, o CPEIG considera “de vital importancia” que a sociedade galega faga un “uso responsábel e seguro das novas tecnoloxías”, e lembra que o lema desta nova entrega da celebración (Crea, conecta e comparte respecto: unha Internet mellor comeza contigo) transmite dunha maneira clara e inequívoca a devandita mensaxe entre os menores de idade e a mocidade, tal e como tamén a transmite o contido do programa Navega con Rumbo posto en marcha hai sete anos, e aínda en activo, polo CPEIG e a Consellería de Educación.
En concreto, o CPEIG considera “que os cidadáns deben tomar conciencia da necesidade de navegar pola rede de forma segura, protexendo os seus datos persoais durante as transaccións e compras en liña e incorporándose á cultura da protección de datos”.
Baixo estas premisas, o Colexio elaborou unha listaxe de recomendacións para que a cidadanía sexa consciente das oportunidades e riscos que ofrece a Internet:
· Antivirus. Cómpre actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
· Executábeis. É preferíbel non descargar programas executábeis ou ficheiros que sexan susceptíbeis de conter software malicioso. Debemos protexer o equipo con programas “devasa” e de detección e eliminación de software espía.
· Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios deben efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca debemos dar información sobre identificadores de noso e moito menos sobre as nosas claves de acceso. Sexa especialmente rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo.
· Contrasinais. Cómpre manter contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan longos de abondo e difíciles de adiviñar. Debemos procurar non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, ("iogur.de#piña", "meu-can.ch4mase-Roque") que resulten doadas de lembrar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
· Wi-Fi. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptíbel de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndanse usar os últimos protocolos dispoñíbeis cando sexa posíbel (WPA/WPA2).
· Buscadores. Cómpre que teñamos en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
· Cookies. Convén borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda á rede dende un computador ao que teñan acceso outras persoas.
· Spam. No caso de recibirmos correos non desexados (spam), non deberemos enviar unha resposta, xa que estaremos confirmando a validez do noso enderezo electrónico.
· E-mail. Cando envíemos mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo Con Copia Oculta (CCO). No caso de envíos masivos usaremos as listaxes de distribución.
· Redes sociais. Debemos garantir a seguridade da información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do perfil e empregando contrasinais. Non esquezamos que os buscadores poden permitir a un terceiro obter a información pública dos perfís.
· Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou escribir nun foro podemos estar incluíndo información sobre outras persoas. Debemos ser conscientes de que temos que respectar os dereitos desas persoas.
· Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, teremos que asegurarnos de que a captación sexa o menos intrusiva. Así mesmo, debemos garantir a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
· Nenez. Debemos educar a infancia nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os máis cativos, como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.

Categorías: Ciencia

Windows 10 S podería desaparecer para converterse nun Modo S de Windows 10

Lun, 02/05/2018 - 13:04

A chegada de Windows 10 S resultou un tanto confusa, xa que esta versión do sistema operativo de Microsoft que só permite a instalación de aplicacións da tenda oficial do sistema, fornecendo así a seguridade do sistema, viña preinstalada nalgúns equipos coa posibilidade de migrar temporalmente a unha versión de Windows normal. Temos así que se daba o caso de usuarios que rexeitaban esta versión de Windows 10 e incluso chegaban a devolver o seu novo equipo por mor da mesma (ignorantes de que podían transformar a instalación nunha ordinaria) e, por outra banda, había outros usuarios que desexaban un Windows máis seguro e non sabían como facerse con Windows 10 S.
Pero esta situación de confusión parece que vai solucionarse pola vía do medio, e segundo vén de filtrarse, as versións doméstica, profesional e de empresa de Windows 10 contarán cun Modo S, ou sexa, que calquera versión ordinaria de Windows 10 poderá converterse en Windows 10 S, o que suporía a desaparición de Windows 10 S como un produto independente.
Polo momento non hai información oficial, e descoñécese se dende a versión doméstica haberá que realizar un pagamento adicional para empregar o Modo S (xa que Windows 10 S era equivalente á versión profesional de Windows 10), pero de confirmarse este novo esquema para Windows 10 haberá bastantes consumidores satisfeitos por poder, por exemplo, configurar os equipos destinados a cativos dun xeito máis seguro e estable, podendo manter un maior control sobre os mesmos co mero feito de restrinxir as aplicacións que poden instalarse.

Categorías: Ciencia

Páxinas