Concurso Inventa en Galego (Con App Inventor).

Concurso Inventa en Galego (Con App Inventor) 2015

App Inventor é unha forma simple e innovadora de realizar aplicacións funcionais en móbiles e tabletas Android. Estes dispositivos móbiles “intelixentes” xa son de uso común para a maioría dos galegos.

Ver http://appinventor.mit.edu/explore/

 

Entre as ferramentas que poden achegar a programación aos rapaces e axudarlles a desenvolver o pensamento computacional destaca especialmente App inventor xa que comparte co Scratch a utilización dunha interface gráfica intuitiva e unha técnica de programación por bloques e, ademais, ten a vantaxe de producir aplicacións que se executan en dispositivos de uso habitual pola xente nova, ao alcance de todos.

 

É un recurso útil para programar e para aprender en diversos cursos e materias, por esa razón animámosvos a participar en Inventa en Galego. Tanto se pode aproveitar nunha materia, por exemplo en  Tecnoloxías da Información e da Comunicación de 1º de Bacharelato (comezando por programación e ensinando AppInventor), como realizar un proxecto interdisciplinar no que teñen cabida múltiples cursos ou materias.

 

En que consiste?

Os participantes deben facer un programa en App Inventor:

-Crear un proxecto, -Crear a interface gráfica, -Facer a programación por bloques correspondente e –probar o funcionamento da aplicación no móvil ou tableta.

 

Nesta convocatoria, queremos dárlle un protagonismo especial aos sensores do móbil - orientación, localización...-  e, en canto á temática, centrarase  fundamentalmente en mostrar aspectos de interese do pobo, vila ou cidade que elixa o grupo; de tal maneira que permita ver unha descrición de cada un dos puntos de interese, presente a rota a seguir para visitalos ou indique como ir desde onde estás a cada un dos lugares onde se ubican.
 

No III e IV Congreso de Software Libre realizamos uns obradoiros sobre App inventor, polo que teredes un resumo en labirintos.eu. Tamén estamos dispostos a recibir consultas en Coruña, Lugo e Santiago, durante a exposición A Ciencia e a Tecnoloxía da Luz con aqueles que queiran participar para facer explicacións adicionais, sempre que o concerten con anterioridade. Ou ben por correo electrónico. Enviade as propostas a secretaria@igaciencia.org
Equipos e centros. Poden participar equipos de escolares dos centros educativos, de Primaria ou Secundaria presentados polos profesores do seu centro cun mínimo de dous membros.

 Prazo de recepción dos proxectos: 31 de  xaneiro de 2016. Os traballos presentados deben ser inéditos.  O xurado estará composto por 2 membros de Igaciencia e un por cada patrocinador.

 

Patrocinado por: Secretaría Xeral de Política Lingüística.
 

Premios: Dous premios por valor de 300 e 200 euros respectivamente. Poden participar varios grupos dun mesmo centro, pero só se concederá un premio por centro.

 

Destinatarios: grupos de alumnos e alumnas de centros educativos de nivel ata bacharelato e formación profesional de grao medio, inclusive.

 

Material a entregar: Enviar un correo electrónico a secretaria@igaciencia.org , deixando constancia de que é unha aplicación inédita, non divulgada previamente, coa seguinte información:

• Título da aplicación                                            • Descrición do que fai a aplicación

• Autores: nome, centro educativo, curso..          • 3-4 capturas de pantalla do funcionamento da aplicación

• As capturas de pantalla que recollan a interface gráfica e a programación por bloques

• Apk da aplicación   

 

 

 

FAQ Porque "en galego". Os programas enviados poden estar en varios idiomas. Pero un deses idiomas ten que ser o galego. Os programas (na súa versión galega, ao menos) quedarán dispoñibles nas páxinas de Igaciencia e dos patrocinadores. En igaciencia.eu, en Gañadores dos concursos Inventa en Galego e Sensores para todos, atópanse os .apk dos gañadores da edición anterior.