Presentación de Maxima

Submitted by admin on Sun, 04/22/2012 - 16:32

Un dos programas de matemáticas sobre os que orbita a RGSML (Rede Galega de Software Matemático Libre) é Maxima.

Este programa, inicialmente chamado Macsyma (MAC's SYmbolic MAnipulator), naceu no ano 1969 no MIT con fondos de varias axencias norteamericanas de investigación. Foi un dos primeiros programas de cálculo simbólico, de xeito que outros que virían despois, como Mathematica ou Maple na década dos oitenta, se inspirarían nel. O Departamento de Enerxía dos EEUU mantivo a propiedade do programa ata que no ano 1998, e a petición de William Schelter, liberouno coa licenza GPL do software libre.Schelter, da Universidade de Texas, que mantivo vivo o proxecto fóra dos cauces comerciais durante varios anos, aloxou as fontes do programa, xa co novo nome de Maxima, nos repositorios de Sourceforge pouco antes do seu pasamento. Hoxe, Maxima é mantido e actualizado por un grupo internacional de programadores procedentes dos sectores educativo e industrial.

Maxima é un programa de matemáticas xerais; anque normalmente encadrado como de cálculo simbólico, tamén fai cálculo numérico e gráfico. Dispón dunha sinxela linguaxe de programación coa que é posible ampliar as súas capacidades ou adaptalas a diferentes contextos. Cada vez é de uso máis frecuente nos contornos educativo e industrial.

A estas alturas, xa ninguén dubida de que os alumnos de agora van ser os profesionais de mañán, e que a formación dos profesionais do futuro non estará completa se non dominan as ferramentas TIC que lles permitan tomar decisións ou planificar proxectos. Moitas destas ferramentas poden ser xa utilizadas no nivel de ensino secundario, tanto como calculadoras gráficas, ou como contornos de experimentación, ou para preparar presentacións que faciliten a asimilación de conceptos, non só na área de matemáticas, senón tamén noutras materias de corte científico e tecnolóxico. Maxima é unha aposta máis.

Algunhas ligazóns de interese:

Páxina do proxecto

Titorial Primeros Pasos en Maxima

Titorial Maxima con wxMaxima: software libre en el aula de matemáticas

Video titoriais

Manual de referencia (HTML)

Manual de referencia (PDF)

Presentacións

Maxima en liña

(Mario Rodríguez Riotorto)