Converxencias Arte e Ciencia
Prácenos convidarvos a participar na actividade Converxencias Arte e Ciencia, que se desenvolverá no centro Ágora da Coruña no mes de xaneiro de 2018.
Presentación
A proposta enmárcase dentro das actividades da Institución Galega de Ciencia, IGACIENCIA, para desenvolver o seu papel de plataforma de difusión da ciencia e da cultura científica na sociedade actual. Igaciencia promove a síntese de cultura e innovación para propiciar a comprensión do método científico, a resolución de problemas, o espírito crítico e o interese social pola ciencia e a innovación como base do progreso.
Temática
Visualización da interacción, das conexións, entre a Arte e a Ciencia para establecer visións integradas e integradoras que, sen dúbida, propician unha maior comprensión de todas e cada unha delas.
Estrutura e composición da proposta para 2018:
Presentación animada sobre o método compositivo e o uso da cor por Juan Gris.
Parte expositiva
-Paneis interpretativos que poñen de manifesto as conexións coa ciencia das distintas obras obxecto de análise
-Obras de arte dixital impresas en 3D.
-Obradoiros
En función das características do grupo, desenvolveranse algúns dos seguintes obradoiros para implementar a parte expositiva:
-Teselar con polígonos. Xogando co polidrón. Creando e interpretando mosaicos: xogo da Alhambra, tipo Escher, de Penrose. Tramas e ilusións ópticas. Espirais de Fibonacci. Banda de Möebius.
Temporalización
- Inauguración e posterior presentación animada de Juan Gris seguida de visita abreviada, especialmente para o profesorado e para o público xeral. Día 12 de xaneiro, venres, á tarde.
- Oferta aos centros educativos para que, en grupos preferiblemente de ata 40 alumnos, participen en visita concertada durante 2 horas, en horario de mañá. Semana do 15 ao 19 de xaneiro co seguinte horario a elixir: 9:00 a 11:00, 10:45 a 12:45 ou 12:30 a 14:30.
- Parte expositiva aberta ao público xeral en horario de tarde, días 15 a 18.
Destinatarios:
Orientada preferentemente á ESO, FP e Bacharelato. Posibilidade de adaptar a sesión para alumnos de 5º e 6º de Primaria e alumnos da Escola de Arte e Universidade, dos centros educativos do concello da Coruña. En caso de que queden sesións sen cubrir abrirase a inscrición para os centros educativos doutros concellos.
Nº alumnos/grupo:
Preferiblemente grupos de ata 40 alumnos, máximo 50 alumnos por sesión. Se nunha sesión figura un grupo con poucos alumnos, pódese inscribir outro centro ata completar o número indicado con alumnado de nivel semellante.
Lugar:
Centro Ágora. R/ Lugar da Gramela, 17 | 15010 A Coruña. Ver mapa
- Zona expositiva da pranta baixa: exposición de 40 carteis.
-Aula 9: de proxección e exposición de obras de arte dixital realizadas en impresión 3D e de 5 carteis de Juan Gris.
-Aulas 8 e 9: para desenvolver os obradoiros con monitores.
Obxectivo
O obxectivo fundamental da exposición é ilustrar e profundar no diálogo entre a ciencia, a arte e a tecnoloxía, primando en todo momento a compoñente didáctica e divulgativa para achegarse ao público xeral e, especialmente, á xente nova. Trátase dunha proposta que propicia o tratamento STEAM nas aulas (Ciencia, Tecnloxía, Enxeñaría Arte e Matematicas). Unha maneira de traballar a ciencia e a arte en proxectos conxuntos, que impliquen ambos polos.
Descrición
Para explorar esa interacción dinámica selecciónanse obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo, iniciando a viaxe na arte castrexa, centrándose especialmente en movementos artísticos dos últimos séculos e rematándoa con obras de arte dixital 3D recentemente expostas en congresos internacionais.
Para nós, a palabra exposición implicitamente denota obradoiro-exposición. A parte manipulativa cobra vida dentro da exposición, onde non só temos espazo para a reflexión explicando que ocorreu coas correntes artísticas do pasado e a súa relación coa Ciencia, senón que queremos ofrecer experiencias que favorezan a participación activa do asistente e a estimulación da súa creatividade, que permitan establecer relacións, construír significados, crear oportunidades para establecer o razoamento matemático-científico e as aptitudes para comprender a ciencia e a arte.
Coa exposición interactiva pretendemos que aprendan ao mesmo tempo que se abraian e se divirten. O papel dos monitores é facilitar o achegamento ao coñecemento dun xeito claro, sinxelo e, a ser posible, lúdico.
Concreción da proposta para desenvolver en xaneiro 2018
Esta proposta aborda como a ciencia, as matemáticas, a arte e a vida se relacionan entre si.
O aspecto máis destacado, tanto polo interese que posúe en si mesmo como por ser unha primicia dada a coñecer por Arte e Ciencia, é o conxunto de paneis que mostran paso a paso o método compositivo de Juan Gris, así como unha presentación animada que permite achegarse, e sorprenderse, á esencia da súa obra.
Na exposición preséntanse mostras de múltiples aspectos xeométricos que rexen a construción de obras de arte, máis tamén se fai explícita a influenza de investigacións científicas como a persistencia retiniana, o contraste simultáneo de cores, os descubrimentos en astronomía…, sen esquecer a análise de símbolos galegos e obras arquitectónicas. Dedícase un apartado especial ao contexto actual no que, ao igual que a fotografía cambiou as metas da arte, o desenvolvemento tecnolóxico revolucionou as maneiras de crear e representar.
As conexións son múltiples e en ambos sentidos. Acéptase que a xeometría incide e inflúe nas artes plásticas pero poucos teñen presente que o puntillismo inflúe no concepto de píxel, ou que dous premios Nobel de Química recentes foron outorgados por aspectos científico-artísticos que iluminan a Química, como son os cuasicristais e o fullereno.
A título de exemplo, enuméranse algún dos temas e autores elixidos como obxecto de análise e exposición:
- Cultura galega (Símbolo Románico, A cruz celta de Santa Susana en Santiago, Símbolos de Santa Trega, Día e Noite, e as ecuacións que os describen ou métodos de construción)
- Arquitectura (Ecuacións de perfís en obras arquitectónicas destacadas, Cúpulas xeodésicas)
- Lsystem (que son e artesonado dos alcázares reales)
- Fractais (Mandebrot-Julia-Newton, fractais, Cores por ecuacións)
- Número de ouro
- Dali e a ciencia
- Análise desde a perspectiva matemática, do contraste simultaneo de cores de Chevreul, a persistencia retiniana ou o gestaltismo de representantes do op art, Vasarely e Bridget Riley.
- Calder e a física, Mondrian e matemáticas, Seurat e a Química
- Juan Gris e as rimas pictóricas
- Fullereno, Cuasicristais e a teselación de Penrose
- Obras 3D, de Manuel Díaz Regueiro, expostas en Congresos internacionais de arte e matemáticas: Fibonacci's Bell, Hurricane Sandy, Tornado's cup…
Antecedentes
O xerme da actividade está nas exposicións e Arte e Ciencia, desenvolvidas en:
-Pazo de San Marcos. Lugo, 20/09 a 20/11/2013.
-Galería Sargadelos. Santiago, 3 a 15/11 de 2014.
-Centro Cultural Marcos Valcarcel. Ourense 14 a 20/10/2015.
http://www.igaciencia.eu/?q=tags/arte-e-ciencia
Para completar a visión engádese o Corte da emisión da TVG relativa a Arte e Ciencia
http://www.crtvg.es/informativos/unha-exposicion-mostra-en-lugo-a-union-...
Polo que se refire ás obras 3D de Manuel Díaz Regueiro, figuran as seleccionadas para ser expostas nos congresos internacionais Bridges de Arte e Matemáticas dos últimos anos (2008 e desde 2010 ao 2017 ). Mesmo a obra Fibonacci's Bell da súa autoría formou parte dunha exposición de Arte e Matemáticas itinerante en EEUU e na actualidade está exposta no MoMath (Museo Nacional de Matemáticas) de New York.
http://gallery.bridgesmathart.org/exhibitions/2011-bridges-conference
http://gallery.bridgesmathart.org/exhibitions/2011-bridges-conference/md...
Enlaces ás obras dos últimos anos en Bridges: En Bridges Art Exhibit 2013
En Bridges Art Exhibit 2014 En Bridges Art Exhibit 2015 En Bridges Art Exhibit 2016
- Log in to post comments