Concurso Inventa en Galego (Con App Inventor).
App Inventor é unha forma simple e innovadora de realizar aplicacións funcionais en móbiles e tabletas Android. Estes dispositivos móbiles “intelixentes” xa son de uso común para a maioría dos galegos.
Ver http://appinventor.mit.edu/explore/
Entre as ferramentas que poden achegar a programación aos rapaces e axudarlles a desenvolver o pensamento computacional destaca especialmente App inventor xa que comparte co Scratch a utilización dunha interface gráfica intuitiva e unha técnica de programación por bloques e, ademais, ten a vantaxe de producir aplicacións que se executan en dispositivos de uso habitual pola xente nova, ao alcance de todos.
É un recurso útil para programar e para aprender en diversos cursos e materias, por esa razón animámosvos a participar en Inventa en Galego. Tanto se pode aproveitar nunha materia, por exemplo en Tecnoloxías da Información e da Comunicación de 1º de Bacharelato (comezando por programación e ensinando AppInventor), como realizar un proxecto interdisciplinar no que teñen cabida múltiples cursos ou materias.
En que consiste?
Os participantes deben facer un programa en App Inventor:
-Crear un proxecto, -Crear a interface gráfica, -Facer a programación por bloques correspondente e –probar o funcionamento da aplicación no móvil ou tableta.
Nesta convocatoria, queremos dárlle un protagonismo especial aos sensores do móbil - orientación, acelerómetro, localización, luz...- e, en canto á temática, centrarase fundamentalmente en mostrar aspectos de interese do pobo, vila ou cidade que elixa o grupo; de tal maneira que permita ver unha descrición de cada un dos puntos de interese, presente a rota a seguir para visitalos ou indique como ir desde onde estás a cada un dos lugares onde se ubican.
No III Congreso de Software Libre realizamos un obradoiro sobre App inventor, polo que teredes un resumo en labirintos.eu. Tamén estamos dispostos a realizar unha reunión en Coruña, Lugo e Santiago con aqueles que queiran participar para facer explicacións adicionais.
Prazo de recepción dos proxectos: 9 de novembro de 2014. Os traballos presentados deben ser inéditos. O xurado estará composto por 2 membros de Igaciencia e un por cada patrocinador.
Patrocinado por: Secretaría Xeral de Política Lingüística e EducaBarrié.
Premios: Dous premios por valor de 300 e 200 euros respectivamente, e a participación no estand de educaBarrié en Galiciencia (Ourense) e en Ciencia na Rúa en Coruña. Poden participar varios grupos dun mesmo centro, pero só se concederá un premio por centro.
Destinatarios: grupos de alumnos e alumnas de centros educativos de nivel ata bacharelato e formación profesional de grao medio, inclusive.
Material a entregar: Enviar un correo electrónico a secretaria@igaciencia.org , deixando constancia de que é unha aplicación inédita, non divulgada previamente, coa seguinte información:
• Título da aplicación • Descrición do que fai a aplicación
• Autores: nome, centro educativo, curso.. • 3-4 capturas de pantalla do funcionamento da aplicación
• 3-4 capturas de pantalla que recollan a interface gráfica e a programación por bloques
• Apk da aplicación
FAQ Porque "en galego". Os programas enviados poden estar en varios idiomas. Pero un deses idiomas ten que ser o galego. Os programas (na súa versión galega, ao menos) quedarán dispoñibles nas páxinas de Igaciencia e dos patrocinadores.
- Log in to post comments