Concurso de vídeos de Divulgación Científica en Galego 2026

Enviado por admin o

1. Obxecto

Igaciencia convoca o Concurso de Vídeos de Divulgación Científica en Galego co obxectivo de promover a divulgación científica en lingua galega, e fomentar a curiosidade, o pensamento crítico, a creatividade e a comunicación audiovisual entre o alumnado.

Preténdese estimular a capacidade para explicar conceptos científicos de maneira rigorosa, comprensible e creativa, empregando o vídeo como ferramenta de aprendizaxe e divulgación.

 

2. Participantes

Poderá participar o alumnado matriculado en centros educativos de Galicia nas etapas de:

  • Educación Secundaria Obrigatoria.
  • Bacharelato.
  • Formación Profesional.

Os traballos poderán presentarse de forma individual, en grupo ou como proxecto de aula, baixo a coordinación dun docente.

Cada participante, grupo ou proxecto de aula poderá presentar un máximo dun vídeo.

 

3. Características dos vídeos

Os traballos deberán:

  • Estar realizados integramente en lingua galega.
  • Ter unha duración entre 1 e 5 minutos.
  • Vídeo en formato horizontal 16:9
  • Tratar unha temática científica: tecnoloxía, matemáticas, ciencias da Terra, bioloxía, física, química, saúde…
  • Ser orixinais e inéditos.
  • Non ter sido premiado o vídeo previamente antes da finalización da inscrición. 

4. Presentación

Cada vídeo deberá presentarse acompañado da seguinte información:

  • Título
  • Breve resumo, cun máximo de 200 palabras
  • Relación das fontes de información empregadas
  • De usar a IA, indicar en que fases do proceso de produción do vídeo foi utilizada
  • Curso
  • Centro educativo
  • Docente responsable 
  • Datos de contacto do docente responsable (correo electrónico e teléfono)

5. Datas para ter en conta

A inscrición poderá efectuarse os meses de setembro e outubro.

O prazo de presentación inicial rematará o día 16 de novembro ás 23:59 horas.

O Xurado realizará a revisión e avaliación para seleccionar os mellor clasificados e, de ser necesario, o día 22 fará propostas de mellora.

Unha vez revisados e corrixidos, as versión definitivas deberán entregarse antes das 24:00 horas do día 27 de novembro.

 Os traballos presentaranse a través do procedemento indicado por Igaciencia na web Igaciencia.eu (usando o correo de resposta á inscrición)

5. Premios

Concederanse ata un máximo de 10 premios, dotados con 200 € cada un

O xurado poderá outorgar mencións especiais, declarar deserto algún premio ou redistribuílos entre as distintas categorías cando a calidade dos traballos así o requira.

Só se premiará un vídeo por centro, salvo casos extraordinarios e xustificados.

 

6. Criterios de valoración

Os vídeos serán avaliados atendendo, entre outros, aos seguintes aspectos:

  • Uso correcto da lingua galega.
  • Rigor científico.
  • Capacidade divulgativa.
  • Claridade da explicación.
  • Creatividade e orixinalidade.
  • Estrutura narrativa.
  • Calidade audiovisual.
  • Calidade das fontes de información empregadas.
  • Uso proporcional, responsable e ético da IA.

 

7. Uso da intelixencia artificial  

Permítese o uso de ferramentas de intelixencia artificial como apoio ao proceso creativo, por exemplo, para a elaboración do guión, a creación de ilustracións ou algunha animación, a xeración de subtítulos ou a mellora do audio. O vídeo NON pode estar creado en máis dun 50% por IA e oaudio nunca pode ser narrado por unha voz creada en IA.

En todo caso, os participantes serán responsables da veracidade do contido científico, da revisión da información xerada e da autoría final do traballo. De usar a IA debe indicarse en que fases do proceso de produción do vídeo foi utilizada.

 

8. Dereitos de autor e de imaxe

Os participantes garanten que dispoñen dos dereitos necesarios sobre todos os materiais utilizados e que respectan a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual.

Se no vídeo aparecen persoas identificables:

  • As maiores de 14 anos deberán presentar a súa propia autorización asinada.
  • As menores de 14 anos deberán achegar unha autorización asinada polo pai, nai ou representante legal.

Estes certificados quedarán na custodia do centro educativo e a organización poderá solicitar estas autorizacións en calquera momento.

 

9. Difusión das obras

Os autores autorizan a Igaciencia e á Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia a difundir os vídeos premiados e finalistas con fins educativos, científicos e divulgativos, sempre sen ánimo de lucro e facendo constar a autoría e o centro educativo. 

A propiedade intelectual das obras seguirá pertencendo aos seus autores.

 

10. Exclusións

Quedarán excluídos os traballos que:

  • Incumpran estas bases.
  • Sexan plaxios ou vulneren dereitos de autor.
  • Empreguen contidos ofensivos ou discriminatorios.
  • Presenten información científica deliberadamente falsa ou manipulada.
  • Se presenten fóra de prazo.

 

11. Xurado  

O xurado estará integrado por profesionais dos ámbitos da ciencia, da educación, da comunicación audiovisual e da lingua galega.

As súas decisións serán inapelables.

 

12. Aceptación das bases

A participación neste concurso implica a aceptación íntegra destas bases.

A organización resolverá calquera cuestión non prevista nelas.

 

Igaciencia pon á disposición dos participantes a publicación Contar a ciencia. Guía para crear un bo vídeo de divulgación científica, na que se ofrecen recomendacións sobre planificación, comunicación científica, gravación, edición, accesibilidade, uso responsable da Intelixencia Artificial e boas prácticas audiovisuais.

A súa consulta é altamente recomendable antes de iniciar o proxecto.

Os resultados serán postos nesta web a finais de novembro de 2026, e a entrega de premios será na sede da Secretaría Xeral da Lingua (Rúa San Roque, 2, Santiago de Compostela) sobre o día 10 de decembro. Os vídeos premiados serán  visibles en youtube.com/igaciencia1

Datos do profesor/a