Conferencia sobre "Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable" en Lugo o día 4 de decembro de 2023

Enviado por admin o Xov, 10/05/2023 - 00:46

Convidamos aos centros educativos que o desexen a acudir á Conferencia

Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable

impartida por Dª Mari A. Lires. Doutora en Química. Premio UVIGUALA da Universidade de Vigo, 2017. Profesora de  Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Universidade de Vigo.

A relación entre mulleres, ciencia e tecnoloxía non sempre estivo marcada pola desigualdade, algo que se amosa ao facer un percorrido, mesmo superficial, pola historia destas disciplinas, antes de que fosen consideradas oficialmente como tales. Houbo moitas máis mulleres das que recolle a historia da ciencia oficial, pero non se soubo da súa existencia ata que os Estudos de Xénero e Ciencia comezaron a investigar a súa suposta ausencia aló polos anos 80 do século pasado.

Ata 1910, as mulleres non puideron acceder aos estudos universitarios en España, mais, actualmente, son maioría nas titulacions científicas e tecnolóxicas, agás nalgunhas enxeñarías e en física.  As desigualdades persisten nos postos de dirección de políticas de ciencia e tecnoloxía e son moito máis notorias nas empresas correspondentes.

É preciso contar co talento das mulleres (o 50% da poboación) para avanzar nestes eidos e mais na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU (2015). A conferencia versará sobre todas estas cuestións e, ademais, amosará unha escolma de biografías e logros dun conxunto de mulleres de todos os continentes, do pasado e do presente.

Data: día 4 de decembro de 2023, ás 12 horas.

Lugar: Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo.

Inscrición: como o aforo está limitado a 160 persoas, para participar debes inscribir un grupo clase no formulario que se engade ao final.  Pecharemos a inscrición cando se cubran as prazas.

 

Co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e co motivo do Día da Ciencia en Galego 2023

Pechado formulario porque o aforo do salón de actos está completo. Para inscribirse en lista de espera enviar correo a secretaria@igaciencia.org