1. Obxecto
IGACIENCIA convoca o Concurso de Vídeos de Divulgación Científica en Galego co obxectivo de promover a divulgación científica en lingua galega, fomentando a curiosidade, o pensamento crítico, a creatividade e a comunicación audiovisual entre o alumnado.
Preténdese estimular a capacidade para explicar conceptos científicos de maneira rigorosa, comprensible e creativa, empregando o vídeo como ferramenta de aprendizaxe e divulgación.
2. Participantes
Poderá participar o alumnado matriculado en centros educativos de Galicia nas etapas de:
- Educación Secundaria Obrigatoria.
- Bacharelato.
- Formación Profesional.
Os traballos poderán presentarse de forma individual, en grupo ou como proxecto de aula, baixo a coordinación dun docente.
Cada participante, grupo ou proxecto de aula poderá presentar un máximo dun vídeo.
3. Características dos vídeos
Os traballos deberán:
- Estar realizados integramente en lingua galega.
- Ter unha duración entre 1 e 5 minutos.
- Vídeo en formato horizontal 16:9
- Tratar unha temática científica: tecnoloxía, matemáticas, ciencias da Terra, bioloxía, física, química, saúde…
- Ser orixinais e inéditos.
- Non ter sido premiado o vídeo previamente antes da finalización da inscrición.
4. Presentación
Cada vídeo deberá presentarse acompañado da seguinte información:
- Título.
- Breve resumo, cun máximo de 200 palabras.
- Relación das fontes de información empregadas.
- De usar a IA, indicar en que fases do proceso de vídeo produción foi utilizada.
- Curso.
- Centro educativo.
- Docente responsable
- Datos de contacto do docente responsable (correo electrónico e teléfono).
O prazo de presentación rematará o día 15 de novembro ás 23:59 horas.
Os traballos presentaranse a través do procedemento indicado por IGACIENCIA na web Igaciencia.eu (Usando o correo de resposta á inscrición)
5. Premios
Concederanse ata un máximo de 10 premios, dotados con 200 € cada un.
O xurado poderá conceder mencións especiais, declarar deserto algún premio ou redistribuílos entre categorías cando a calidade dos traballos así o xustifique.
Só se premiará un vídeo por centro, salvo casos extraordinarios e xustificados.
6. Criterios de valoración
Os vídeos serán avaliados atendendo, entre outros, aos seguintes aspectos:
- Uso correcto da lingua galega.
- Rigor científico.
- Capacidade divulgativa.
- Claridade da explicación.
- Creatividade e orixinalidade.
- Estrutura narrativa.
- Calidade audiovisual.
- Calidade das fontes de información empregadas.
- Uso proporcional, responsable e ético da IA.
7. Uso da Intelixencia Artificial
Permítese o uso de ferramentas de Intelixencia Artificial como apoio ao proceso creativo, por exemplo, para a elaboración do guión, a creación de ilustracións ou algunha animación, a xeración de subtítulos ou a mellora do audio. O vídeo NON pode estar creado en máis dun 50% por IA e nunca pode ser o audio narrado por unha voz creada en IA.
En todo caso, os participantes serán responsables da veracidade do contido científico, da revisión da información xerada e da autoría final do traballo. De usar a IA debe indicarse en que fases do proceso de produción do vídeo foi utilizada.
8. Dereitos de autor e de imaxe
Os participantes garanten que dispoñen dos dereitos necesarios sobre todos os materiais utilizados e que respectan a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual.
Se no vídeo aparecen persoas identificables:
- As maiores de 14 anos deberán presentar a súa propia autorización asinada.
- As menores de 14 anos deberán achegar unha autorización asinada polo pai, nai ou representante legal.
Estes certificados quedarán na custodia do centro educativo e a organización poderá solicitar estas autorizacións en calquera momento.
9. Difusión das obras
Os autores autorizan a IGACIENCIA e a Secretaría de Lingua da Xunta de Galicia a difundir os vídeos premiados e finalistas con fins educativos, científicos e divulgativos, sempre sen ánimo de lucro e facendo constar a autoría e o centro educativo.
A propiedade intelectual das obras seguirá pertencendo aos seus autores.
10. Exclusións
Quedarán excluídos os traballos que:
- Incumpran estas bases.
- Sexan plaxios ou vulneren dereitos de autor.
- Empreguen contidos ofensivos ou discriminatorios.
- Presenten información científica deliberadamente falsa ou manipulada.
- Se presenten fóra de prazo.
11. Xurado
O xurado estará integrado por profesionais dos ámbitos da ciencia, da educación, da comunicación audiovisual e da lingua galega.
As súas decisións serán inapelables.
12. Aceptación das bases
A participación neste concurso implica a aceptación íntegra destas bases.
A organización resolverá calquera cuestión non prevista nelas.
IGACIENCIA pon á disposición dos participantes a publicación “Contar a ciencia. Guía para crear un bo vídeo de divulgación científica”, na que se ofrecen recomendacións sobre planificación, comunicación científica, gravación, edición, accesibilidade, uso responsable da Intelixencia Artificial e boas prácticas audiovisuais.
A súa consulta é altamente recomendable antes de iniciar o proxecto.